Ata 2100 alumnos de centros plurilingües poderán presentarse a probas gratuítas para certificar o seu nivel de inglés

É a segunda vez que a Consellería de Educación habilita este procedemento para acreditar B1 ou B2 para o alumnado de Bacharelato e PluriFP

Esta proba é totalmente de balde para as familias

Os exames escritos realizaranse o día 17 de novembro, mentres que os orais terán lugar entre o luns 19 e o venres 23

Lun, 24/09/2018 - 13:19

Un total de 2100 alumnos e alumnas dos centros plurilingües de Galicia poderán acreditar o seu nivel de coñecemento lingüístico en lingua inglesa de acordo cos niveis B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Trátase da segunda ocasión en que esta Consellería habilita un procedemento deste tipo para que os estudantes que cursan os seus estudos de bacharelato e formación profesional nalgún dos centros que forman parte da Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de acreditar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas que son totalmente gratuítas para as familias.

Os exames escritos realizaranse o día 17 de novembro, mentres que os orais terán lugar entre o luns 19 e o venres 23. O alumnado poderá escoller entre realizar as probas de acreditación do nivel B2 ou do nivel B1. Cómpre destacar que o B1 equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular. Polo tanto esta iniciativa achega un valor engadido ao esforzo no desenvolvemento do programa por parte dos centros, e supón unha importante oportunidade para o alumando e as súas familias, que teñen a posibilidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College.

Esta iniciativa enmárcase dentro das liñas establecidas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, que establece, entre outras accións, a habilitación de procedementos específicos para certificar o alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), ou mediante entidades estranxeiras certificadoras, como é o caso destas probas. O obxectivo final é que o 30% do alumnado certifique un nivel B1 ao remate da ESO nun centro plurilingüe, e un nivel B2 ao final do Bacharelato.

Resultados positivos da primeira acreditación

Cómpre destacar que neste curso 2018/19 alcanzáronse os 385 centros plurilingües –que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira–, 63 máis que o ano pasado. Isto significa multiplicar por máis de 6,5 os 58 centros que había no curso 2010/11, cando se comezou con este sistema. En canto ás seccións bilingües, aumentan en 296 ata chegar ás 4.441, un 7% máis con respecto ao curso pasado. A maiores, os centros educativos contarán cun total de 617 auxiliares de conversación, fronte aos 550 que había no 2017/18.

Ademais, en xuño deste ano realizáronse por primeira vez, ao abeiro da estratexia Edulingüe, as probas para certificar o nivel B1 e B2 de inglés do alumnado que finalizou a etapa de ESO e de Bacharelato nalgún dos centros plurilingües. As probas, realizadas por Trinity College, mostran uns resultados moi satisfactorios, posto que dos 465 alumnos presentados, aprobaron 391. Isto é, o 84% dos estudantes que se presentaron aprobaron os exames.