Gardar datos

Como se gardan os datos?

Entendemos por datos calquera arquivo que conteña calquera tipo de información. Son datos os ficheiros de texto, as fotografías, os vídeos, a música, os ficheiros do sistema... So con instalar o Sistema Operativo, se gardan miles de arquivos necesarios para que o sistema funcione apropiadamente; a eses ficheiros, engadiremos os que forman parte dos diferentes programas que precisamos (suite ofimática, reprodutor de vídeo, lector de ficheiros *.pdf, antivirus...) e os propios xerados polo usuario, textos, fotos, videos etc. Á vista desto faise preciso establecer un sistema de clasificación para ordenar toda esta información. As Carpetas ou Cartafoles.

O sistema desenvolve unha forma de árbore; cada carpeta pode conter documentos ou outros cartafoles, que á súa vez... Na imaxe inferior vemos un exemplo.

 

Teríamos un/unha usuario/a que na carpeta "Os meus documentos", creada polo sistema para cada usuario, fixo un novo cartafol, "Colexio", no que incluíu "Quinto" e "Sexto"; neste, á súa vez, hai unha carpeta dedicada aos "Controis", outra a materia "Matemáticas", e por último un cartafol para a "1ª avaliación".

C:\Usuarios\Nome_de_usuario\Os meus documentos\Colexio\Sexto\Controis\Matemáticas\1ª avaliación representaría o esquema que vimos antes en forma de árbore. As barras "\" representan un cambio de carpeta ou directorio.

A imaxe adxunta mostra a "árbore" da ruta que seguimos segundo imos afondando nos cartafoles

 

Os programas, por regra xeral, gardan os documentos na carpeta "Os meus documentos", pero nós podemos establecer a organización que nos pareza ben. O caso é que nos lembremos de onde gardamos os arquivos. 


IMPORTANTE!

Nun cartafol non pode haber dous ficheiros ou carpetas con idéntico nome; debe variar ou o nome ou a extensión do arquivo (a extensión son tres letras que van ao final, despois dun punto. Exemplo documento1.txt)

Sí estarían permitidos, por exemplo:

Ficheiro1.jpg e Ficheiro1.png (mesmo nome, diferente extensión); ficheiro.doc e ficheiro1.doc (nome diferente, mesma extensión).

Non estaría permitido:

Ficheiro1.pdf e ficheiro1.pdf. Windows non diferencia (non é "sensible") entre maiúsculas e minúsculas. Outros sistemas operativos si que o fan.

 

Práctica: Vai á carpeta: "Os meus documentos" e crea nela un cartafol chamado "Fotos", que incluirá outros dous directorios de nome "2011-2012" e "2012-2013", respectivamente. Cada unha destas carpetas debe conter outras tres chamadas "Nadal", "Entroido" e "Excursións"