Paisaxe e Sustentabilidade
Mér, 16/07/2014 - 11:00
[actualizado o 16/12/2015]
 

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
    • Instituto de Estudos do Territorio

Ámbito: medio ambiente
Definición: fornecemento de recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas a través dos seus elementos constitutivos, da súa diversidade e do seu valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sustentabilidade.
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP
Límite de centros participantes: 30
Criterios de selección:

  • Idoneidade e calidade do proxecto
  • Grao de innovación do proxecto
  • Grao de implicación do claustro/proxecto de centro
  • Grao de implicación da comunidade educativa
  • Grao de intervención no contorno do centro
  • Representatividade territorial (por comarcas paisaxísticas)
  • Difusión dos traballos e resultados do proxecto
  • Ter participado con anterioridade con memoria final validada

Responsable do programa:

Nome: Evaristo García Canosa / Marcos Fernández Francos
Departamento: Instituto de Estudos do Territorio
Teléfono: 981 541 026
Correo electrónico: evaristo.garcia.canosa@xunta.es

Xustificación

O programa Paisaxe e Sustentabilidade enmárcase no Convenio Europeo da Paisaxe; concretamente o artigo 6c sinala medidas específicas de formación e educación: “Cursos escolares e universitarios que, nas disciplinas correspondentes, aborden os valores relacionados coas paisaxes e as cuestións relativas a súa protección, xestión e ordenación”

Así mesmo, a Lei 7/2008 de paisaxe de Galicia no artigo 14º.c Formación, sensibilización, educación e concertación, recolle que “A Xunta de Galicia fomentará a incorporación da materia da paisaxe nos distintos ciclos educativos, e promoverá a formación de especialistas en materia de intervención da paisaxe”.

Por último, a Estratexia Galega da Paisaxe sinala diversas actividades encamiñadas a sensibilización, formación e divulgación da paisaxe.

Así pois, Paisaxe e Sustentabilidade é unha iniciativa educativa que parte da idea de que vivimos inmersos nun territorio e nunha paisaxe que configura o escenario da nosa vida cotiá. As nosas accións, aínda que sexan mínimas poden mellorar ou empeorar o espazo onde habitamos. A paisaxe, que está constituída de moitos compoñentes (a percepción, a dimensión histórico-cultural, a físico-ecolóxica), é pois unha materia de estudo e reflexión.

Obxectivo xeral

Este programa pretende desenvolver a capacidade de comprensión e interpretación das paisaxes e dos territorios próximos nos que habita o alumnado. Para mellorar esta comprensión e fomentar a innovación educativa, os contidos curriculares deben fomentar os hábitos e as destrezas do alumnado, de todos os niveis, para desenvolver ideas creativas e innovadoras a través da reflexión crítica, o traballo colaborativo e a comunicación.

Así pois, o programa procurará roporcionarlle ao alumnado e ao profesorado recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas identificando os seus elementos constitutivos, a diversidade, o valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sustentabilidade.

Palabras clave

Desenvolvemento sostible. Medio ambiente. Paisaxe.

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • Empregar ferramentas gráficas que permitan representar o espazo: cartografía, fotografía, audiovisual.

PARA O PROFESORADO

  • Desenvolver a comprensión da paisaxe onde vive o alumnado a través do recoñecemento dos seus elementos constitutivos, diversidade natural, cultural, o valor simbólico e a importancia da preservación do territorio e da paisaxe.
  • Fomentar o estudo e a análise multidisciplinaria da paisaxe, relacionando os coñecementos curriculares das diferentes materias para que sexa, na medida do posible, un proxecto de centro que poña en marcha propostas innovadoras que desenvolvan a capacidade interpretativa sobre os espazos próximos e cotiáns.
  • Implementar pequenos proxectos de estudo, interpretación e intervención na contorna próxima que, liderados polo alumnado, incorporen a paisaxe como obxecto de aprendizaxe e constitúan unha mellora para a súa posta en valor.
  • Potenciar o traballo en equipo e a iniciativa persoal, coordinada co profesorado e integrando a participación da comunidade escolar e local no desenvolvemento do proxecto (país, veciños, etc).
  • Publicar e difundir na rede os mellores proxectos. 

 

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar.

Actividades e recursos

Contribución á adquisición das competencias do alumnado

Entre outras, desenvolveranse as seguintes competencias clave:

  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT), a través da identificación dos puntos de interese paisaxístico en cada territorio, dos impactos e a súa repercusión na contorna.
  • Aprender a aprender (CAA), implementando as metodoloxías activas e participativas empregadas para que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe (selección do Reto (discusión), corresponsabilidade na planificación, elaboración de argumentarios e definición/resolución de propostas.
  • Competencia dixital (CD), utilizando as tecnoloxías da información e da comunicación poderá “elaborar documentos dixitais propios adecuados á súa idade”, para identificar elementos, conflitos e impactos paisaxísticos na súa contorna.
  • Comunicación lingüística (CCL), que se adquirirá a través da expresión oral e escrita da lectura e interpretación da paisaxe, da análise crítica da información recollida de de distintas fontes,dos impactos detectados e das propostas de mellora.
  • Conciencia e expresións culturais (CCEC), a partir da observación directa poderá elaborar propostas creativas de intervención social e cultural (bosquexos, debuxos sinxelos, fotografías, relatos, paisaxes sonoras…) para “comprender que a paisaxe é o resultado dunha complexa interacción de factores naturais e humanos, que actúan nun sistema espacial diferenciado”.