Preséntase o borrador da materia "Coeducación para o Século XXI"
Mar, 19/06/2018 - 09:09
logo CCEOU

Acábase de presentar o borrador do currículo da materia de libre configuración autonómica "Coeducación para o Século XXI". Trátase dunha materia de libre elección para os centros que a impartan bacharelato. A materia poderase ofertar no 1º de bacharelato, con 2 h lectivas á semana, xa desde o vindeiro curso escolar 2018/19.

A publicación desta materia é un compromiso recollido no I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020. Así pois, constitúe unha medida estratéxica (recollida como medida 18 do dito plan) para abordar as cuestións relacionadas coa consecución da igualdade en toda a súa complexidade na etapa de bacharelato. Esta materia dálle continuidade ao labor iniciado na etapa da ESO coa publicación da materia "Igualdade de Xénero" e intenta subir un chanzo máis na consecución dunha educación que evolucione desde a escola mixta á escola coeducativa, na procura dunha maior consciencia dos obstáculos que seguen a pesar na construción persoal e profesional do noso alumnado lonxe dos estereotipos que a sociedade marca para as mulleres e para os homes.

Para realizar esta abordaxe, a materia divídese en 4 bloques de contidos. O primeiro deles, “Historia dos feminismos. Do patriarcado á reivindicación do principio de igualdade”, fai un repaso histórico dos fitos na conquista dos dereitos de cidadanía das mulleres, que se produciron ao longo da historia despois de ter conseguidos os dos homes. Neste repaso revísanse os discursos e as figuras máis importantes que traballaron pola ampliación de dereitos. Trátase dun paso necesario para redescubrir moitos aspectos da historia que non se adoitan abordar á luz dos descubrimentos dos estudos que poñen o foco na realidade das mulleres.

O segundo bloque “Feminidades e masculinidades. A construción de identidades igualitarias” procura unha reflexión sobre como o xeito de ser muller ou home segue a estar determinado por unha construción cultural que leva parella unha desigualdade social. Sobre este recoñecemento búscase que o alumnado deconstrúa moitas aprendizaxes baseadas en principios sexistas e, polo tanto, discriminatorios.

O terceiro bloque, “Expresión social da violencia contra as mulleres”, traballa o recoñecemento das distintas formas de violencia recoñecibles polo propio alumnado en distintos contextos co fin de valorar na súa xusta medida o impacto da violencia de xénero en todo o mundo.

Como conclusión que permita interiorizar o traballado na aula, o cuarto bloque, “Proxecto coeducativo”, propón a elaboración dun proxecto que se canaliza como produto final de materia, que consiste na posta en práctica de moitas das reflexións e aprendizaxes que se vaian desenvolvendo na aula ao longo do curso. Trátase dunha intervención que, partindo dos intereses do alumnado, e aplicado no seu contexto inmediato, contribúa a que o alumnado se sensibilice con moitas das desigualdades que sofren decote na vida cotiá e que busque solucións que sexan transferibles a outros contextos educativos.

 

PRAZO DE ALEGACIÓNS NO PORTAL DE TRANSPARENCIA: do 4/07/2018 ao 24/07/2018