escritura

PALABRAS E EXPRESIÓNS RELACIONADAS COS SOPORTES DA ESCRITURA

“VOLUME”

GALEGO: “volume”.

SIGNIFICADO ACTUAL: entendemos por volume o corpo material dun libro encadernado. Este volume pode albergar unha obra completa, estar formado por obras independentes ou ben formar parte dunha obra máis ampla con outros libros encadernados por separado.

ORIXE: procede do termo latino volumen. As obras antigas gregas e romanas escribíanse en follas de papiro encoladas (volumina). Estas follas enrolábanse sobre un cilindro de madeira ou óso, rematado nos extremos con pomos de madeira ou marfil.

 

 

O Joshua Roll. S. X. Biblioteca do Vaticano.

“CARTA”

GALEGO: “carta”.

SIGNIFICADO ACTUAL: escrito que se lle manda a alguén, xeralmente dentro dun sobre.

ORIXE: procede do termo latino charta (á súa vez do grego khártes) que fai referencia a unha folla de papiro que aínda está sen escribir.

 

“PERGAMIÑO”

GALEGO: “pergamiño”, “pergameo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: pel de animal curtida onde escribían os antigos. Documento escrito nesa pel.

ORIXE: o nome do pergamiño remite á cidade de Pérgamo, na que tivo lugar a súa invención. Trátase dun soporte de escritura que os antigos obtiñan da pel de distintas reses (cabra, ovella, tenreiro, etc.). Unha vez limpa a pel, o pergamiño era un material moi sólido que permitía o rascado e podíase escribir por ambos os dous lados, en oposición ao papiro. O problema era o seu custo, xa que era caro e custoso de fabricar.

 

 

Mapa hidrográfico de Francia en dous pergamiños unidos. Dieppe 1627.

  “PLUMA”, “PLUMA ESTILÓGRAFICA”

GALEGO: “pluma”.

SIGNIFICADO ACTUAL: designa tanto a extremidade das aves como a pluma estilográfica cun depósito de tinta que utilizamos para escribir.

ORIXE: este termo garda relación co latín penna “pluma de ave”. Nun momento dado comezaron a utilizarse plumas para escribir sobre os pergamiños, xa que eran máis flexibles que outros utensilios (como podían ser o calamus ou o stylus). A palabra estilográfica deriva do latín stylus, á súa vez do grego stylos “columna”, “punzón”. Este podía ser de diversos materiais e o extremo oposto á punta utilizábase para raspar e borrar.

 

 

Pluma estilográfica.

“PAPEL”

GALEGO: “papel”.

SIGNIFICADO ACTUAL: soporte de escritura feito a partir dunha pasta de fibras vexetais disoltas en auga e sometidas despois a un proceso de secado.

ORIXE: deriva do grego πάπυρος a través do latín papyrus (vía catalán paper). Os exipcios comezaron a utilizar os tallos das plantas que medraban nas beiras do río Nilo para elaborar papiros onde poder escribir. Na antigüidade clásica seguiu usándose o papiro, encolándose as follas sucesivamente para formar rolos e volumes.

 

 

A máis grande colonia europea de papiro. Beiras do río Ciane, Siracusa.

 

 

O deus Osiris recibindo ofrendas. Papiro exipcio. Jon Bodsworth. British Museum.