Nós tamén creamos!
Mér, 16/07/2014 - 11:00

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Consellería de Cultura e Turismo.
    • Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)

Ámbito: audiovisual / dinamización lingüística
Definición: promoción da lingua galega a través da creatividade e a incorporación das TIC nas aulas, mediante a creación de curtametraxes en galego
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: 2º ciclo de infantil, de 1º a 4º de primaria
Límite de centros participantes: 20; cada centro poderá presentar dúas propostas de traballo que poderán ser desenvolvidas por dous equipos de traballo (estes equipos poderán traballar sobre o mesmo álbum ilustrado en galego ou sobre álbums distintos).
Límite de docentes participantes por centro: 8; os docentes participantes poderán constituír dous grupos de traballo por centro. Polo menos un dos docentes debe pertencer ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega; todos os demais deben impartir docencia no mesmo curso ou ciclo educativo do alumnado co que realicen a curta de animación. Non poderá participar no programa o profesorado que recibiu a formación deste programa nos tres cursos anteriores. A SXPL, de acordo cos datos que consten na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, comprobará se o profesorado que forma parte dos equipos de centros inscritos e seleccionados imparte docencia no curso ou ciclo educativo ao que pertence o alumnado que realiza a curta.

A SXPL contactará cos centros para emendar os erros que puidese haber na inscrición do profesorado co fin de incorporar profesorado novo na participación deste programa e, polo tanto, sen formación nas técnicas que se traballan na formación do programa.

Criterios de selección:

  1. Terán prioridade na selección os centros públicos.
  2. Seguiranse as indicacións establecidas respecto da participación do profesorado.
  3. Procurarase a representatividade territorial.

Criterios de exclusión:

  1. Centros que presenten equipos formados por docentes que xa participaron no programa do Plan Proxecta dos cursos 2017-2018, 2016-2017 e 2015-2016 (polo tanto, xa formados nas técnicas que se traballan).

Responsables do programa:

Nomes: Sabela Gil Gil e Beatriz García Turnes
Departamento: Secretaría Xeral de Política Lingüística
Teléfono: 881 996 324
Correo electrónico: sabelagil@edu.xunta.es , sxpl.planificacion@xunta.es 

Xustificación

O programa "Nós tamén creamos!" nace para paliar o descenso do uso do galego entre as xeracións máis novas e a diminución da transmisión interxeracional como lingua propia de Galicia.

Obxectivo xeral

"Nós tamén creamos!" é un programa de promoción da adquisición, do uso e da valoración da lingua galega na aula por medio da creatividade e da incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación ás aulas. Inclúe a formación do profesorado no uso das TIC vinculadas á linguaxe audiovisual, así como nas características da comunicación audiovisual; a dotación dunha colección de álbums ilustrados en galego e o asesoramento na fase de desenvolvemento do proxecto. Coa formación recibida, 1 ou 2 equipos de cada centro realizarán, co alumnado do 2º ciclo de educación infantil e/ou 1º, 2º, 3º e 4º cursos  de educación primaria, curtametraxes de animación en galego coa técnica stop motion a partir dun dos álbums ilustrados recibidos a principios do curso. Estas publicaranse no web da CRTVG e algunhas delas poderán ser difundidas na segunda canle da televisión autonómica.

Convocarase ademais unha nova edición do concurso de curtas de animación en galego que está a funcionar dende o curso 2011-2012; a este certame poderán concorrer, entre outros, os centros de titularidade pública inscritos en Proxecta.

Os obxectivos que pretende traballar o programa son os seguintes:

  • Ler álbums ilustrados en lingua galega e adaptalos á linguaxe audiovisual.
  • Adquirir competencias nas TIC coa finalidade de realizar películas de animación.
  • Crear curtametraxes de animación en lingua galega usando as TIC e diversas técnicas artísticas.

Palabras clave

Alfabetización audiovisual. Competencia cultural e artística. Creatividade. Linguaxe audiovisual. Literatura infantil. Dinamización lingüística. TIC.

Obxectivos específicos

  • Para o alumnado:
    • Adquirir e empregar o galego na aula.
    • Construír unha imaxe positiva da lingua galega.
    • Mostrar creatividade en lingua galega a través da elaboración de curtametraxes de animación.
    • Iniciar un proceso de alfabetización audiovisual en lingua galega a través da lectura de álbums ilustrados en galego e da súa adaptación á linguaxe audiovisual coa axuda das TIC e de diversas técnicas artísticas.
  • Para o profesorado:
    • Coñecer e usar ferramentas que permitan ensinar o galego en novos ámbitos e soportes.
    • Ensinar o galego cun enfoque comunicativo e con metodoloxías innovadoras.
    • Usar o galego na aula en tarefas que promovan a creatividade e a satisfacción do alumnado co fin de mellorar a súa imaxe positiva do idioma propio de Galicia.
    • Contribuír á adquisición das competencias clave do alumnado
  • Para a comunidade educativa:
    • Mellorar a valoración social da lingua galega.
    • Estender as aprendizaxes adquiridas polo grupo participante no programa para implicar a todo o centro.

Metodoloxía e temporización

  • 1º trimestre:
    • Entrega do material didáctico (lote de álbums ilustrados en galego): en novembro. Nesta etapa, mesmo antes da fase presencial da formación, impartida por profesionais do sector audiovisual, é importante que o alumnado traballe a  lingua galega oral, a dramatización e a locución.
    • Fase presencial do curso de formación.
  • 2º trimestre:
    • Fase en rede do curso de formación a través de Platega. Cos coñecementos adquiridos polo profesorado durante o curso de formación, traballaranse na aula as diferentes fases da creación dunha curtametraxe de animación coa técnica stop motion: guión gráfico, personaxes, luz, efectos especiais, movemento, música e montaxe.
    • Remate do prazo de entrega de tarefas no curso de formación.
  • 3º trimestre:
    • Remate do prazo de entrega da curtametraxe e do making off para participar no concurso (30 de abril).
    • Entrega da memoria nos prazos do Plan Proxecta (30 de xuño de 2019).

Actividades e recursos

  • Formación: o programa ofrece un curso de carácter obrigatorio para o profesorado participante no programa neste curso 2018/19:
    G1801049 Do conto á curta. A dinamización do galego a través da creación audiovisual.
    Núm. de horas: 30
    Modalidade: mixta (20 % de sesións presenciais)
    Temporización: 1º e 2º trimestres
    Nº de horas: 6 presenciais (novembro) + 24 non presenciais (xaneiro-abril). As horas presenciais desenvolveranse no propio centro.
    Os materiais ofrecidos neste curso están dispoñibles só para o profesorado participante.
  • Material didáctico: un lote de álbums ilustrados en galego para empregar como base e inspirar a curtametraxe. O alumnado traballará con eles para  seleccionar un (ou máis) e adaptar a historia á linguaxe audiovisual.
  • Concurso: o programa establece a participación obrigatoria no concurso Nós tamén creamos!, un certame de curtas de animación en galego elaboradas coa técnica stop motion que se convoca a través do web da SXPL e está aberto a todos os centros que queiran participar, dentro e fóra do Plan Proxecta. Os centros de titularidade pública que participen no programa do Plan Proxecta quedan inscritos de oficio nel e os demais deben inscribirse no prazo establecido.
    Realizarase un acto de entrega de premios ao remate da edición do concurso. Valorarase a posibilidade de incluír a participación do centro gañador na modalidade de 3º e 4º cursos de primaria nunha xornada do Festival de Cans.
  • Ligazóns de referencia:

Produto final

Elaboración dun produto audiovisual de animación en galego elaborado coa técnica stop motion e cunha duración máxima de  5 minutos.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e crea entre todos unha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

Criterios específicos

4. Calidade lingüística, expresividade e interpretación na curta ou curtas realizadas.

5. Orixinalidade, creatividade e innovación da curta ou curtas realizadas.

6. Calidade técnica, estética e artística da curta ou curtas realizadas.