Cultura e Educación impulsa a dinamización da lingua e a innovación educativa a través do programa Nós tamén creamos!

O conselleiro presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa para promover entre os máis novos o uso da lingua galega, en colaboración coa CRTVG e OQOeditora

A lectura en galego e a interacción coas novas tecnoloxías na nosa lingua propia son obxectivos deste programa

A nova iniciativa arrinca cun certame de curtametraxes en Stop Motion nas que participan alumnado de infantil e primaria

Ven, 10/02/2012 - 12:09
Nós tamén creamos!
Cultura e Educación impulsa a dinamización da lingua e a innovación educativa a través do programa Nós tamén creamos!

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe en rolda de prensa o programa Nós tamén creamos!, a nova iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a dinamización da lingua galega e para a innovación educativa nos centros de infantil e primaria. Este programa, desenvolvido coa colaboración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e de OQOeditora, arrincará cun certame de curtametraxes en galego elaboradas na técnica Stop Motion, elaboradas a partir de material realizado por escolares de entre 3 e 9 anos de 50 centros educativos de infantil e primaria.

O conselleiro estivo acompañado pola directora da TVG, Rosa Vilas, e polo coordinador da área audiovisual de OQO Editora, Marcos López, nun acto informativo no que expuxeron os obxectivos que se procuran coa posta en marcha deste programa. Deste xeito, Vázquez Abad salientou que Nós tamén creamos! é unha aposta da Consellería “pola calidade e pola innovación educativas ligadas á promoción da lingua galega, por abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos poidan achegarse á lectura en galego, e una iniciativa para promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia”.

Lingua galega e innovación

Tal e como explicou o conselleiro, Nós tamén creamos! busca fomentar a innovación educativa, incentivando ao tempo o uso da lingua galega en novos espazos e soportes que supoñan xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe.

Respecto do certame de curtas, baseadas en relatos en galego, Vázquez Abad salientou a oportunidade que supón para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego, no marco da estratexia transversal que está desenvolver esta Consellería de fomento do hábito lector entre os máis novos, ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe. “Animalos a ler é ofrecerlles unha ocasión de aprender lingua, poñer as bases para o seu éxito escolar e unha vía para fomentar a súa creatividade, abríndolles as portas aos novos mundos e experiencias que garda a literatura”.

Así mesmo o conselleiro destacou o papel fundamental dos docentes, e nomeadamente dos integrados nos Equipos de dinamización da lingua galega, na tarefa de dinamizar a lingua galega nas escolas, “promovendo o seu uso con novos fins e a súa interacción coas novas tecnoloxías, cuestións imprescindibles nos nosos días”. Neste sentido explicou que a Consellería vai prestar todo o seu apoio para que continúen con ese papel no marco deste certame, proporcionándolle ás mestras e mestres formación específica, material e asesoramento durante todo o proceso de realización das curtas. Ademais, as profesoras e profesores vencellados á elaboración das tres curtas gañadoras recibirán unha acreditación de 20 horas de innovación educativa, en recoñecemento ao seu bo facer. 

O galego, unha lingua para o futuro

O obxectivo final, tanto do programa Nós tamén creamos! como deste primeiro certame, é promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia. “Queremos que o noso alumnado máis novo vexa dende o principio que en galego pode facer o que queira e no soporte que queira; que pode usar o audiovisual e as tecnoloxías da información e da comunicación na nosa lingua, porque, sen menosprezar o seu ilustre pasado, o galego é un idioma de presente e de futuro”, explicou o conselleiro.

Ao mesmo tempo, o programa procura impulsar a lingua galega a través dos medios da CRTVG, convertendo a TVG2 e a sección infantil do web da Compañía nun referente para o audiovisual en galego dirixido aos máis novos.

O certame

Nós Tamén Creamos!arrinca coa convocatoria dun certame de curtas en galego na técnica Stop Motion, unha proposta para que alumnas e alumnos de entre 3 e 9 anos de 50 centros educativos se convertan en creadores de curtametraxes de animación, realizando as súas propostas a partir de 14 títulos de OQOeditora.

Os docentes que axuden ás súas alumnas e alumnos a participaren neste certame recibirán a formación e o material necesario para comezar a elaborar as curtas. Así mesmo contarán co asesoramento prestado por OQOeditora ao longo de todo o proceso.

Os traballos resultantes iranse colgando na sección infantil do web da CRTVG, e tamén estarán accesibles desde o web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais as tres curtametraxes gañadoras serán emitidas e promocionadas en distintos programas da TVG.

Haberá tres premios, un para cada etapa – segundo ciclo de educación infantil, primeiro ciclo de educación primaria e segundo ciclo de educación primaria-. Cada centro premiado nunha destas modalidades recibirá un lote de libros de OQOeditora e mais un agasallo de material proporcionado pola CRTVG; así como un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, as profesoras e profesores implicados na elaboración das tres curtas gañadoras recibirán unha acreditación de 20 horas de innovación educativa.