Aplicación informática de elaboración de programacións de FP

Ven, 01/03/2013 - 16:50

Anúnciase que desde o día 28 de febreiro está operativa a aplicación informática de elaboración e seguimento de programacións de módulos profesionais de ciclos formativos de formación profesional LOE para todo o profesorado dos centros públicos e privados concertados de Galicia, segundo as instrucións remitidas, coa finalidade de que os/as docentes poidan coñecer e empregar dita ferramenta informática.

O acceso á aplicación realízase a través da ligazón http://www.edu.xunta.es/programacións. O profesorado ten a súa disposición un manual de axuda na mesma ligazón.

Con esta acción, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da cumprimento ao artigo 34º do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, que regula a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, onde se establece que a consellería con competencias en materia de educación promoverá o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na elaboración e no seguimento das programacións.

Esta acción complementa a posta en marcha de dita aplicación informática, iniciada en setembro de 2012 con carácter experimental coa colaboración de 49 centros educativos. É de destacar que grazas ás achegas e suxestións de mellora por parte do profesorado de ditos centros participantes, incorporáronse novas funcionalidades entre as que cabe destacar a disposición da opción “versión de traballo” para poder empregar a aplicación nunha versión a modo de borrador que poderá ser recuperada para empregar no curso 2013-2014.

A través dun contorno intuitivo de traballo e dun procedemento de elaboración de programacións secuencial e dinámico que admite continuas revisións e reelaboración, o profesorado disporá dunha ferramenta que lle permitirá a elaboración do informe final de programación, segundo o modelo do anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011, do informe para o alumnado e dun informe de seguimento do cumprimento da programación, indicando as posibles desviacións e/ou as posibles melloras de cara a outros anos.

Ademais a aplicación permitirá a creación de programacións a partir da programación elaborada polo docente en cursos anteriores, independentemente do centro educativo onde tivera destino, e tamén a partir das programacións do mesmo módulo presentadas nese centro, independentemente do docente que a elaborara , así como a partir da “versión de traballo”-borrador.

Por outra banda, o profesorado interesado en recibir formación respecto do procedemento de elaboración de programacións FP LOE, así como do uso da aplicación informática poderá inscribirse nunha nova edición do curso do plan anual de formación do profesorado”G1201014 Elaboración e programacións FP LOE con aplicación informática” ata o día 10 de marzo.