Título node Learning object

Fotografía en curso (curso 2021/22)
Mér, 16/07/2014 - 11:00

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Cultura, Educación e Universidade
    • Filmoteca de Galicia - AGADIC

Ámbito: promoción da cultura / alfabetización audiovisual
Definición:

Programa de difusión e pedagoxía da creación fotográfica dirixido a nenos/as e mozos/as de entre 8 e 18 anos, implicando diferentes axentes e ámbitos: museos e centros de arte, fotógrafos, docentes, centros educativos, barrios, aldeas e municipios. Ao longo do curso escolar, en horario lectivo e acompañados polos seus docentes, elaboran un proxecto fotográfico que pon en valor e da a coñecer a súa contorna máis próxima. Fotografía en curso parte dun programa de prácticas e visionamentos compartidos por diversos centros educativos e dunha metodoloxía común elaborada ao longo destes anos. A través da formación aos docentes implicados nos proxectos se facilitan distintas ferramentas que permitan un descubrimento da contorna e da fotografía por parte dos alumnos a través de diferentes propostas e prácticas (espazos baleiros, retrato, luz e cor, etcétera) que poidan converterse en punto de partida para a elaboración dun proxecto fotográfico que culmine nunha exposición ou publicación.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 4. Educación de calidade
  • ODS 10. Redución das desigualdades
  • ODS 5. Igualdade de xénero

Temporización: curso completo.
Alumnado ao que vai dirixido: primaria, ESO, bacharelato, ciclos formativos e educación especial
Límite de centros participantes: 6 (con posibilidade de incrementar o número de centros en función dos recursos do programa)
Límite de docentes participantes por centro: 4 (unha persoa coordinadora e tres docentes máximo como participantes). Poderase argumentar a necesidade de incorporar máis docentes.
Criterios de selección:

  • Priorizaranse centros públicos
  • Calidade do proxecto presentado: Presentación do centro: características e traxectoria. Motivacións do centro para participar no proxecto. Posibles propostas de organización (curso, número de alumnos, horarios, materias ou áreas nas que se enmarcaría o proxecto, etc.). Motivacións persoais dos docentes directamente implicados e previsión da dedicación do docente responsable do proxecto tanto para o traballo co alumnado como para a coordinación, a xestión dos materiais na web e as demais tarefas como o seguimento do alumnado no caso de illamento. Valorarase a capacidade de articular contidos transversais a partir da fotografía. Capacidade de implicar a institucións e entidades locais.
  • Posibilidade de organizar saídas fora do centro (aos arredores) para a realización dun proxecto fotográfico.

Criterios de exclusión: non poderán participar no proxecto aqueles centros nos que os seus docentes non poidan acudir de maneira presencial ás formacións específicas nas metodoloxías de Fotografía curso.

Persoa responsable:

Nome: Mónica García Iglesias.
Departamento: Filmoteca de Galicia
Teléfono: 881 881 269
Correo electrónico: monica.garcia.iglesias@xunta.es


Xustificación

Fotografía en curso é un programa internacional que en Galicia coordina a Filmoteca de Galicia e no que participan alumnos e alumnas de moitos territorios e de contextos socioculturais diversos compartindo unha metodoloxía e referentes comúns.

Obxectivos

  • Transmitir a fotografía como arte, cultura e creación
  • Propiciar o descubrimento do patrimonio fotográfico e a fotografía contemporánea
  • Xerar un retrato do territorio a través dunha proposta de prácticas creativas compartidas.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia dixital
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencias sociais e cívicas
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor
  • Competencia en conciencia e expresións culturais

Actividades

O programa desenvólvese a través de catro grandes eixes de acción:
  1. A web www.fotografiaencurso.org, onde teñen un papel central o apartado dedicado ao descubrimento de fotógrafos moi diversos (e a interacción coas súas fotografías) e o de exposición das fotografías realizadas polo alumnado.
  2. Formación dos docentes (carácter obrigatorio): G2101079 - Fotografía en curso. Aprender a mirar. Plan Proxecta
  3. A definición dun programa de prácticas fotográficas compartidas que permiten a iniciación á fotografía, o descubrimento da contorna e o intercambio entre alumnado de contextos sociais e xeográficos diversos.
  4. Proxectos fotográficos nos centros educativos a partir da formación impartida aos docentes e, nalgúns casos e sempre que as condicións do momento o permitan, de obradoiros impartidos no centro educativo conxuntamente cun fotógrafo.
  • Web e blog:

O día a día do proxecto, a reflexión do alumnado, os procesos de creación e as prácticas que se desenvolven ao longo do curso trabállanse desde a web de Fotografía en curso http://www.fotografiaencurs.org/gl. O alumnado ten a oportunidade de intercambiar experiencias e impresións cos compañeiros doutros centros a través do blog do proxecto. Todo este traballo na web e blog é xestionado polos docentes a partir de álbums, fotografías, textos e materiais xerados polo alumnado. O equipo de Fotografía en curso proporciona o soporte técnico necesario. Os centros que se presentan á convocatoria comprométense a desenvolver este traballo.  As prácticas están pensadas para ser desenvolvidas coas cámaras habituais do centro de ensino. O centro debe dispoñer dunha cámara fotográfica e conexión a Internet para traballar dende a web de Fotografía en curso.

  • Obradoiros:

No caso de que o proxecto o requira, valorarase a posibilidade de traballar cun/ha fotógrafo/a no centro educativo (a partir do mes de marzo durante 4 horas e entre 6/7 xornadas).

  • Saídas:

Experiencias compartidas polo conxunto de participantes. Propoñen un achegamento creativo e en profundidade ás eleccións expresivas propias da fotografía. Ao mesmo tempo, promoven o redescubrimento da contorna próxima e de realidades máis ou menos afastadas. Todas poden realizarse coas cámaras de uso habitual dos centros educativos.

Recursos

Os docentes e centros participantes contarán cunha serie de recursos para o desenvolvemento do proxecto:

  • Curso de formación para docentes
  • Unha carpeta impresa e na rede con todos os materiais pedagóxicos necesarios para desenvolver o proxecto na aula
  • Unha páxina web cun espazo para o centro participante onde compartir todos os procesos de creación. www.fotografiaencurso.org

Produto final

Traballaremos ao longo de todo o curso a partir do visionamento e comentario de fotografías do fondo fotográfico da web www.fotografiaencurso.org para saír a realizar varias prácticas (que desenvolveremos previamente en cada formación cos docentes): Espazo e luz (espazos exteriores e entradas de luz en interiores); Diarios da luz; Retrato. Luz e rostro; Poéticas: meteoroloxías, horas do día. Ceos e nubes, Árbores.

A través da práctica fotográfica realizaranse proxectos documentais da contorna (oficios, espazos e memoria, retratos de...) que culminarán nunha exposición ou fotolibro. O profesorado irá compartindo a través da rede os materiais que van xerando os alumnos co equipo de Fotografía en curso coa finalidade de poder acompañar os procesos.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto.

Criterios específicos

4. Capacidade de compartir no blog de Fotografía en Curso procesos de traballo e experiencias con outros centros e alumnado participante no proxecto e publicar os traballos finais na web de Fotografía en Curso.

5. Capacidade de descubrir a través da fotografía os valores patrimoniais, urbanísticos, sociais, culturais paisaxísticos e históricos da súa contorna.

6. Capacidade de traballar en equipo e integrar a todo o alumnado.

Menús Learning object node R

Sección