Migallas e pan de millo na Maía!

       Os alumnos e alumnas de infantil do Ceip a Maía asistiron na Biblioteca do Centro ao espectáculo musical da Compañia Migallas, con Carlos Yus e María Campos. Escoitaron entre outras cancións a de  pan de millo e contáronlles como se cultivaba o millo e se facía o pan. Faláronlles de como se divertían os rapaces de antes e que non tiñan tempo para "aburrirse", xa que sempre se lles ocurrían cousas que facer....

   Escoitaron "miña abuela Manuela", unha avoa moi especial que lle dou un repaso ao seu neto polas merendas de chuches, polos tipos de xogos, por andar coa play en vez  de xogar cos amigos no parque, por escoitar música cos cascos en vez de facela el mesmo.... Tamén oiron a historia de  Pinocho, do maleducado homiño de pan que rematou papado pola raposa, a voda da pulga e o piollo... e pasárono xenial!

   Premendo nestes enlaces tedes acceso a fragmentos de algunhas das cancións do libro-CD Pan de millo de Migallas editado por Kalandraka, coas ilustracións de Dani Padrón e arranxos musicais, producción e prólogo de Magoia Bodega e Paulo Nogueira.

 

Libro PAN DE MILLO

Videoclip  da canción  pan de millo

 

Chegan algúns dos poemas sementados

 

   Ata o día de hoxe, 2 de xuño, a actividade “Sementando Poemas” tivo os seus froitos, e esperamos que non sigan a chegar poemas en novos lugares inesperados. Tivemos as seguintes noticias:

  • Sandra deixou un no comedor do CEIP A Barouta (Ames)

  • Paco atopou un na Illa do Refuxio en Oroso. (non se pode ver ben por baixa resolución)

  • Hugo deixou un no Pazo da Peregrina en Bertamiráns (Ames)

  • Gloria deixou un na Área Recreativa de Sigüeiro.

  • Flor e Silvia non nos din do lugar pero atoparon tamén poemas. (non se pode ver ben por baixa resolución, se podedes probade a enviar a foto de novo, por favor)

     Se vos fixades o de Paco e o de Gloria son o mesmo, e o de Iria e Flor tamén, que seguen a viaxar, onde acabarán? Saberémolo?

    

 

                                        

Grazas pola vosa colaboración e seguide a sementar cultura.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP A Maía.

 

Un libro xigante do Quixote feito polos alumnos/as de 5º

     Os alumnos e as alumnas de 5º de Primaria fixeron este libro en formato xigante con ilustracións sobre o Quixote, para conmemorar os 400 anos da morte do seu autor Miguel de Cervantes.
Empregaron cartón de embalaxe para facer as páxinas que están cosidas con cordel para encuadernalo.  

     Está exposto na Biblioteca.

O menú de Don Quixote por 5ºB

    Con motivo do 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes os alumnos e alumnas  de 5ºB  construiron este muiño de vento. Nel  puxeron os personaxes máis importantes do Quixote e un traballo de investigación no que explican o que comían e como se preparaban algúns dos platos que se  mencionan no libro: duelos e quebrantos, coello, fabas...

        Está exposto na Biblioteca.

Canta o cuco: Os poemas de Manuel María con Uxía, Magín Blanco e Inacio Vilariño para 2º e 3º

 

   Os alumnos e alumnas de 2º e 3º de primaria asistiron na Casa da cultura de Bertamiráns a unha audición musical con Uxía, Magín Blanco e Inacio Vilariño. A obra era CANTA O CUCO, unha representación dos poemas musicados de Manuel María o autor a quen e lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Ademáis Inacio encargábase da escenografía, cambiando o escenario a cada momento. Os poemas están editados por Galaxia no libro-CD Canta o cuco na casa de Manuel María e conta coas fermosas ilustracións de Leandro Lamas.

    Os rapaces pasárono moi ben!

 Nesta montaxe están as fotos da saída

e algunhas das cancións de UXÍA E MAGÍN

Convocatoria para participación no fondo solidario de libros e nas axudas para adquisición de libros e material escolar

Estimadas/os nais, pais, titores legais:

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado e regula a participación no fondo solidario de libros de texto.

  Fondo solidario de libros de texto en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria, e en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria.

  Axudas para adquirir libros de texto en 1º e 2º de educación primaria, en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria e en educación especial.

  Axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial.

    Segundo a convocatoria, o alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2016/17 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Porén, poderá solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúna os requisitos establecidos nesta orde. Tede en conta que este centro está incluído no proxecto E-DIXGAL.

LER  TODA   A  INFORMACIÓN  PREMENDO  AQUÍ +

  Bertamiráns, 24 de maio de 2016

 A Directora

 Mª Isabel Abelleira Bardanca

"Os soños na gaiola" de Manuel María

  Esta semana todo o centro estivo implicado nunha proposta do Equipo de Normalización linguística para achegarnos á obra do poeta da Terra Chá, Manuel María, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A proposta consistía en que as aulas dos maiores escribían os  poemas nunhas lonetas que os máis pequenos tiñan que decorar.

  Así coñecemos os poemas do carro, o tractor, o caracol, o sol, o foguete, o cuco, a lebre, o ourizo e a bolboreta... que están todos no seu libro "Os soños na gaiola".

 

Gañadoras no concurso de chapas de Normalización

  Andrea e Lucía foron as alumnas gañadoras no concurso convocado polo equipo de Normalización  Lingüística para crear a chapa do Día das Letras Galegas.

O lema gañador foi:

"EN GALEGO. COMO CHE SOA?"

 

Debuxo: Andrea Pequeno Mirás de 1º B
Lema: Lucía Rodríguez Lema de 6º B

COCIÑAconCIENCIA

Estimadas nais, pais, familias,

 

  Hoxe repartimos entre o noso alumnado unhas enquisas do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, que pertencente ó CONSELLO SUPERIOR DE INVESTIGACIÓNS CIENTÍFICAS (CSIC), e está realizando un proxecto de divulgación científica chamado COCIÑAconCIENCIA, financiado pola “FUNDACIÓN ESPAÑOLA PARA A CIENCIA E A TECNOLOXÍA - Ministerio de Economía e Competitividade”, no que nunha primeira fase, pretende coñecer as pautas de comportamento dos cidadáns en relación ca seguridade alimentaria nos fogares. Para isto, achegamos unha enquisa que nos gustaría que os docentes distribúan entre o alumnado do CEIP Maia.

 

Pedimos a vosa colaboración e que as devolvades cubertas durante esta semana (ata venres 13) Lembrádevos de recortar a parte inferior, xa que é para participar nun sorteo dun menú gastronómico para dous no restaurante con estrela Michelín, “Casa Solla” (Poio – Pontevedra). Todas as persoas que queiran cubrila e non teñan copia, poden facelo a través da páxina Facebook https://www.facebook.com/cocinaconciencia.csic/ ou de Twitter https://twitter.com/COCINAyCIENCIA

 

Grazas pola vosa colaboración.

 

BIBLIOPATIO

   No colexio inauguramos un novo espazo  lector e lúdico: o BIBLIOPATIO, que será utilizado polos rapaces no recreo, na hora de ler e nas ocasións que o precisen. Delimitado con alfombra, cintas, plantas, é un espazo recollido que esperamos sexa unha nova zona de disfrute lector. Ten de fondo a obra gráfica que fixeron os alumnos de 6º o curso pasado no taller de arte urbano.

Distribuir contido