O 13 de novembro celébrase o Día das Librarías promovido por CEGAL e a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte. En Galicia está incluÍda no Calendario do Libro e a Lectura e conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia. Desde CEGAL sinalan que “… queremos mostrar que somos espazos próximos, modernos e en continua evolución para xerar cultura, e crear comunidades en torno ao libro e a lectura”
Pensamos, que este é un bo ano para reivindicar, unha vez máis, as LIBRARÍAS DE PROXIMIDADE, espazos que van máis alá da venda de libros, transformándose en motores culturais da comunidade. Librarías con profesionais que entenden a literatura como algo non supeditado ás modas. Libreiros e libreiras que consiguen o imposible, que nos axudan a conformar unha colección rigorosa nas nosas bibliotecas. Librarías que son espazos de acubillo para alumnado e familias, con múltiples actividades compartidas.
Agora que nos precisan ao seu carón, promovamos actividades, entre a comunidade educativa, para achegarnos ao seu traballo: entrevistas, traballos de investigación, visitas virtuais... É necesario coñecer e preservar a cadea do libro.