Título node Learning object

MeteoEscolas
Mér, 16/07/2014 - 11:00

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
    • Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.
      • Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, MeteoGalicia

Ámbito: / meteoroloxía e climatoloxía /ciencia e tecnoloxía/ medio ambiente/ promoción da cultura / alfabetización audiovisual.
Definición: o programa consiste en desenvolver un proxecto interdisciplinar relacionado coa meteoroloxía e o clima en Galicia, a partir da observación meteorolóxica na escola. Os centros promoverán a elaboración dun traballo en equipo (equipo no que participarán o profesorado, o alumnado, as familias, as institucións do contorno etc.) no que terán que realizarse distintas actividades, directamente relacionadas coa meteoroloxía e o clima, involucrando ás distintas áreas do coñecemento (áreas do coñecemento: tanto de ciencias da natureza, física, química, matemáticas, bioloxía, ciencias sociais como os de linguas, plástica, música, educación física etc.).

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 13. Acción polo clima
  • ODS 4. Educación de calidade

Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: ESO, Bacharelato, FP, Primaria, Educación Infantil (sempre que estea acompañado dalgunha outra etapa educativa).
Límite de centros participantes: 40 (aínda que podería chegar ata un máximo de 42 no caso dunha valoración similar de varios proxectos (solicitudes) presentadas.

Límite de docentes participantes por centro: non se establece límite de profesorado participante. Con todo, o número de actividades debe ser proporcional ao número de profesores implicados. Ademais, todas as áreas educativas cuxos profesores forman parte do equipo do programa MeteoEscolas no centro deben achegar no proxecto final, polo menos, unha actividade por área.

Límite de alumnado participante por centro:  non se establecen límites para o número de alumnos participantes

Criterios de selección:

  1. Plan de traballo, especificando as actividades que se van realizar durante o curso, seguindo unha metodoloxía no marco da educación en proxectos: 0-5 puntos.
  2. Desenvolvemento das actividades nas distintas áreas educativas (interdisciplinariedade do proxecto): 0-3 puntos.
  3. Participación do maior número de alumnos, así como distintas etapas educativas, sempre que sexa posible: 0-2 puntos

Responsables do programa:

Nome: Natalia Solovieva Soloviev, María de los Ángeles Lago Núñez e Ana Lage González
Departamento: Xestión de Proxectos / Observación e Climatoloxía / Predición Meteorolóxica
Teléfono: 881 028 334 /  981 957 463 / 881 028 331
Correo electrónico: administracion.meteogalicia@xunta.gal


Xustificación

O programa comezou no ano 2007 co obxectivo de promover unha cultura medioambiental baseada en coñecementos de meteoroloxía e climatoloxía nos centros educativos.

Obxectivo

Mellorar o coñecemento do alumnado en temas de meteoroloxía e clima e promover a investigación na escola, mediante a observación directa do tempo no seu centro e a contorna, e da realización de diversas actividades nas distintas áreas educativas.

Obxectivos específicos:

Coa supervisión do profesorado, o alumnado, na medida do posible, tomará os datos de precipitación, temperaturas máxima e mínima na súa MeteoEscola. Estas tarefas son moi recomendables para a educación primaria e o primeiro ciclo da educación secundaria. Unha vez introducidos na web de MeteoGalicia, os datos permiten obter unha serie de estatísticas como a temperatura máxima media de cada mes, a precipitación acumulada, ademais doutros estudos. Isto tamén permitirá comparar estes datos con outras MeteoEscolas do arredor ou coas estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia dixital
  • Competencia en comunicación lingüística

Palabras clave:

Meteoroloxía e climatoloxía, ciencia e tecnoloxía, medio ambiente

Metodoloxía e temporización:

O proxecto MeteoEscolas ten como requisito necesario a realización de distintas actividades directamente relacionadas coa Meteoroloxía, involucrando ás distintas áreas do coñecemento. Deste xeito chegarase á adquisición das competencias básicas por parte dun equipo interdisciplinario que pode incluir tanto ao profesorado de ciencias da natureza, física, matemáticas, ciencias sociais como os de linguas, plástica, música, educación física entre outros, todo no marco dunha aprendizaxe baseada en proxectos.

A difusión das actividades realizadas ao abeiro do programa permitirá trasladar as inquedanzas e os coñecementos do clima local ao contorno do centro escolar.

A secuenciación das fases do programa por trimestres ou meses será acordada polo propio equipo do programa de MeteoEscolas do centro educativo.

Actividades e recursos (formación, obradoiros, saídas, concursos, xornadas, visitas…)

  • Formación:

Formación inicial do profesorado: haberá unha xornada de formación voluntaria para o profesorado ao comezo do curso (esta formación non se certifica como formación do profesorado).

Lugar: MeteoGalicia

Duración: 2-2,5 h

Asesoramento continuo para o profesorado mediante correo electrónico e telefónico.

  • Propostas de actividades:

Ao longo do curso desde MeteoGalicia propoñeranse aos centros participantes distintas actividades a realizar, que en ningún caso serán obrigatorias. Os traballos realizados polos centros educativos poderán ser difundidos polos medios propios de MeteoGalicia se os centros educativos así o desexan.

  • Saídas:

Os centros participantes no programa MeteoEscolas terán prioridade para visitar MeteoGalicia e acudir a unha sesión formativa sobre meteoroloxía e aparellos meteorolóxicos e ó lanzamento dunha radiosondaxe.

Observación: MeteoGalicia non se fai cargo do traslado do centro ás súas instalación.

Importante: As comunicacións aos centros educativos enviaranse aos correos electrónicos corporativos dos mesmos (@ edu.xunta.gal).

Produto final

Será un resumo composto polas actividades* realizadas polo centro durante o curso no ámbito do programa MeteoEscolas. Estas actividades serán recollidas nunha memoria final concisa pero onde deben aparecer as evidencias do traballo realizado (ligazóns, fotografías, vídeos, etc.)

* Exemplos actividades: estudos meteorolóxicos, gráficas, estatísticas, material audiovisual diverso, exposicións, realización de murais, instrumentos meteorolóxicos caseiros, predicións do tempo, refraneiros populares, vocabulario e expresións do tempo en distintos idiomas, o tempo na literatura e música, estudo da meteoroloxía en obras de arte, recoñecemento do tipo de nubes, concursos de fotografías, etc.

Criterios de avaliación das memorias finais

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto

Criterio específico

1. Actividades educativas realizadas ao longo do proxecto.

Valorarase a calidade e orixinalidade das distintas actividades que realice o centro directamente relacionadas coa meteoroloxía. No momento da avaliación da memoria terase en conta a cantidade de profesores participantes, de xeito que o número de profesores involucrados deberá ser proporcional ao número de actividades que aparezan na memoria final. Así mesmo, debe haber polo menos unha actividade por cada área educativa cuxos profesores forman parte do equipo do programa MeteoEscolas no centro.

A toma de datos meteorolóxicos considerarase como unha actividade máis a realizar se o centro desexa levala a cabo, aínda que moi recomendable. A avaliación desta actividade farase a través dos datos inseridos na web de MeteoGalicia tendo sempre en conta unha correcta colocación e mantemento da estación meteorolóxica do centro. Así mesmo, débese introducir na web da rede de MeteoEscolas a observación dos meteoros (treboada, néboa, etc.). Esta actividade soamente será avaliada se posteriormente se usan os datos recollidos para facer outras tarefas como estatísticas, climogramas ou outras actividades que englobe o proxecto.

Ademais, apreciarase a comparativa dos datos recollidos no centro con datos de estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia ou doutros centros, con zonas climáticas distintas.

 

Menús Learning object node R