A rede de centros plurilingües de Galicia integrará o vindeiro curso a máis de 100 colexios e institutos

A Consellería de Educación vén de autorizar de forma provisional que 47 centros educativos impartan ata un terzo do seu horario lectivo nunha lingua estranxeira

O alto número de solicitudes recibidas, tanto para estes centros como para as seccións bilingües, vén a confirmar a gran acollida da comunidade educativa ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Mar, 12/07/2011 - 19:15

A Rede de Centros Plurilingües de Galicia estará formada o vindeiro curso por máis dun cento de centros educativos de primaria e secundaria, nos que se poderá impartir ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira.

A Consellería de Educación vén de autorizar o carácter de plurilingüe para 47 centros educativos que se unirán no curso 2011/2012 aos 58 xa integrados, polo que no seu segundo curso de funcionamento a Rede de centros Plurilingües de Galicia contará con, polo menos, 105 centros educativos. A convocatoria aberta pola Consellería volveu ser, por segundo ano consecutivo, un éxito, con 59 solicitudes.

Dado o carácter provisional da resolución, os centros solicitantes que non resultaron admitidos terán ata o vindeiro día 18 para achegar a documentación que lles foi demandada e conseguir a autorización.

Seccións bilingües

Respecto dos centros que se interesaron por contar con seccións bilingües, a Consellería de Educación está nestes momentos a tramitar o alto número de solicitudes recibidas. Con todo, o interese amosado polos centros educativos está a superar con moito as expectativas, xa que se levan tramitado máis de 300 solicitudes, das cales 250 reúnen xa os requisitos.

Neste sentido cómpre lembrar que as previsións do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad eran de chegar este ano aos 100 centros plurilingües e ás 1.600 seccións bilingües (respecto das 1.519 do curso 2010/2011). Desta forma, o número de solicitudes vén a confirmar a gran acollida da comunidade educativa ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Unha aposta pola calidade

O compromiso do Goberno galego co fomento do plurilingüismo no sistema educativo reafirmouse ademais nos últimos meses coa nova regulación dos centros plurilingües e seccións bilingües que funcionan nos centros de ensino da Comunidade Autónoma. Deste xeito, ademais do procedemento para a solicitude de autorización, nas devanditas ordes queda establecidos os obxectivos de centros plurilingües e seccións, así como as necesidades de cualificación do seu profesorado.

Neste sentido, e nunha aposta pola calidade do ensino das linguas estranxeiras, as ordes establecen que o profesorado implicado nestas iniciativas, deberá acreditar que dispón do nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Estes docentes deberán ademais colaborar na elaboración da programación de contidos, actividades e materiais currículos específicos de apoio en lingua estranxeira.

As profesoras e profesores implicados nestas iniciativas deberán participar nas actividades para a formación inicial e continua deseñadas e impulsadas pola Consellería de Educación dentro do seu Plan de Formación. Ademais no espazo web de linguas estranxeiras ofertaranse recursos específicos e información relativa ao ensino CLIL/AICLE. A docencia e coordinación de centros plurilingües e seccións bilingües será recoñecida pola Administración educativa cunha certificación.