Educación cumpre co mandato parlamentario de ofertar Historia da Filosofía en 2º de bacharelato para o conxunto do alumnado

A Consellería publica o borrador da Orde que establece a obrigatoriedade de todos os centros de ofertar esta materia para todas as modalidades de Bacharelato

Terá que cursala, en todo caso, o alumnado da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais

Mér, 14/03/2018 - 12:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no seu web o borrador de Orde na que se establece a obrigatoriedade de todos os centros escolares de ofertar a materia de Historia da Filosofía para o conxunto do alumnado que cursa 2º de Bacharelato.

Tal como se establece no texto (que pode consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/cceou_orde_filosofia_galego_1.pdf), os centros ofertarán obrigatoriamente a materia de Historia da Filosofía, dentro do grupo de materias específicas, para as modalidades de Ciencias e de Artes, e será de libre elección para o alumnado das ditas modalidades. Para a modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais será de obrigada matrícula como materia troncal.

É dicir, que a materia de Historia da Filosofía seguirá a impartirse en 2º de bacharelato como troncal de opción e será obrigatoria (4 horas semanais) para o alumnado da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. Mentres  que para o alumnado que curse outras modalidades de bacharelato, os centros educativos teranlles que ofertar de xeito obrigatorio esta materia para que podan escollela como específica.

A través da dita Orde -que agora está en fase de alegacións e que entrará en vigor trala súa publicación no DOG- dáse cumprimento ao mandato parlamentario sobre a materia de Historia da Filosofía para 2º de Bacharelato para o vindeiro curso 2018/19. No que respecta a 1º curso de Bacharelato, non se producen cambios, xa que neste sigue a ser troncal obrigatoria, con 3 horas semanais.

Esta adaptación enmárcase dentro das competencias que ten a Consellería nesta materia, xa que, cómpre lembrar que a natureza desta materia non se pode mudar xa que está establecida nunha normativa básica.