Cinema en curso
Mér, 16/07/2014 - 11:00

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Cultura e Turismo.
    • Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

Ámbito: audiovisual
Definición: transmisión do cinema e exploración da potencialidade pedagóxica da creación cinematográfica
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: 4ª, 5º e 6º de primaria, ESO e 1º de bacharelato e ciclos formativos de grao medio
Límite de centros participantes: 4
Límite de docentes participantes por centro: 3
Límite de alumnado participante por centro en cada obradoiro: 25

Criterios de participación:

  • Alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria, ESO ou bacharelato. Número máximo de alumnado por obradoiro: 25. O grupo débese poder dividir en pequenos subgrupos.
  • Profesorado: máximo 3 docentes por proxecto. Poderase argumentar a necesidade de incluír máis docentes, se fose necesario. É imprescindible a asistencia dos docentes á xornada de formación en Santiago o 20/10/2018, 02/02/2019 e 30/03/2019. Ademais deberán asistir á proxección inicial co alumnado no CGAI o 19/10/2018. O profesorado que se presente á convocatoria comprométese a xestionar o diario do obradoiro, que se publica na web de "Cinema en curso".
  • Centro educativo: o centro debe poder organizar sesións de traballo dun mínimo de 3/5 horas seguidas cando o cineasta acode ao centro, e xornadas enteiras de traballo de todo o día nos momentos de rodaxe e montaxe. O cineasta participaría ao redor de 20-25 xornadas de traballo no centro educativo. Débese ter facilidade para organizar saídas fóra do centro. Estas xornadas deben estar contempladas no horario do centro e, cando menos, un dos docentes debe estar presente en 2 horas de traballo consecutivas co cineasta. Durante as sesións con cineasta trabállase alternando o traballo co grupo-clase e o traballo con grupos pequenos. Deberase dispor de 1 h de traballo adicional co grupo tras a visita do cineasta, que poderá desenvolverse nesa semana.
  • O grupo participante e, polo menos, o coordinador do proxecto, acudirán á proxección inicial de "Cinema en curso" na sala de cinema do CGAI o venres 19 de outubro.
  • Requisitos técnicos: o centro debe dispoñer dun computador no que se poida realizar a montaxe da peza documental. Se fose posible o centro facilitaría un disco duro ao cineasta para ir gardando os materiais mentres dure o proxecto.

Criterios de selección:

Seleccionaranse 4 centros docentes atendendo ao cumprimento das condicións de participación descritas no punto anterior, que se deberán explicar na solicitude. Ademais, nas solicitudes valorarase:

  • Presentación do centro: características e traxectoria.
  • Motivacións do centro para participar no proxecto.
  • Compromiso dos docentes e do equipo directivo.
  • Posibles propostas de organización (curso, número de alumnos, horarios, materias ou áreas nas que se enmarcaría o proxecto etc.).
  • Motivacións persoais dos docentes directamente implicados.
  • Valorarase a capacidade de articular contidos transversais a partir do cinema e das propostas do taller.
  • Capacidade de implicar a institucións e entidades locais.

No caso de que varios proxectos  se consideren igual de interesantes, utilizaranse os seguintes criterios adicionais:

  • Centros educativos situados en contextos socioeconómicos ou xeográficos desfavorecidos.
  • Prioridade dos centros públicos.

Persoas responsables:

Nomes: Mónica García Iglesias
Departamento: CGAI
Teléfono: 881 881 269
Correo electrónico: monica.garcia.iglesias@xunta.es

Obxectivo xeral

Cinema en curso é un programa de pedagoxía do cinema que ten un dobre obxectivo:

  • Achegar a infancia e a mocidade ao cinema como arte
  • Desenvolver as potencias pedagóxicas do cinema nas escolas e nos institutos, dentro do horario lectivo

O programa estrutúrase en tres eixes de traballo:

  • Obradoiros, impartidos conxuntamente por docentes e un/unha cineasta con grupos desde 4º de primaria ata 1º de bacharelato.
  • Formación do profesorado.
  • Elaboración de recursos, propostas e metodoloxías a partir da experiencia e a análise dos obradoiros e extensibles a todos os contextos educativos.

Un dos aspectos centrais da metodoloxía do programa é o vínculo entre o visionamento e a práctica, que estrutura o desenvolvemento dos contidos dos obradoiros. Todos os obradoiros comparten un mesmo programa de visionamentos e prácticas que culmina coa realización dunha curtametraxe. Os obradoiros son impartidos conxuntamente polos  docentes participantes e o/a cineasta. O cineasta participa en torno a 20-25 xornadas (días) co alumnado. Os docentes participan sempre activamente nestas xornadas e dan continuidade ao traballo realizado.

Os obradoiros desenvólvense de forma integrada dentro da dinámica da aula e posibilitan un traballo profundo en competencias persoais e sociais como o traballo en equipo, a posta en valor da contorna, a atención, a observación, a capacidade de espera, a autonomía, a organización individual e colectiva etc. Tamén vehicula contidos transversais con especial atención ás competencias lingüísticas, dixitais e artísticas.

No proxecto deberase incluír a previsión da dedicación do docente responsable do taller tanto para o traballo do alumnado como para a coordinación, a xestión do diario do obradoiro na web e as demais tarefas. Cómpre que se indique a capacidade para traballar contidos transversais a través do obradoiro.

Palabras clave

Alfabetización audiovisual. Artes visuais. Cine. Creatividade. Linguaxe audiovisual. Patrimonio.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar.

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Formación: de carácter obrigatorio, curso de 25 horas de formación para o profesorado participante en modalidade mixta (20 h. presenciais na cidade de Santiago repartidas en 3 días + 5 h. de formación a distancia). O curso está incluído dentro do Plan de Formación (véx. en FPROFE co código G1801086).
  • Web de referencia: http://www.cinemaencurs.org/gl/
    • Diario do obradoiro: o día a día do obradoiro, as reflexións do alumnado, os procesos de creación e as prácticas que se desenvolvan ao longo do curso publicaranse neste diario. A través dos diarios, o alumnado terá a oportunidade de intercambiar experiencias e impresións con alumnado doutros centros; ofrecen unha oportunidade para traballar as competencias lingüísticas e sociais. Estes contidos e a edición do diario de cada centro son xestionados polos docentes a partir dos textos e materiais xerados polo alumnado. O equipo do programa proporciona o equipo técnico necesario. Os centros que se presentan á convocatoria comprométense a facer este traballo.
  • Obradoiros: desenvolveranse 4 obradoiros de cine nos centros participantes. Cada obradoiro, segundo o proxecto, constará aproximadamente con 20-25 xornadas de traballo co cineasta na aula.
  • Proxección inicial para os grupos participantes na sala do CGAI (19 de outubro de 2018, xornada de mañá). Participación obrigatoria.
  • Estrea na sala do CGAI das curtas realizadas polo alumnado de todos os centros de Galicia (en xuño de 2019).

Produto final

Os centros participantes deberán elaborar:

  • Planos do mundo
  • Unha curtametraxe final
  • O proceso de traballo recollido no diario dos obradoiros

Criterios de avaliación da memorias final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e crea entre todos unha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

Criterios específicos

4. Capacidade de compartir no blog de Cine en Curso procesos de traballo e experiencias con outros centros e alumnado participante no proxecto.

5. Capacidade de descubrir a través do cinema os valores patrimoniais, urbanísticos, sociais, culturais paisaxísticos e históricos da súa contorna.

6. Capacidade de traballar en equipo e integrar a todo o alumnado.