A Consellería de Cultura e Educación convoca preto de 2.500 prazas destinadas ao alumnado para actividades de aprendizaxe de linguas estranxeiras

As estadías formativas desenvolveranse en Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña para o alumnado de bacharelato e ciclos de grao superior de FP

Os estudantes de 6º de Primaria e a ESO realizarán actividades de aprendizaxe de francés e participarán en ‘vilas inglesas’ en Galicia

A dotación total das achegas para mellorar os coñecementos en inglés, francés e alemán será de preto de 2 millóns de euros

Lun, 05/03/2012 - 13:15
A Consellería de Cultura e Educación convoca preto de 2.500 prazas
A Consellería de Cultura e Educación convoca preto de 2.500 prazas destinadas ao alumnado para actividades de aprendizaxe de linguas estranxeiras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará este luns a convocatoria de 2.495 axudas para os alumnos e alumnas que queiran realizar actividades de aprendizaxe de linguas estranxeiras no 2012. A convocatoria vai dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO, que poderán gozar de estadías formativas en ‘vilas inglesas’ en Galicia e de actividades para a aprendizaxe do francés; e aos estudantes de bacharelato e os ciclos de grao superior de Formación Profesional, que desenvolverán as actividades formativas en Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña

Con esta oferta a Xunta volve demostrar o seu interese pola formación do alumnado galego en idiomas e, a pesares da grave crise económica pola que se atravesa, as achegas para mellorar os coñecementos en linguas estranxeiras acadan os 1.952.455 euros, e dan a oportunidade de mellorar as competencias en outros idiomas aos estudantes.

Oportunidade de mellora

A oportunidade que dá a Consellería de aprender e mellorar os coñecementos en inglés, francés e alemán está destinada aos estudantes de 6º de educación primaria, 1º, 2º, 3º, 4º de educación secundaria obrigatoria, e 1º e 2º de bacharelato, que están a cursar os seus estudos en centros educativos sostidos con fondos públicos de Galicia.

Ademais, por segundo ano consecutivo, tamén vai dirixida aos estudantes de ciclos de Formación Profesional de grao superior, que poderán mellorar as súas competencias con cursos de inglés en Canadá e de alemán en Alemaña.

Para poder optar a estas axudas será preciso ter superado todas as materias do curso 2011-2012. Ademais establécese que os seleccionados teñan unha cualificación mínima na lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, co obxectivo de acadar un bo aproveitamento da mesma.

Destinos

No caso do alumnado de bacharelato, convócanse prazas para actividades de aprendizaxe de inglés en Canadá e Reino Unido e de francés en Francia, cunha duración de tres semanas. Ademais repetirase unha experiencia especialmente enriquecedora posta en marcha pola actual Consellería, nomeadamente a integración dun grupo de 20 estudantes de 1º de bacharelato durante 4 semanas a principios de curso no sistema educativo canadense, compartindo aulas cos seus alumnos e profesores.

A Consellería convoca tamén, por segundo ano consecutivo, prazas para que o alumnado de ciclos formativos de grao superior realicen actividades de formación en inglés en Canadá e en alemán en Alemaña, cunha duración de 3 semanas.

No caso dosestudantes de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO e 6º de primaria, poderán optar a participar en actividades nas denominadas ‘vilas inglesas’ que se desenvolverán en Galicia durante os meses de xullo e agosto con profesores nativos, así como a prazas destinadas ao aprendizaxe de francés dentro da Comunidade, todas elas en períodos de 2 semanas.

As solicitudes

Os interesados deben inscribirse na dirección web http://www.edu.xunta.gal/axudasle, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes dos alumnos e alumnas que se beneficiarán das achegas.

O propósito do ambicioso programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras non é só que os asistentes aprendan un idioma estranxeiro, senón que este idioma o apliquen durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlles unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.

Nos cursos que se celebrarán no estranxeiro, o obxectivo é que os asistentes teñan un verdadeiro contacto idiomático, polo que os estudantes asistirán a clases con alumnos de diversas nacionalidades, de modo que practiquen o idioma e que convivan con diferentes culturas.

Ao igual que acontece nas actividades en Galicia, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria preséntase un programa que lle permite ao alumnado formarse lingüisticamente, pero tamén como persoas. Deste xeito, os seleccionados para os cursos vivirán con familias ou en residencias e todos terán a oportunidade de desenvolver actividades fóra das aulas, nas que se inclúen excursións, veladas lúdicas, actividades deportivas, xogos ou obradoiros temáticos.