Skip to Content
Teléfono: 982 82 82 37

DÍA DA ÁRBORE NO CEIP DE QUIROGA

Como xa é habitual nos últimos anos, os días 21 e 22 de marzo celebramos os días da Árbore e da auga. Neste curso 2012 - 2013 plantamos un bidueiro e procedemos a un posterior sorteo para elixir o nome, finalmente saíu o nome de "Folliñas".


Podemos ver as fotos aquí.

21 e 22 de marzo: Día da Árbore e da Auga

Día da árbore






O día 21 de Marzo,celébrase o "Día da árbore" coa intención de impulsar a protección e o coidado dos nosos bosques.
As árbores son seres vivos que reducen a contaminación e nos aportan magníficas paisaxes , fontes de vida, ademais de alimentos e materias primas.

CHEGOU A PRIMAVERA:

Cambiamos de estación e a ver si tamén de tempo porque xa estamos aburridos de tanta chuvia e frío. Desde AulaTic queremos desexarvos a todos e todas os que nos visitades e seguides unha ...





E para ir preparando a Unidade Didáctica da Primavera, que comezaremos despois das vacacións de Semana Santa, estamos a recopilar distintos recursos, tanto propios como de outros blogs amigos.  Clicade na imaxe para acceder aos que temos polo de agora:





CONTACONTOS CON ANXO MOURE: "O CARBALLO CON BOTAS"

O xoves 14 de marzo de 2013 contamos coa presenza dun dos mellores contacontos galegos, Anxo Moure, co que aprendemos e nos divertimos moito coas súas historias sobre a natureza.

Podes ver as fotos desde aquí.

Enlace a Contos solidarios.

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Coincidindo co Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, o CIM do Concello de Quiroga desprazouse ata o centro para facer unha análise da incorporación da muller ao deporte, sobre todo, ao fútbol. Para elo contouse coa presenza no centro do entrenador do fútbol de Quiroga, Andrés Novoa; e a xogadora do F.S.F. de Quiroga, Alba Rodríguez, que explicaron a situación da muller no deporte e responderon as preguntas dos nenos e nenas.

 

NAVEGACIÓN SEGURA EN INTERNET

O pasado luns 4 de marzo recibimos no noso centro unha charla sobre os coidados e perigos á hora de navegar pola Internet. Esta actividade foi proporcionada pola Consellería de Educación en colaboración con Movistar.

VER FOTOS

24 DE FEBREIRO - DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 

Biografía de Rosalía de Castro

 

 

 

ROSALÍA DE CASTRO 
(1837 – 1885)

Rosalía de Castro é a figura máis importante do Primeiro Renacemento galego. Naceu en Santiago de Compostela, en 1837, como froito das relacións entre unha fidalga e un sacerdote. Desde ben nena pasou a vivir coa súa nai, primeiro na zona de Padrón e, a partir de 1850, en Santiago de Compostela. Nesta cidade Rosalía será testemuña da terríbel fame e do andazo de cólera de 1853-54 e vivirá o fervor revolucionario deses anos. É probábel que iniciase a súa formación na Sociedade Económica de Amigos del País, mentres asistía con regularidade ao Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista. As correntes ideolóxicas que imperaban no grupo, e que permanecerán sempre na obra de Rosalía, eran o socialismo utópico e o republicanismo democrático.
    Posibelmente non fose casual que a marcha de Rosalía a Madrid, en 1856, coincidise coas represalias contra os participantes no Banquete de Conxo, organizado polo grupo do que ela formaba parte, aínda que o máis probábel é que se desprazase á Corte coa intención de se dedicar profesionalmente á escrita. Alí casou con Manuel Murguía en 1858 e publicou as súas primeiras obras: o poemario La Flor (1857) e mais a novela La hija del mar (1859). Nesta última aparece xa a Rosalía feminista, a escritora que, dentro dos estreitos límites que lle impón a época, fai unha alegación en defensa dos dereitos da muller.
    A década dos 60, que desembocou na Revolución do 68, foi un período de grande efervescencia intelectual e política. Rosalía e Murguía formaban parte desa corrente federalista e republicana que aspiraba a un novo modelo político en que a causa galeguista tería cabida, que soñaba con ideais do socialismo utópico: liberdade relixiosa, libre comercio, sufraxio universal... Neste ambiente de ilusión e esperanza no futuro, Rosalía escribiu os Cantares gallegos, cuxa publicación, en 1863, marcou o inicio do Primeiro Renacemento. No "Prólogo" intentou suavizar as posíbeis reaccións contra o libro polo seu carácter reivindicativo, o uso exclusivo do galego e a autoría feminina.
    Rosalía era por entón unha escritora profesional que colaboraba con regularidade en diversas publicacións, mentres atendía ás obrigas familiares que a levaron a residir unhas veces en Castela (Madrid e Simancas) e outras en Galiza (Lugo, Compostela, A Coruña, Padrón), onde ficará definitivamente na década dos 70. Mais o fracaso da Revolución do 68 e a Restauración Borbónica acabaron coa esperanza no futuro. Á ilusión seguiu o desengano, agravado polas dificultades económicas derivadas do cambio político e polas discrepancias e disputas entre Murguía e Lamas, entre o galeguismo progresista e o galeguismo conservador. As consecuencias destes desencontros pagounas Rosalía, pois ficou sen posibilidades de colaborar na prensa galega. A máis relevante escritora das nosas letras tivo que publicar o seu derradeiro poemario galego, Follas Novas (1880), na Habana e Madrid. O desencanto e a amargura ditaron as "Dúas palabras da autora" con que se abre este poemario, en que a muller galega, os nenos, os vellos e todos os desposuídos encontraron a súa voz propia.
    O cancro acabou coa vida de Rosalía en 1885, non sen que antes deixara unha importantísima obra en español, poética (En las orillas del Sar) e narrativa (El primer locoRuinasEl caballero de las botas azules), que aínda non está suficientemente valorada.
    No centenario da publicación de Cantares Gallegos, a Real Academia Galega consagrou o 17 de Maio á celebración do Día das Letras Galegas, que lle foron dedicadas a Rosalía na súa primeira edición. Os restos da nosa máis insigne escritora repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

OBRAS

VIDEOS:

- Vida y obra de Rosalía de Castro.

- Cómo fue la vida de Rosalía de Castro.

- Rosalía de Castro, la grandeza.

- "Adiós ríos, adiós fontes ..." - Amancio Prada

 

VER FOTOS NO CEIP DE QUIROGA

Distribuir contido


by Dr. Radut