Título node Learning object
Ficha técnica
Institución:
- Consellería de Política Social
- Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
Ámbito: voluntariado.
Definición: promoción e difusión de información de interese para o alumnado a través da creación dunha rede de correspondentes xuvenís nos institutos.
Temporización: curso completo.
Alumnado ao que vai dirixido: 3º e 4º da ESO, bacharelato e FP básica, de grao medio e superior
Límite de centros participantes: sen límite
Responsable do programa:
Nome: Jaime Díaz Fiuza.
Departamento: información xuvenil
Teléfono: 881 997 606
Correo electrónico: jaime.diaz.fiuza@xunta.es
Obxectivo xeral
Correspondentes xuvenís 3.0 pretende contar cunha "antena informativa" en cada centro seleccionado, na que se responsabilice o alumnado de recoller a información en materia de xuventude que se lles envíe desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e de difundila entre o resto do alumnado do centro, contando co apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa.
Os correspondentes xuvenís son mozos ou mozas que, mediante unha formación previa e apoiados polo profesorado participante, se encargarán de informar aos demais compañeiros das convocatorias, carnés xuvenís, recursos e actividades que poidan ser do seu interese.
Os correspondentes terán as seguintes funcións:
- Xestionar un taboleiro informativo (físico ou en liña) no que haberá información sobre temas do seu interese.
- Difundir a información que reciban a través dos medios ao seu alcance: redes sociais, entre os delegados de clase, compañeiros de instituto…
- Manter actualizado e ordenado o taboleiro informativo do centro.
- Asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola dirección xeral de xuventude e destinados aos correspondentes.
- Participar activamente nas actividades e tarefas resultantes do desenvolvemento do proxecto nas titorías, nas aulas, na biblioteca e noutros espazos do centro onde se desenvolvan as liñas estratéxicas do Plan Proxecta.
A información seralle enviada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polas oficinas de información xuvenil da súa zona e a que xere o propio correspondente.
Beneficios para os/as correspondentes:
- Recibirán gratuitamente formación en materia de información xuvenil.
- Recibirán gratuitamente o carné xove durante o ano escolar no que están como correspondentes.
- Terán preferencia nalgúns dos programas da DXXV nos que así conste nas súas bases.
- Recoñeceráselles o tempo como persoas voluntarias mediante un certificado expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Estas horas poderán serlle convalidadas como prácticas para os cursos de información xuvenil que as esixan.
Palabras clave
Alfabetización informacional. Voluntariado
Obxectivos específicos
PARA O ALUMNADO
- Difundir a información de interese para a mocidade que está nos centros a través de correos electrónicos, SMS, redes sociais e a través da páxina web de Xuventude.
- Informar os seus compañeiros de documentación de interese e así favorecer a participación e a maduración persoal.
- Contribuír a fomentar unha educación en valores para pensar e desenvolver o espírito crítico.
- Xestionar un taboleiro informativo.
- Facilitar o acceso dos compañeiros ás actividades, aos programas e aos carnés que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
- Traballar en rede cos centros, permitindo a recepción de información das actividades, iniciativas e propostas do alumnado, permitindo a súa canalización e potenciando, así, os servizos de información xuvenil entre a mocidade dos centros educativos.
- Formar á mocidade na xestión do manexo da información, potenciando as súas habilidades sociais e a asunción temperá de responsabilidades.
- Recadar información das actividades que se organizan por ou para a xuventude desde os propios institutos ou outras institucións para difundila ao resto da mocidade galega.
Actividades e recursos
Nota: a realización de todas as actividades propostas estará supeditada á situación sanitaria e ao establecido polo protocolo no ámbito educativo para este tipo de actividades.
Realizaranse, sempre que sexa posible, charlas informativas nos centros educativos participantes de determinados programas que a Xunta de Galicia pon a disposición da mocidade galega. Contarase cun apartado propio da páxina http://www.xuventude.xunta.es e material das distintas actividades de xuventude.
Con motivo da situación provocada pola COVID-19, priorizarase a utilización de redes como Instagram ou Whatsapp creadas polos correspondentes en cada instituto para a difusión da información. Así mesmo, valorarase a creación dun foro virtual no que favorecer o intercambio de coñecemento entre as persoas correspondentes.
Criterios de avaliación da memoria final
Criterios xerais do Plan Proxecta
1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).
2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.
3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto
Criterios específicos
4. Grao de coñecemento das actividades e programas da D.X.de Xuventude e Voluntariado para a mocidade.
5. Nivel de implicación do centro educativo no programa.