Convocado o procedemento de acceso aos corpos de catedráticos de ensino secundario, de artes plásticas e deseño e de escolas oficiais de idiomas

Lun, 22/06/2020 - 08:10

Orde do 4 de xuño de 2020 pola que se convoca procedemento de acceso aos corpos de catedráticos de ensino secundario, de artes plásticas e deseño e de escolas oficiais de idiomas.

Para participar nesta convocatoria de acceso a un dos corpos de catedráticos é necesario posuír o título de Doutoramento, Licenciatura, Enxeñería, Arquitectura ou título de Grao correspondente, ou titulación equivalente para os efectos de docencia no correspondente corpo e especialidade e unha antigüidade mínima de oito anos como persoal funcionario do corpo de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas ou do corpo de profesores de artes plásticas e deseño, segundo o corpo de catedráticos ao que aspire a acceder.

Só se poderá participar pola especialidade ou especialidades das que se é titular.

De conformidade coa base 3.10 da convocatoria, o prazo de solicitudes abrangue dende o 23 de xuño de 2020 ata o 14 de xullo de 2020, ámbolos dous incluídos.

A solicitude poderá presentarse en calquera dos lugares previstos na base 3.8 da convocatoria. Para facilitar a presentación entre os lugares está "a secretaría do centro educativo no que presta servizos o persoal aspirante".

Para realizar a súa solicitude debe acceder a páxina web www.edu.xunta.gal/oposicions/ onde visualizará os méritos que constan no seu expediente e a puntuación que se lle propón en cada un dos apartados, epígrafes e subepígrafes do baremo publicado como anexo II na orde de convocatoria.

Os méritos compútanse ata o 14 de xullo de 2020, data na que remata o prazo de presentación de solicitudes.

Para alegar os méritos que non consten na base de datos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá facelo accedendo á páxina web: www.edu.xunta.gal/datospersoais/

No suposto de que teña a puntuación máxima no concurso e, de faltarlle méritos no seu expediente, resulta conveniente que os alegue xa que no apartado 8.3.d) da convocatoria establécese como último criterio de desempate "Os criterios establecidos anteriormente, a), b) e c) pola orde na que aparecen no anexo II sen os límites máximos de puntuación establecidos en cada caso"

Asemade, poderá efectuar alegacións a aqueles méritos que constan na base de datos e non se lle bareman ou non está de acordo coa baremación e para isto deberá acceder na páxina web www.edu.xunta.gal/oposicions a súa solicitude na lapela "Baremo" / botón "Alegar baremo". Unha vez teña feitas as alegacións poderá xerar e imprimir o pdf no botón "Xerar pdf alegacións baremo".

Nota informativa sobre o desenvolvemento do procedemento de acceso aos corpos de catedráticos de ensino secundario, de artes plásticas e deseño e de escolas oficiais de idiomas