Título node Learning object

Unidade didáctica Emilia Pardo Bazán
Ven, 21/05/2021 - 11:09
Unidade didáctica Emilia Pardo Bazán

No marco das conmemoracións do centenario de Emilia Pardo Bazán, a Xunta de Galicia pretende achegala máis que nunca ás nosas aulas polo que se valora especialmente a posta en marcha de ferramentas pedagóxicas que destaquen as principais obras, fitos, publicacións e documentos producidos por esta galega universal.

 A nova unidade deseñada polas profesoras Arantxa Fuentes e María López foi elaborada “coa máxima rigorosidade académica” e dará a coñecer entre o alumnado “as facetas máis agochadas da excepcional traxectoria vital e artística de Pardo Bazán, incidindo de xeito especial na súa condición de defensora dos dereitos das mulleres”. Está dirixida a estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, aínda que conta cun enfoque transversal, polo que tamén permitirá traballar con alumnos e profesores doutros niveis educativos.

A unidade didáctica aposta por unha lectura crítica e reflexiva para fomentar o espírito investigador nun total de sete competencias clave, entre elas, a comunicación lingüística, expresións culturais, así como as competencias sociais e cívicas abordando aspectos como a perspectiva de xénero e a educación en igualdade.

Os seus contidos están pensados para desenvolver ao longo de oito sesións, que se poden completar coa realización dun traballo de investigación como actividade final, para poñer en práctica distintos saberes e habilidades traballados ao longo de toda a unidade