Título node Learning object

Xornada do día internacional da muller e a nena na ciencia
Ven, 11/01/2019 - 08:39
Xornada do día internacional da muller e a nena na ciencia

Asegurar a igualdade en Ciencia supón aproveitar o talento de toda a poboación. Isto é dunha importancia vital nunha época na que a Ciencia e a Tecnoloxía son decisivas para atopar solucións a moitos dos retos aos que se enfronta a humanidade, tales como a crise enerxética, medioambiental, alimentaria ou financeira.

Na xornada ou “Masterclass” levaranse a cabo actividades relacionadas coa Física de Partículas, nunha actividade que nace como froito da colaboración do IGFAE co “Grupo Internacional de Divulgación de Física” (promotores da mesma) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).

Os obxectivos da actividade son, por unha banda, acercar ás alumnas de Bacharelato o traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así a labor científica levada a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Impartiranse unha serie de conferencias introdutorias da Física de Partículas actual. Ademais, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. Posteriormente, discutiranse os resultados mediante videoconferencia co CERN e outros centros europeos que realicen a xornada simultaneamente.

Por outra banda, con esta xornada preténdese poñer de manifesto o feito de que moitas mulleres pertencentes a diferentes cultura, país, clase, etnia e condición fixeron grandes aportacións á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar; realizarase unha pequena charla-coloquio de historias invisibilizadas de mulleres científicas, que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras que estas tiveron (e teñen) que facer fronte ao longo da carreira científica.

A organización farase cargo da manutención (xantar). O profesorado acompañante das estudantes pode asistir, e incluso participar activamente na xornada, se así o desexa. Deberá indicalo na solicitude (para reservar o xantar).

Para participar nesta experiencia deben enviar o formulario de inscrición electrónico que se atopa na web https://igfae.usc.es/masterclass_women_in_science/index.php/inscricions/, cos datos requiridos, antes do venres 18 de xaneiro de 2019.

As solicitudes serán atendidas por orde de chegada.

Máis información na seguinte ligazón:

 https://igfae.usc.es/masterclass_women_in_science/