Título node Learning object

Guía "De inclusión": libros e materiais para persoas con diversidade funcional
Xov, 21/12/2023 - 09:43
Imaxe

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), sección da OEPLI (Organización Española del Libro Infantil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY, publicou, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Guía De inclusión na que recolle toda clase de materiais que facilitan a lectura a todo tipo de persoas con algún xénero de diversidade funcional. A inclusión é un dereito que atinxe a toda a sociedade polo que buscar a integración de toda a cidadanía na cultura propia é absolutamente imprescindible para falar de democracia e igualdade de oportunidades nas que se teñe en conta a situación de cada unha das persoas que forman parte do entramado social.

Trátase duns materiais imprescindibles para todas as persoas mediadoras do libro e a rapazada, que convén ter en conta nas bibliotecas escolares e públicas, nos centros de ensino e no ámbito da educación social.

A guía está organizada de forma que lle dea servizo a unha biblioteca inclusiva con toda clase de recursos en galego que axuden a normalizar a lingua e mostrar a súa presenza no sistema editorial. Téñanse en conta, sempre, verdades aceptadas universalmente coma o feito de que toda biblioteca leva na súa natureza a inclusión ao conter libros que se organizan “a partir de determinada idade pero sen límite por arriba”, igual que todo libro infantil pode ser lido por todo tipo de lectorado ademais da rapazada, ou a consideración das múltiples lecturas dos bos libros.

Os materiais están organizados por Audiolibros (con todos os lugares físicos ou virtuais onde conseguilos así como atendendo ás diferentes tipoloxías), Videocontos, Libros con pictogramas, Libros de lectura fácil, Libros infantís accesibles (pola tipografía, o interlineado, a xustificación, os fondos, ilustracións…), Libros máis accesibles pola tipoloxía (Abecedarios ilustrados, Dicionarios visuais, Libros duros, Libros “troquelados”, Libros con texturas, Álbums ilustrados…), Libros en braille, Libros sen texto, Xogos e xoguetes ou Libros que tratan sobre a temática da diversidade e permitirán a reflexión sobre a variedade de persoas e situación que podemos atopar na sociedade.