Unha biblioteca a Lucho do Peto e a súa 'libritis crónica'

 

Aínda non son conscientes da importancia do home que onte os visitaba, pero a súa figura, que está adaptada na versión ilustrativa como Lucho do Peto, élles tan familar que non dubidan en collelo da man para posar na foto.

Os pequenos dos colexios rurais agrupados (CRA) de Teo, vivían onte unha xornada histórica coa visita de Avelino Pousa Antelo. O ilustre galeguista, ao que os rapaces coñecen máis polo seu alter ego animado, Lucho do Peto, inauguraba onte a biblioteca do CRA teense, instalada na antiga escola unitaria do Aido, que levará o seu nome.

Tras pechar o ano pasado por falta de alumnado, o centro foi acondicionado polo Concello para "manterse sempre vivo" reconvertido agora nunha aula literaria que servirá ademais para actividades educativas e lúdicas, como os contacontos.

"Cando comezamos a buscar un nome para a biblioteca, non nos costou nada dar con el", explicaron os profes. A elección de Avelino Pousa "veu dada por un sinfín de razóns", que os propios alumnos foron lembrando en alto: "porque el tamén é profesor, porque ama a súa terra e o galego; porque a súa filla, Gela, foi a última mestra da escola do Aido e porque lle gusta tanto ler que di que ten libritis crónica".

Pousa Antelo ratificou cada unha destas razóns entre o aplauso emocionado da súa filla, e o conxunto da comunidade escolar e a Corporación.