etimoloxías

ETIMOLOXÍAS LATINAS E GREGAS NAS LINGUAS ACTUAIS

“CADÁVER”

GALEGO: “cadáver”.

SIGNIFICADO ACTUAL: designa o corpo sen vida dun ser humano o dun animal.

ORIXE: hai dúas explicacións etimolóxicas deste termo. A primeira remítenos ao verbo latino cadere “caer”, xa que a morte sería metaforicamente a caída definitiva ata o outro mundo. Segundo outra versión, derivaría das palabras latinas CAro DAta VERmibus, que os romanos acostumaban a inscribir nas sepulturas e que significa “carne entregada aos vermes”.

 

 

Disección dun cadáver. Lección de anatomía. Rembrandt. 1632.

 “SARCÓFAGO”

GALEGO: “sarcófago”.

SIGNIFICADO ACTUAL: sepulcro en ferro ou pedra onde se gardan cadáveres.

ORIXE: do latín sarcophagus, transcrición literal do grego sarkophagos “que come a carne”. Eratóstenes e Plinio o Vello recollen a explicación deste termo: a expresión grega completa era lithos sarkophagos, que significa “a pedra que devora a carne”, e facía referencia a un tipo de pedra calcárea moi porosa que en pouco tempo desfacía os cadáveres.

 

Sarcófago dos esposos. Museo nacional etrusco de Vila Gulia.

“GRAFFITI”

GALEGO: “graffiti”.

SIGNIFICADO ACTUAL: inscricións ou pinturas nas paredes de edificios antigos. Por extensión chamamos graffitis aos debuxos, palabras ou frases que atopamos actualmente nos muros dos edificios, paredes e outros espazos públicos.

ORIXE: préstamo do italiano. Graffiti, graffire deriva do verbo latino scariphare “incidir co scariphus”. O scariphus era o estilete ou punzón que empregaban os antigos para escribir sobre as taboíñas enceradas.

 

Graffiti no Fórum Internacional das Culturas Barcelona, 2004.

 

Graffiti de contido erótico nun lupanar de Pompeia.

“SPA”

GALEGO: “SPA”.

SIGNIFICADO ACTUAL: fai referencia a un tipo de hotel ao que a xente vai facer exercicio físico e tratamentos especiais para mellorar a súa saúde.

ORIXE: é un acrónimo que procede do latinismo Salus Per Aquam, que ten o significado de “saúde por ou a través da auga”.

 

 

Antigos baños romanos en Bath, Inglaterra.

 “TISANA”

GALEGO: “tisana”.

SIGNIFICADO ACTUAL: bebida quente que se obtén da cocción de diversas herbas, flores o sementes. Acostuma a ter unha connotación medicinal.

ORIXE: do verbo grego πτίσσω “machacar, descascar” deriva o substantivo πτισάνη, que mediante unha metonimia pasou a designar unha bebida feita a base de cebada. O termo chega ao galego a través do latín ptisana, transcrición do grego. O feito de que a tisana xa non ten que ser expresamente de cebada débese a que, en principio, a cebada usábase soa para facer preparados moi eficientes contra a febre e para facer outros preparados de herbas que a tiñan como base. Despois deixou de usarse a cebada nestes preparados pero o nome mantívose.

 

Tisana de hibisco.

“AMÉNDOA”

GALEGO: “améndoa”.

SIGNIFICADO ACTUAL: froito da amendoeira.

ORIXE: para explicar esta palabra hai que remitirse ao vocablo sirio há-migdala “árbore fermosa”. A través do grego ἀμυγδάλη chegamos ao latín amygdala. De aquí procede a denominación das molestas amígdalas ubicadas na gorxa, que deben o seu nome a que teñen forma de améndoa. En cambio, a denominación actual do frοito seco deriva de mandorla, versión arabizada de amygdala.

 

Améndoas con casca.

“BULIMIA”

GALEGO: “bulimia”.

SIGNIFICADO ACTUAL: enfermidade psicolóxica e alimentaria que consiste nun desexo insaciable de comer que leva a unha persoa a atiborrarse de comida en espazos de tempo moi breves e logo tratar de eliminar o alimento mediante purgas, laxantes ou vómitos.

ORIXE: este termo deriva do grego βοῦς “boi”e λιμός “fame”, é dicir, literalmente, “fame de boi” ou “fame en exceso”. Fai referencia pois á fame voraz que sofre quen padece esta enfermidade.

 

“ANOREXIA”

GALEGO: “anorexia”.

SIGNIFICADO ACTUAL: trastorno alimentario normalmente de orixe psicosomática que conleva a perda de apetito e a ausencia de fame, motivado moitas veces por ter a falsa percepción de estar demasiado gordo.

ORIXE: deriva do termo grego ὄρεξις “apetito” e do prefixo privativo ἀν- (con ν- eufónica) “sen”, literalmente “sen apetito”. Os afectados por esta enfermidade non teñen desexo de comer, sofren unha total falta de apetito.
 

Escultura Bronskvinnorna (A muller de bronce). Entrada do museo de arte (Konsthallen), Växjö. Marianne Lindberg De Geer. 2006.

“ANALXÉSICO”

GALEGO: “analxésico”.

SIGNIFICADO ACTUAL: fármaco que fai diminuír ou eliminar a dor.

ORIXE: procede do prefixo privativo grego ἀν- “sen” e do substantivo ἄλγος “dor”.

 

“DELETE”

GALEGO: “delete”.

SIGNIFICADO ACTUAL: tecla do ordenador que se utiliza para borrar ou suprimir.

ORIXE: provén do termo latino deleo “borrar”.

 

Delete

“BIT”

GALEGO: “bit”.

SIGNIFICADO ACTUAL: termo informático que define a unidade mínima de información dixital.

ORIXE: a expresión completa é binary digit, e aquí encontramos a referencia ao termo latino digitus “dedo”. Un bit é pois un díxito do sistema de numeración binario e pode representar só o valor 0 ou o valor 1.

 

 

Memoria dun ordenador dos 80 onde se poden ver os bits físicos.

“RIVAL”

GALEGO: “rival”.

SIGNIFICADO ACTUAL: na vida ou nunha competición un rival é aquel con quen tes que competir.

ORIXE: fai alusión ao latín rivus “río”. Antigamente, nas guerras e trifulcas que mantiñan uns pobos cos outros, os que estaban á outra beira do río eran os rivales, os enemigos a vencer.

 

“TRIVIAL”

GALEGO: “trivial”.

SIGNIFICADO ACTUAL: algo trivial é aquelo que non é importante, que carece de interese e de orixinalidade.

ORIXE: etimoloxicamente remítese ao adxectivo latino trivialis, que á súa vez remite a trivium “encrucillada, cruce de tres camiños”. O adxectivo significaba en latín “groseiro”, “vulgar” e pode facer referencia ás conversacións frívolas que se mantiñan con descoñecidos nas encrucilladas dos camiños. Tamén se chamaban artes triviais as disciplinas liberais encadradas no trivium, é dicir, a Gramática, a Lóxica e a Retórica, que eran consideradas menos importantes que as do quadrivium, Aritmética, Música, Astronomía e Xeometría.

 

Encrucillada en inverno. Cracovia.

 “SALARIO”

GALEGO: “salario”.

SIGNIFICADO ACTUAL: soldo que alguén recibe periodicamente en compensación por un traballo.

ORIXE: deriva do substantivo latino sal e fai referencia ao feito de que antigamente os soldados romanos recibían un diñeiro para que mercaran sal, ou directamente a súa soldada en sal. Hai que ter en conta que daquela o sal era moi importante sobre todo para facer salazóns que mantiveran en condicións a comida.

 

 Anotación dos salarios diarios selados por un alto funcionario.Ur, Mesopotamia.

“IDIOTA”

GALEGO: “idiota”.

SIGNIFICADO ACTUAL: consideramos idiota a aquela persoa que non ten moita intelixencia, que non sabe aproveitar as circunstancias e quen se deixa enganar facilmente. Pode ser sinónimo de “bobo” ou “necio”.

ORIXE: hoxe en día a voz idiota non garda relación co significado da palabra da que deriva etimoloxicamente. Remítenos ao adxectivo grego ἰδιώτης, formado sobre ἴδιος “o privado”, “persoal”, “propio”, significado que conservamos nas palabras idiosincrasia e idioma. A razón pola que idiota tomou un sentido pexorativo pode ser que na antigüidade grecolatina estaba moi mal vista aquela persoa que só se ocupaba das súas cousas sen atender á vida pública e política.

 

“CARNAVAL”

GALEGO: “carnaval”.

SIGNIFICADO ACTUAL: festa popular pagana que se celebra os tres días anteriores á Coresma e na que son típicos os disfraces, as comparsas, as chanzas e algunhas ricas degustacións

gastronómicas.

ORIXE: a orixe desta festa ten que ver coas antigas celebracións orxiásticas en honor a Baco e Saturno (Bacanais e Saturnais). Limitándonos á palabra carnaval, hai varias explicacións etimolóxicas. A máis aceptada é a que remite á voz italiana carnevale que, á súa vez, deriva da expresión latina carnem levare “quitar a carne”, xa que os católicos comezan despois do carnaval a Coresma, corenta días con abstinencia de carne. Esta explicación ven respaldada polo sinónimo Carnestolendas, tamén do latín carnem tollere “abandonar a carne”. Outra etimoloxía remóntase á Carna, a deusa grega das fabas e o touciño. E aínda hai quen se remonta máis lonxe, ao deus Karna, divindade indoeuropea.
 

Cigarróns típicos do Entroido de Verín.