Skip to Content

 

Carta ás familias

 Reunidos os equipos directivos dos centros de ensino infantil e primaria  de Cambados en representación do profesorado da ensinanza pública do Concello queremos realizar as seguintes aclaracións en relación ao traballo dos mestres:

 

1º.-  O horario do profesorado é de 37,5 horas semanais, horario que non se modificou coa presente normativa. O horario do alumnado sigue sendo de 25 horas semanais.

2º.-  No horario do profesorado diferénciase o horario lectivo (traballo directo co alumnado) do horario non lectivo (e dentro deste especifícase o tempo de presencia no colexio).

3º.-  As consecuencias da nova regulación da xornada de traballo do profesorado implicarán:

a) A reducción, a corto prazo, do número de profesores no colexio.

b) Falta de tempo  para continuar realizando moitas das actividades que  viñamos facendo e nas que invertimos moitas horas (de horario non lectivo):

  • A realización da revista escolar.
  • A preparación de efemérides como o Nadal (teatro con escenario, vestuario, ensaios fóra de horario), entroido, maios, festivais …
  • A participación en proxectos: abalar, seccións bilingües …
  • As excursións e saídas fóra do horario lectivo.
  • A atención ao Plan de mellora de Bibliotecas escolares (nalgúns centros).

 c) Nos colexios de comedor e transporte o profesorado terá que realizar tarefas de vixiancia e coidado propias doutros profesionais: vixiantes, coidadores.

d) A reducción de tempo e recursos para a formación e perfeccionamento profesionais.

e)  A reducción do tempo de coordinación e programación docente.

 

Quedan sen resolver, en prol da calidade da educación aspectos como os seguintes:

a) A reducción das ratios: Hai aulas con máis de 25 alumnos/as.

b) A asignación correcta de profesorado: Hai profesores que ocupan prazas para as que non teñen a titulación esixida (profesores de Inglés ou de Educación Física que deben traballar en Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica ou Orientación).

c) A dotación aos centros de infantil e primaria de administrativos: O “papaleo” aumenta cada curso e seguimos sen que se dote de administrativos aos colexios de infantil e primaria (os centros de secundaria, co mesmo número de alumnos, si teñen).

 

            Non pedimos traballar menos horas. Si pedimos que se dote aos centros dos medios materiais (edificios, patios, mobiliario, dotación económica ...) e humanos (profesorado, administrativos, conserxería, limpeza, coidadores ...) necesarios para desenvolver o noso labor.

O aforro que se pretende conseguir coa nova regulación neste  tempo de crise contrasta co aumento dos investimentos na Educación Privada.

Comprácenos sentir o apoio de moitas nais e pais conscientes da importancia que ten a defensa dunha Educación Pública de calidade para todos/as.

A educación é un servizo esencial e unha inversión que axuda ao progreso dun país. A Educación Pública é garantía de igualdade de oportunidades e contribúe á cohesión da sociedade.  

Equipos directivos dos centros de  Infantil e Primaria do Concello de Cambados

 



blog | by Dr. Radut