A paz, a tolerancia e a convivencia

   Premendo neste Symbaloo ao que tamén podedes entrar desde o blog da  biblioteca, atoparedes cancións, cortos de animación, contos e historias sobre a paz, a tolerancia, o respeto e a convivencia para pensar e traballar na clase e na casa. Outras linguaxes...

     Materiais para pequenos  e  maiores, de arriba abaixo. Desde Pocoyo e Caillu ata un clásico como o discurso de Chaplin no Gran dictador, a realidade dos nenos na guerra, o respeto polas diferenzas e as discapacidades, cortos premiados, raps pola tolerancia, música colaborativa na rúa, os discursos das nenas  Malala (premio pola Paz)  e  Severn Suzuki  que fixeron pensar aos políticos na ONU. Un enlace coa páxina da orquestra infantil Cateura sobre a música  que se pode facer co refugallo que rodea os barrios pobres arredor dun vertedoiro en Paraguay. Cancións co texto da Cantarela dos nenos de Xosé Neira Vilas, o Imagine de Lennon con subtítulos en castelán e inglés, unhas nenas de Siria (como as nosas) cantando  e contando a súa realidade na guerra... A experiencia de Wangarii e as árbores da Paz en África e para os máis maiores un corto do Home que plantaba árbores baseado no libro do mesmo título de Jean Giono que o escribeu despois das súas experiencias en Francia na primeira guerra mundial... Por certo os libros de JRR Tolkien do Señor dos aneis escribeunos este profesor de linguística da universidade de Oxford despois de pasar pola mesma experiencia na guerra e perder  a tódolos amigos que foran con el: a batalla dos abismos de Helm narra en ficción o que el vivira nas trincheiras. Da mesma situación xurdiron as Crónicas de Narnia do seu amigo  CS Lewis. A realidade e a ficción ás veces van da man... 
     
      Podedes ler, contar, cantar, escoitar....  e sobre todo pensar.
Un pouco de todo como vedes.... Un mundo... 
 

 

BO NADAL !

 

 

 CANTIGA PRA RECIBIR O ANINOVO

¡Ai, qué Noiteboa chea de ledicia

si os galegos estuveran en Galicia!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, qué santo e bó sería o Nadal

si houbera no mundo menos mal!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, qué Aninovo cheo de craror

si houbera na terra mais amor!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, que leda e gozosa Epifanía

si todo amañecera limpo como o día!

¡E nós eiquí calados!

E si houbera xusticia, paz e ben,

¡cómo brilaría a estrela de Belén!

Os anos van pasados,

¡e nós eiquí calados!

Manuel María (ms.)

Monforte de Lemos, Nadal, 1964

 

 

Homenaxe dos alumnos e alumnas de 6º B a Xosé Neira Vilas

  Segundo escribín na entrada anterior, Xosé Neira Vilas estivo falando  cos rapaces de 6º B a mesma mañá do xoves. Por unha serie de coincidencias chamou por teléfono cando eles estaban a piques de ler un dos seus poemas e falou cos nenos a través da súa profe. Fíxolles prometer que sempre lerían poesía... Agora as rapazas e rapaces enviaronlle a Marina a súa homenaxe personal a este gran escritor e aquí vola poño tal e como eles a escribiron:

"HOMENAXE do alumnado de Sexto B a Xosé NEIRA VILAS

Ai, amor!


Que lonxe!  Que lonxe estás!

Canta terra entre nós dous.

Pero dende que te fuches.

Ai, amor!  Ai, amor!

(Xosé Neira Vilas)

     O grupo de alumnos e alumnas de 6º B do Ceip A Maía tivemos a sorte de poder lerlle o poema “Ai, amor!” a Xosé Neira Vilas; escoitarlle e recibir, da súa parte, agarimosas palabras, animándonos a seguir lendo poesía.
    Isto que contamos, tería pasado en centos de veces con nenos e nenas de toda Galicia. Pero, no noso caso, foi algo especial: ocorreu o xoves día 26 de Novembro pola mañá, e esa mesma noite, faleceu na súa casa.
Estas son as nosas palabras de homenaxe e recordo ao escritor. E queremos que vaian acompañadas dunha promesa: non esqueceremos ler poesía nin as súas obras en prosa!
Balbino e Ruliño están tristes. Botan de menos ao seu pai.
Os nenos queremos que Xosé volva ás nosas vidas. De calquera xeito, sempre estará no noso corazón.
As alumnas e os alumnos de 6º B."

Xosé Neira Vilas, un rapaz de aldea no Ceip A Maía

  Onte finou o escritor Xosé Neira Vilas autor de “Memorias  dun neno labrego”, o libro máis lido e traducido da literatura galega que comeza con estas palabras“Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén…”.

  Con motivo do 50 aniversario da publicación das memorias de Balbino, no ano 2011 o escritor visitou o noso Centro, conversou cos rapaces do 3º ciclo e adicoulles os seus libros. Nesta ligazón co blog da Biblioteca  podedes ver como transcurreu a visita e lembrar a Don Xosé.

Estratexia Galega de Convivencia Escolar

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou neste ano a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, un documento de traballo presentado ao Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de ofrecer á comunidade educativa unhas pautas de traballo que promovan a adopción de boas prácticas no ámbito da convivencia escolar.

 

Pódese consultar o documento na seguinte ligazón.

abalarMóbil

 

Estimadas familias,

 A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permitirá ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.

 

Esta aplicación nace no contexto do Proxecto Abalar, un compromiso da Administración galega coa cidadanía galega, no ámbito da integración das novas tecnoloxías na práctica educativa, para acadar unha resposta integral e de futuro aos retos que presenta a educación do noso alumnado na sociedade dixital do século XXI. 

 

abalarMóbil é unha aplicación que se pode instalar tanto no teléfono móbil como nunha tablet, e que permite ás familias consultar a información de calquera dos seus fillos a través destes dispositivos.

 

A descarga desta aplicación faise dende Apple store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android). 

 

 

Obter en GOOGLE PLAY

Obter en APP STORE


 

 

 As familias que descarguen abalarMóbil van a poder dispoñer das seguintes funcionalidades: 

Acceder aos datos persoais

Consultar as cualificacións

Consultar e xustificar as faltas de asistencia

Consultar as faltas de conduta

Solicitar unha cita de titoría

Consultar os datos do centro educativo

Consultar os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.

Consultar as  incidencias creadas polo profesorado

Modificar o idioma da aplicación

 

Tamén está á vosa disposición  unha guía, na que se mostran as diferentes funcionalidades e servizos que os representantes legais poden utilizar dende o seu teléfono móbil, e un formulario para realizar consultas ou  tramitar incidencias relacionadas coa aplicación abalarMóbil.

O magosto

    O pasado martes 10 celebramos o magosto no Centro despois de pospoñelo por causa do tempo. Os maiores picaron as castañas que despois asou o conserxe no patio traseiro de primaria. Os máis pequenos asistiron algo impresionados e os máis veteranos comeron castañas, correron e bailaron coa música.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   

         

Podedes ver máis imaxes nos blogues de infantil.

CLICAR AQUÍ   ENTRADA 1                            CLICAR AQUÍ    ENTRADA 2

Participamos no Plan Proxecta neste curso 2015_16

Proxecta

 

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

 

Participamos pola modalidade de Mobilidade Sostible e segura, podedes acceder á información do programa premendo aquí.

Exposición de cabazas e composicións do Samaín

   O Equipo de Actividades complementarias  convocou a todos os membros da comunidade educativa para participar na EXPOSICIÓN DO SAMAÍN. Os pais, nais, alumnos e alumnas de infantil e de primaria participaron con cabazas do Samaín e productos de Outono e son unha mostra da creatividade de todos. Podedes ver os dous videos que teñen as fotos da exposición no apartado de Complementarias que está no bloque da dereita.

  Moitas grazas a todos por participar!

      A exposición na entrada do edificio de infantil:

A exposición no edificio de primaria, na Biblioteca e na entrada do Centro:

 

 

Día das Bibliotecas Escolares

 O sábado 24 de outubro conmemorouse o Día das Bibliotecas Escolares e desde o Equipo da  Biblioteca prepararon unha instalación á que lle chamaron "Mergúllate nos libros": un mar no que navegar cada día.  O venres 23 organizouse unha actividade na que algúns dos rapaces e rapazas maiores, que colaboran  durante os recreos, recibiron aos seus visitantes cunha sorpresa: Leodoro, a mascota da Biblioteca, e uns cuantos personaxes dos contos estaban esperando... Para ver como se desenvolveu a actividade entrade no blog da Biblioteca. Temos dúas entradas con videos da actividade e dos personaxes saídos dos libros.

Distribuir contido