Título node Learning object

Cidadanía dixital (NOVIDADE NO CURSO 2019/20)
Ven, 30/08/2019 - 10:35

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
    • Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

Ámbito: comunicación, dixitalización.
Definición: iniciativa para contribuír á educación mediática e dixital da comunidade educativa e, por extensión, de toda a cidadanía.
Temporización: 1º e 2º trimestre do curso escolar
Alumnado ao que vai dirixido: 3º e 4º de ESO, 1º de BACH, Formación Profesional

Tipo de centros aos que vai dirixido: centros de ensino públicos e concertados de Galicia
Límite de centros participantes: 10
Límite de docentes participantes por centro: mínimo de 2 e máximo de 3
Límite de alumnado participante por centro en cada obradoiro: 20

Criterios de selección:

Horarios:

Cómpre dispoñer de varias horas á semana co grupo de alumnos co que se vai traballar para ver os audiovisuais propostos e para organizar as dinámicas grupais.

Cómpre dispoñer de xornadas longas de traballo nas fases necesarias.

Previsión da dedicación dos docentes responsables do obradoiro tanto para o traballo cos alumnos como para a coordinación, a xestión de materiais, a planificación e a organización. Tamén se deberá prever o acompañamento dos alumnos no desenvolvemento da segunda fase do proxecto: cando os propios alumnos dinamicen os obradoiros cos seus compañeiros.

Docentes:

É imprescindible a asistencia dos docentes ás 5 xornadas de formación na Coruña no calendario previsto para o primeiro trimestre do curso escolar 2019-2020.

Implicación dun mínimo de 2 docentes e un máximo de 3 (deberase xustificar a necesidade de incluír máis docentes).

Previsión da dedicación dos docentes responsables do proxecto tanto para o traballo cos alumnos como para a coordinación, a xestión, a organización de grupos e as demais tarefas.

Capacidade de vehicular contidos transversais a través do obradoiro.

Requisitos técnicos: o centro debe dispoñer de conexión á internet e un ordenador e proxector para ver os contidos propostos.

Persoas responsables:

Nomes: Mónica García Iglesias
Departamento: CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe). Durán Loriga 10 -baixo. 15003 A Coruña
Teléfono: 881 881 269
Correo electrónico: monica.garcia.iglesias@xunta.es

Obxectivo xeral

Cidadanía Dixital é unha iniciativa para contribuír á educación mediática e dixital da comunidade educativa e, por extensión, de toda a cidadanía.

Cidadanía dixital propón, a través dunha orientación eminentemente práctica:

  • Entender a industria dixital e o sistema socio-cultural que xera, analizando conexións entre reality shows e redes sociais.

  • Reflexionar e repensarse como usuarios tecnolóxicos. Ser conscientes dos roles que despregamos ante a tecnoloxía.

  • Programar contidos e prácticas propias dunha cidadanía dixital.

Cidadanía dixital nace dun grupo de investigación da Universidade Rey Juan Carlos, Ciberdemocracia, cunha longa traxectoria na análise das formas de participación cidadá na contorna dixital.

Obxectivos específicos

Contribuír á adquisición das competencias clave.

Palabras clave

Alfabetización dixital, Educación cidadá, Internet, Medios Sociais, Opinión Pública, Televisión.

Temporización

O programa Cidadanía dixital estrutúrase en cinco sesións de formación de catro horas, no CGAI (A Coruña), os luns 7 e 21 de outubro, 4 e 18 de novembro e 2 de decembro de 2019. Estas xornadas están incluídas no Plan anual de formación do profesorado. As sesións estarán conducidas por Víctor Sampedro, catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política da URJC.

Servíndose da metáfora da comida, o programa propón un Receitario de cidadanía dixital cunha guía de visionamento de 10 recursos audiovisuais e unha novela gráfica que se estruturan en 5 bloques:

1. 7 de outubro 2019. A industria dixital: modelo de negocio, efectos individuais e sociais. Partirase do documental Super Size me (Morgan Spurlock, 2004) para aplicar unha analoxía alimentaria na que se propón a necesidade de adoptar unha dieta dixital.

2. 21 de outubro. Distopías tecnolóxicas: desexo, realidade e monstros dixitais. Analizaranse tres episodios da serie de ciencia ficción Black Mirror, a través dos cales se afondará na identidade dixital e na pegada que deixamos coa nosa actividade en liña para propoñer ferramentas que permitan controlar e xestionar a construción da nosa identidade virtual. Reflexionarase sobre os algoritmos nas redes comerciais e abordaranse as formas de participación que fomentan a televisión sensacionalista e as redes comerciais.

3. 4 de novembro 2019. Suxeitos dixitais. Proponse unha comparativa entre dous tipos de subxectividades na contorna dixital: os youtubers e a súa utilización por parte da industria co visionamento de Generation Like (Douglas Rushkoff, 2014), e Edward Snowden en Citizenfour (Laura Poitras, 2014) como exemplo de cidadán comprometido cos dereitos dixitais.

4. 18 de novembro 2019. Reprogramación. Trazaranse continuidades entre a televisión e a internet e os formatos que predominan nos dous medios (cada vez máis fusionados): o reality show e as redes. Abordarase este bloque con dúas temáticas: a migración e o xénero, e desenvolveremos o concepto de reprogramación. Os visionamentos sobre os que traballaremos son a serie de ficción UnReal, para coñecer o funcionamento da industria do espectáculo e a construción do rol de celebrity; Go back to where you came from, un reality producido pola televisión pública australiana para favorecer unha reflexión profunda ante unha situación como as migracións.

A novela gráfica de Isaac Rosa, Tu futuro empieza aquí, permitirá un exemplo de reprogramación para realities e posterior mobilización nas redes.

5. 2 de decembro 2019. Ferramentas e prácticas para reprogramarse. Co visionamento de Summer Wars (Mamuro Hosoda, 2009) proponse unha reflexión cos participantes no obradoiro sobre o uso das tecnoloxías dixitais de forma innovadora e creativa en favor do ben común.

Este bloque tamén inclúe unha serie de ferramentas para mellorar a nosa privacidade na rede, prácticas que reduzan a nosa dependencia dos dispositivos dixitais, e unha introdución ao Fact-checking ou verificación dos feitos para poder garantir a calidade da información recibida na contorna dixital.

Todos estes materiais compartiranse antes de cada sesión para o seu traballo posterior nas formacións do CGAI.

Metodoloxía

Con anterioridade a cada encontro no CGAI, os docentes participantes verán os audiovisuais sobre os que se traballará a través de dinámicas de grupo en cada sesión. Estas dinámicas estarán orientadas e pensadas para poderen ser reproducidas e adaptadas posteriormente en cada centro educativo.

Os docentes participantes traballarán cunha aula de alumnos de 3º de ESO a 1º de BACH ou Formación Profesional. Este grupo de alumnos afondará sobre os audiovisuais e as dinámicas e reflexións extraídas nas formacións do CGAI para poderen, pola súa vez, presentalas, debatelas e traballalas posteriormente con outros alumnos do mesmo centro educativo. O obxectivo é que os propios alumnos tomen conciencia do seu papel ante a tecnoloxía e se convertan en prescritores para outros compañeiros.

O proxecto desenvólvese como un traballo integrado na aula e propón estratexias, persoais e colectivas, para xestionar un uso consciente, responsable e transformador da tecnoloxía dixital.

Actividades e recursos

  • Formación para o profesorado participante no CGAI (A Coruña). Curso incluído no Plan anual de formación para o profesorado.

  • Web de referencia: www.dieteticadigital.net

  • Acceso aos contidos propostos a través dun espazo compartido na rede.

Produto final

Traballo integrado na aula.

Criterios de avaliación da memorias final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e creación entre todos dunha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

4. Estratexias de adaptación do proxecto á situación do confinamento debido ao estado de alarma pola Covid-19.

Criterios específicos

5. Funcionamento dos grupos de traballo no centro educativo nos que os propios alumnos actúen como prescriptores con outros compañeiros

6. Valoración das propostas nos tres eixos de traballo: xestión da información e o coñecemento, relacións sociais, identidade persoal e capacidade de xerar comunidade e acción entre os participantes.

7. Calidade da memoria final, adecuación aos obxectivos propostos.