O conselleiro de Cultura e Educación comproba o funcionamento do Plan de potenciación das linguas estranxeiras e do Proxecto Abalar nos centros educativos de Guitiriz

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o IES Poeta Díaz Castro e o CEIP de Lagostelle, no concello lucense

A Consellería leva investido preto de 114.000 euros en melloras nos centros educativos desta localidade

Lun, 18/06/2012 - 10:56
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o IES Poeta Díaz Castro e o CEIP de Lagostelle,
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o IES Poeta Díaz Castro e o CEIP de Lagostelle, no concello lucense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o funcionamento de dous dos proxectos máis punteiros impulsados polo seu departamento, o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras e o Proxecto Abalar, nos centros educativos do concello de Guitiriz. Ademais nestas visitas o conselleiro, que estivo acompañado pola delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias, aproveitou para achegarse á comunidade educativa dos IES Poeta Díaz Castro e CEIP de Lagostelle, co fin de coñecer en primeira persoa os seus intereses.

Vázquez Abad visitou a primeira hora da mañá o IES Poeta Díaz Castro, que conta con aulas Abalar desde o primeiro curso de implantación do proxecto, o 2010/2011. Deste xeito, 80 alumnas e alumnos contan con cadanseu ordenador ultraportátil para o seu uso na clase. Tal e como explicou o conselleiro, as 4 aulas Abalar do centro supuxeron un investimento de 48.600 euros, co fin de acadar a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino.

O conselleiro coñeceu ademais, acompañado pola directora Olga Aguiar, as actividades que se desenvolven na biblioteca escolar do centro, inserida no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde a súa primeira edición, para as que a Consellería leva achegado 27.895 euros, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe.

Cómpre lembrar, ademais, que o IES Poeta Díaz Castro foi un dos primeiros 144 centros educativos de Galicia en asinar un contrato-programa coa Consellería para a mellora da calidade do ensino. En concreto, este instituto desenvolve a primeira das liñas de actuación desta iniciativa, a de reforzo, orientación e apoio (PROA), na modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo, co que se procura potenciar a aprendizaxe e o rendemento de 16 estudantes do primeiro ciclo da ESO, mediante a adquisición de hábitos de organización e constancia no traballo, o alento ao estudo, e o fornecemento dos coñecementos e das destrezas nas áreas instrumentais. Para o desenvolvemento desta iniciativa, que conta coa implicación directa de dous docentes do centro no acompañamento dos alumnos, a Consellería destinou ao instituto unha achega de 11.500 euros.

CEIP de Lagostelle

Vázquez Abad visitou tamén o CEIP de Lagostelle, que forma parte da rede de 110 Centros Plurilingües de Galicia. Xunto ao director do centro, Domingo Lodeiro, visitou a aula dixital da que se dotou ao centro grazas ao convenio con Red.es, polo que o presente curso foron instalados 782 kits de aula dixital en 645 colexios que non forman parte do Abalar.

Neste centro tivo tamén a oportunidade de coñecer as actividades de fomento do hábito lector entre os máis novos que se están a desenvolver a través da biblioteca escolar – no Plan de Mellora desde o curso 2010/2011-, á que a Consellería leva achegado 15.225 euros.

Melloras nos centros de Guitiriz

Con estas visitas o conselleiro reafirmou o compromiso que o departamento que dirixe mantén cos centros educativos do concello de Guitiriz, nos que ten investido preto de 114.000 euros para obras de reforma e mellora, dos que máis de 85.200 euros se destinaron aos dous centros hoxe visitados, ademais dos traballos desenvolvidos no outro colexio da localidade, o CEIP Santo Estevo de Parga.

Tal e como explicou Vázquez Abad, grazas a este investimento, remodelouse a cociña do IES Poeta Díaz Castro, onde tamén se realizaron melloras nos despachos e na rede sanitaria e de incendios, que redundan no beneficio dos seus 207 alumnas e alumnos.

No caso, do CEIP de Lagostelle, realizáronse traballos de reforma na instalación eléctrica, nos aseos de infantil e nos baños da planta baixa, e na cuberta do colexio; melloras das que se benefician os 211 estudantes do centro.

Vázquez Abad lembrou ademais que a Consellería inviste máis de 616.500 euros para a prestación dos servizos de transporte escolar en ambos os centros, e de comedor escolar no CEIP de Lagostelle.