Convocados os premios educativos Innovagal para centros e docentes do ensino público da comunidade autónoma de Galicia durante o curso escolar 2020/2021

Mar, 01/09/2020 - 13:31
logo

Resolución do 1 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan os premios educativos Innovagal para o profesorado e os centros docentes públicos da comunidade autónoma de Galicia durante o curso escolar 2020/2021

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca por primeira vez os premios educativos Innovagal co obxectivo de premiar a aqueles centros e docentes cunha traxectoria de compromiso coa innovación educativa ao desenvolver enfoques didácticos e/ou organizativos que buscan dar resposta ás necesidades do seu alumnado. Necesidades que varían en función do seu contexto sociocultural pero tamén en función dos cambios que, a nivel global, se están a experimentar na sociedade.

Modalidades e destinatarios:

Modalidade centro: dirixida a centros docentes públicos dependentes desta consellería que oferten ensinanzas de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato.

Modalidade docente: dirixida ao persoal docente funcionario de carreira que imparte ensinanzas en centros docentes públicos que oferten ensinanzas de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato.

Categorías:

Categoría A: escolas de educación infantil, colexios rurais agrupados, centros de educación especial, colexios de educación infantil e primaria e colexios de educación primaria.

Categoría B: centros públicos integrados e institutos de educación secundaria.

Premios e recoñecementos:

Na modalidade centro outorgaranse tres premios cos seguintes importes: 10.000 euros para o 1º premio, 6.000 euros para o 2º premio, 3.000 euros para o 3º premio. Ademais, entre os centros premiados, outorgarase unha mención de honra por categoría cun importe de 1.000 euros cada unha. Estas mencións están dirixidas ás propostas destacadas con estratexias innovadoras de adapt ación da actividade lectiva a un escenario non presencial motivado pola COVID-19. Os centros premiados nesta convocatoria recibirán ademais o distintivo de “Centro educativo Innovagal”.

Na modalidade docente outorgaranse oito premios dotados con 3.000 euros cada un e o profesorado premiado recibirá unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado. 

O prazo de presentación de solicitudes e documentación rematará o 5 de outubro de 2020

  • Ampliación do prazo de participación ata o luns 19 de outubro de 2020

Para máis información: edu.innova@edu.xunta.gal.