Letras Galegas 2008: "XOSÉ Mª ÁLVAREZ BLÁZQUEZ"

 

entrarLetras Galegas 08

                                                

entrar  Xosé María Álvarez Blázquez: Vida e obra

XOSÉ Mª ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 – Vigo, 1985) é o editor, escritor e animador cultural homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. A súa obra abrangue a poesía, a novela e o teatro; investigou a literatura galega, o folclore, a arqueoloxía e a historia.

Escritor en lingua galega e castelá, Álvarez Blázquez é fillo de Darío Álvarez Limeses, militou nuna Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Xunto con Luís Viñas Cortegoso fundou a Editorial Monterrey no ano 1950. Xa en 1962 ingresou na Real Academia Galega e dous anos despois, en 1964, fundou unha nova editorial: Edicións Castrelos.

Da súa obra en galego destacan a colección de relatos Os ruíns (1936) e A pega rabilongo e outras historias de tesouros (1971), no xénero da narrativa infantil. Entre a súa obra lírica, o poemario, realizado xunto co seu irmán Emilio, Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancioneiro de Monfero (1953), unha das obras claves do neotrobadorismo, Romance do pescador peleriño (1954), ademais de Canle segredo, escrito no 54 e publicado no 76.

Como ensaísta, publicou Escolma de poesía galega II, A poesía dos séculos XIV a XIX (en 1959), Escolma de epigramas (1968), e Escolma de poesía medieval (1975).

En castelán Álvarez Blázquez publicou a novela En el pueblo hay caras nuevas (1945).

Como autor teatral publicou O zapato do cristal, que foi escenificado en Vigo o 2 de xaneiro de 1947, e Os pazos altivos, unha comedia en tres actos en verso.


 

 

entrarPoesía infantil nas Letras Galegas 2008

 


“Hai moitos anos naceu en Vigo unha nena que non tiña nome. Os seus pais, que andaban a rir ao vela colorada de alegría e cos ollos azuis como auga dunha fonte, souberon que se chamaba Colorín. E así a chamaron. (…)
Cando a nena tiña un ano, o pai escribiu este libro para contar como chegara un día Colorín voando no vento.(…)
Por iso o libro, que ao principio tampouco tiña nome, chamouse Roseira do teu mencer. O mencer de Colorín, os seus primeiros días e meses de luz, está relatado aquí en versos pequenos que son para cantar.”

Así nos presenta Xosé Mª Álvarez Cáccamo a súa irmá e o libro de poemas que para ela escribira seu pai, Xosé Mª Álvarez Blázquez, ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas.
Un libro sentido e para os sentidos, para que todos os nenos e nenas poidan gozar nun ano no que as letras tamén van dirixidas expresamente a eles.

 

Polo laranxal
tres avelaíñas andan a voar.
Unha, dúas, tres,
de presa que voan, vense e non se ven.


Polo laranxal
tres avelaíñas andan a chuchar.
Unha, dúas, tres,
de tanto que chuchan, borrachas de  mel!

 

Caídas no chan

tres avelaíñas polo laranxal!


                                                                                                   
 

XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

"Roseira do teu mencer". Xerais

Powered by Drupal - Design by artinet