Título node Learning object

Liga de debate forestal
Xov, 14/09/2017 - 09:02

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Consellería do Medio Rural
    • Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais

Ámbito: medio ambiente
Definición: promoción do debate arredor dos temas forestais e concienciación da importancia do monte en Galicia
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: 3º e 4º da ESO, bacharelato e FP da familia forestal
Límite de centros participantes: 36 centros, ata un máximo de 9 equipos por cada provincia
Límite á participación dentro de cada centro: máximo 2 equipos por centro

Criterios de selección: solicitudes en regra

1. Centros situados en concellos eminentemente rurais ou semiurbanos.
2. Prioridade para os centros que impartan as materias de Oratoria, Paisaxe e Sustentabilidade.
3. Orde de entrada

Persoas responsables:

Nomes: Carlos González Andrés e Margarita Gómez Folgueira
Departamento: Servizo de Montes Veciñais e Estruturas Forestais
Teléfono: 981 546 129 e 881 997 668
Correo electrónico: servizo-montesvecinais.cmrm@xunta.gal

Xustificación

En Galicia existen ao redor de 1.300.000 ha de monte cuxa propiedade ostentan 675.000 familias, ás que se suman outras 700.000 ha de monte veciñal en man común, cuxa titularidade corresponde a unhas 190.000 familias a través das comunidades veciñais das que forman parte.
Son dous terzos da superficie galega cunha gran repercusión sobre a economía do medio rural e sobre a competitividade do sector industrial forestal de Galicia. Polo tanto, unha adecuada xestión dos montes é clave para o desenvolvemento da sociedade galega.

Por outra parte, os montes son tamén o escenario no que se desenvolven multitude de servizos que demanda o conxunto da cidadanía (servizos ambientais que prestan os montes pero que non remuneran aos propietarios) tales como conservación da biodiversidade, actividades de lecer, control da erosión e dos riscos hidrolóxicos etc, o que é unha fonte de conflitos cuxas respostas son complexas.

Nun futuro máis ou menos próximo, o alumnado que se atopa na actualidade en idade escolar deberá asumir a responsabilidade de xestionar estes montes e poñelos a producir. É unha gran responsabilidade polas repercusións sobre a economía galega, ademais dos beneficios indirectos que os montes lle proporcionan á sociedade. Dado que o ciclo produtivo no sector forestal é moi longo, considérase importante que o alumnado se conciencie do reto que deberá afrontar no futuro e comece a preocuparse pola xestión que están a facer os seus maiores deses montes cuxa xestión herdarán.

Para todo isto empregarase a ferramenta do diálogo e o debate que tan útil resulta para todo tipo de resolución de conflitos.

O programa contribuirá ao desenvolvemento de, practicamente, todas as competencias básicas como a competencia lingüística (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita); a competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; a competencia social e cidadá que contribúe á convivencia dado que o traballo se realiza en equipo; a competencia cultural e artística dado que nos debates se esixe o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; a competencia para aprender e iniciativa persoal ao mesmo tempo que fortalecen a súa  autoestima e confianza en si mesmos, exploran de maneira crítica os diferentes puntos de vista sobre o monte galego e o seu futuro e traballan conforme a un liderado comunicativo e de coñecemento.

Ademais das anteriores competencias descritas, preténdese fomentar a competencia en ciencia e en conciencia polo tema desenvolvido.

Posibles temas para o debate:

  • Débense prohibir as novas plantacións de eucaliptos en Galicia?
  • Hai suficientes masas de frondosas autóctonas en Galicia?
  • Habería que reducir ou aumentar o IBI aos terreos forestais?
  • Debería penalizarse economicamente os propietarios que teñan terreos forestais abandonados?
  • Nos montes veciñais en man común debe prevalecer o dereito de propiedade da comunidade titular ou o acceso público ao medio natural?

Obxectivos xerais

Os obxectivos do programa son:

  • Enriquecer  a adquisición de coñecementos sobre os montes en Galicia.
  • Dotar de maior dinamismo as interaccións dentro e fora da aula.
  • Desenvolver competencias para mellorar a capacidade de comprender e expresarse.
  • Investigar e organizar ideas para un pensamento crítico.
  • Aprender a traballar en equipo así como mellorar a convivencia e os lazos entre as persoas.

Os debates na fase de debate provincial levaranse a cabo nos propios centros educativos que actúen como equipos locais.

Os equipos visitantes deberanse desprazar ata eles.

A sala de debate que deberá contar con :

  • Un atril.
  • Dúas mesas (unha para cada equipo) que estarán situadas en fronte do atril, de forma que as oradoras ou oradores teñan os dous equipos dentro do seu ángulo de visión.
  • Un ou varios reloxos. Colocaranse de xeito que estean dentro do campo de visión dos oradores/as e equipos.
  • Un espazo reservado para o xurado, desde onde teñan unha perspectiva apropiada e poidan ver tanto o atril como os elementos de apoio que empreguen os equipos para complementar as súas exposicións.
  • Un espazo habilitado para o público, cunha separación apropiada con respecto o xurado e os equipos.

Medios propios para desprazar os equipos participantes na provincia ou no caso de chegar á final, a Santiago de Compostela.

EXPLICACIÓN DO DEBATE:

Lingua

A lingua  empregada tanto nas actividades escritas coma nos debates dialécticos será indistintamente o galego e o castelán.

Características

Os contendentes. Nos debates enfrontaranse dous equipos, formado cada un deles, por un máximo de catro membros e, excepcionalmente, por un mínimo de dous. Ademais, é indispensable a presenza dun representante. Entre os membros do equipo escolleranse dous oradores ou oradoras que realizarán as intervencións retóricas nas súas diferentes quendas: exposición inicial, refutacións e conclusións. Será decisión do equipo o seu modo de intervención, pero sempre participarán dúas persoas oradoras en cada debate. A persoa representante entregará á presidencia do tribunal de cada debate un escrito (folla de equipo) cos nomes dos membros do equipo, especificando a función de cada un deles (as dúas persoas oradoras e as encuestadoras), antes de empezar cada debate. As follas de equipo de ambos os equipos serán engadidas ás actas ao final do debate. O representante situarase na sala de debate, durante o seu transcurso, preto do seu equipo podendo comunicarse con el (ou viceversa) mediante notas escritas ou ben verbalmente sen que en ningún momento se entorpeza a marcha normal do debate e sen molestar as persoas oradoras.

Procedemento

Sorteo das posturas a favor e en contra. A postura A FAVOR será a que comece o debate

Tempo preparación : 5 minutos

As quendas de participación dos equipos durante os debates seguirán esta orde:

• AF (A Favor) Exposición Inicial: 5 minutos

• EC (En Contra) Exposición Inicial: 5 minutos

• AF  1ª Refutación: 4 minutos

• EC 1 ª Refutación: 4 minutos

• AF 2 ª Refutación: 4 minutos

• EC 2 ª Refutación: 4 minutos

• EC Conclusións: 3 minutos

• AF Conclusións: 3 minutos

Duración total do debate: 32 minutos

Interpelacións

 Os encuestadores poden interpelar a un orador ou oradora do equipo contrario durante a súa exposición, coa intención de realizar observacións, preguntas ou comentarios. Solicitará a palabra erguendo a man. Durante a exposición inicial e as conclusións, as persoas oradoras non poderán ser interrompidas. As interpelacións só poderán realizarse nas quendas de refutación. Tampouco será posible realizar interpelacións durante o último minuto da intervención do/a refutador/a de cada refutación, xa que é o denominado “minuto protexido”. O orador/a–refutador/a contará con liberdade para conceder a palabra e para responder ou non. O cronómetro non parará, así que tanto a interpelación (que non poderá durar máis de 15 segundos) como a resposta, contarán como tempo de intervención do orador ou oradora.

 Material utilizado en cada debate

a) Material complementario. Para complementar a súa exposición oral, os equipos poderán empregar o material que consideren necesario, sempre e cando se axuste ás dispoñibilidades técnicas da sala de debate. Estas dispoñibilidades serán comunicadas aos equipos con antelación suficiente. O tempo non se parará en ningún caso pola utilización de material de apoio. Isto é, a disposición de transparencias, diapositivas, vídeos etc... contarán como tempo de intervención.

b) Notas: Durante as exposicións, as persoas oradoras poden recibir apoio do seu equipo en forma de notas. Ningún dos compoñentes do equipo se erguerá dirixíndose ao atril, senón que será sempre o orador ou oradora o que se achegue á mesa. En ningún caso os compoñentes do equipo ou do xurado poderán recibir información do público asistente na sala durante o debate.

c) Relación de evidencias: Os equipos deben dispoñer durante o debate de evidencias de todos os datos conseguidos na investigación. Así, se o equipo contrario solicita a verificación dun dato durante o debate, demostrarán a súa autenticidade antes de que remate o encontro dialéctico. Se esa evidencia non se atopa na documentación que dispón o equipo e non consegue atopala polos seus propios medios, quedará a criterio do xurado a consideración dese dato como falso.

Criterios avaliación, sistema de puntuación e penalización nas fases de debate:

1. Actuación do xurado:

O xurado decidirá en cada debate cal foi o equipo que defendeu con máis solvencia a súa tese, e iso porase por escrito na acta do debate. Para isto, cada membro do xurado cubrirá un documento que formará parte da acta, no que se detallan os criterios de avaliación nos que baseará a súa decisión, establecendo cal foi o equipo que cumpriu mellor cada un deles. Rematado o debate, sumaranse os puntos de cada xuíz e restaranse os que procedan de sancións; obterase así o veredicto do xurado.

2. Sistema de puntuación:

Fase clasificatoria provincial:

Os equipos pertencentes a cada provincia debaterán entre si. Con todo, en función do número de equipos repartiranse en 1, 2 ou 3 grupos e os gañadores de cada un competirán entre eles. En cada debate participará un grupo impar de xuíces/zas que, rematado o debate, sumarán as puntuacións que lle outorgaron a cada equipo e restarán as sancións. O equipo que obteña a maior suma de puntos será o que gañe o debate. Para pasar á seguinte fase terase en conta, en primeiro lugar, o número de debates gañados, colocándose nos primeiros postos aqueles que superaran máis encontros.

En caso de empate, atenderase aos seguintes criterios

1. Maior número de debates gañados

2. Suma total da puntuación obtida polo equipo nos debates

3. Menor número de faltas graves

4. Menor número de faltas leves

5. Resultado dun debate de desempate

Fase autonómica:

Celebrarase en Santiago de Compostela entre os equipos gañadores por provincias. De haber 4 equipos realizarase un proceso eliminatorio de semifinais sobre o tema 1 e final sobre o tema 2; de haber 3 equipos, realizarase unha liga entre todos eles; de haber só 2 equipos realizarase un dobre debate sobre os dous temas.

3. Criterios de avaliación

Para valorar a actuación de cada equipo, os xuíces empregarán diversos criterios de avaliación que afecten:

Oradores/as

Comezos cativadores. Finais impactantes. Orde e coherencia 

Linguaxe variada e apropiada.  Xestualidade. Dominio do espazo. Contacto visual

Fluidez. Intelixibilidade. Boa xestión do tempo

Equipo 

Variedade de argumentos. Variedade de evidencias. Firmeza e seguridade nas afirmacións. Liña argumental clara

Argumentacións

Rapidez e claridade nas preguntas. Respecto das quendas de intervención. Clara contraargumentación ao equipo contrario

4. Penalizacións:

a) Avisos: Trátase simplemente dunha advertencia oral que realizará o/a xuíz/a principal polas seguintes causas:

• Prolongación durante máis de dez segundos da exposición unha vez finalizada a súa quenda.

• Acurtar a exposición en máis dun minuto e trinta segundos do tempo máximo asignado á quenda.

• Interrupción dun orador ou oradora do equipo contrario durante a súa exposición en calquera momento do debate sen que este dese permiso para iso.

• A realización dunha interpelación por parte dun/ha orador/a.

• Realización dunha interpelación que dure máis de 15 segundos.

b) Faltas leves: A realización por parte dun equipo dunha falta leve suporá a perda de tres ítems na valoración feita polo xurado nese debate. Considéranse faltas leves:

• A acumulación de dous avisos.

• Enunciación dunha cita ou dato falso. Se un equipo dubida da veracidade ou da orixe dun dato achegado polo equipo contrario, levantará a man cando finalice a quenda do orador ou oradora, e comunicará isto en voz alta. O equipo deberá mostrar unha evidencia dese dato antes do final do debate, de xeito que o xurado poida desestimar a impugnación, ou, en caso contrario, terá que aplicar a penalización correspondente.

• A realización de tres intervencións por parte dun só orador ou oradora.

• Falta de puntualidade ata 5 minutos.

c) Faltas graves: Unha falta grave suporá que o equipo perda o debate no que se produza a falta. Considéranse faltas graves:

• A acumulación de dúas faltas leves no mesmo debate.

• Intervención dunha soa persoa oradora dun equipo no debate.

• Falta de puntualidade ata 10 minutos. Se se excede este tempo considerarase non presentado.

• Actitude que demostre ofensa ou menosprezo con respecto ao equipo contrincante, ao público ou ao xurado.

• Comportamento inadecuado (presións antideportivas, insultos, discriminacións de calquera tipo ad hominem ou dentro do seu discurso cara a grupos sociais, raciais, relixiosos etc.).

Ademais, durante o debate, o/a xuíz/a principal poderá realizar observacións en relación ao desenvolvemento que non suporán sanción ningunha, senón que serán parte do seu traballo á hora de garantir o normal desenvolvemento do evento. No caso de darse unha falta grave no transcurso dun debate: - O equipo infractor perde o debate e computará 0 puntos nese debate. - Ao equipo contrario computarase o debate como gañado e a puntuación nese debate obterase a través da media aritmética dos puntos obtidos no resto dos debates de toda a fase clasificatoria. No caso de non presentación dun equipo a un/s debate/s: O equipo infractor perde o debate e computará 0 puntos nese debate. - O equipo contrario gaña o debate e a puntuación nese debate obterase a través da media aritmética dos puntos obtidos no resto dos debates de toda a fase clasificatoria.

 d) Expulsións: o/a xuíz/a principal ten a potestade para expulsar a calquera compoñente do equipo ou a persoas do público, se desenvolven un comportamento indebido durante o debate. O seu fallo verase acatado polas partes implicadas.

As noticias redactadas polos xornalistas terán un tamaño máximo de 500 palabras, un título e un máximo de 3 fotografías con pé de foto.

Palabras clave

Arquitectura participativa. Debate. Natureza. Forestal. Monte. Análise de conflito

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • O conxunto da clase debe investigar sobre os temas propostos, organizar a información e establecer argumentos que permitan aos seus oradores defender as distintas posturas; tamén deben identificar os puntos débiles das argumentacións que podan realizar os equipos contrarios para que os encuestadores podan rebatelas; para apoiar todo elo deben proporcionar datos obxectivos que sirvan aos oradores/as e enquisadores/as no seu labor.

    Os oradores ou oradoras exporán oralmente as liñas argumentais do seu equipo, refutarán ao contrario e farán as conclusións dos debates. Axudarán aos investigadores a establecer as argumentacións principais e colaborarán na pescuda da información.

    Os/as enquisadores/as serán quen asesore ás persoas oradoras proporcionando a información obtida nas investigacións. Serán os únicos que poderán facer preguntas nos debates.

    Cada equipo contará tamén con xornalistas, que se encargarán de redactar unha noticia sobre cada encontro no que participen.

PARA O PROFESORADO

  • Aplicar a técnica do debate como ferramenta pedagóxica na aula; axuda na análises de información. A persoa coordinadora actuará como asesora e preparadora do equipo e será a súa representante. A elección e designación desta figura dependerá do centro de ensino

Metodoloxía recomendada

O programa consta de 4 fases:

  • 1. Fase de investigación
  • 2. Fase de debate provincial
  • 3. Fase de debate autonómico
  • 4. Fase de  conclusións

1º. Fase de investigación

Nesta primeira fase todo o alumnado da aula traballa de forma práctica co seu docente na investigación, debate e pensamento crítico dentro da aula.

Entre eles analizan os temas para debater e redactan un documento no que recollen datos útiles e desenvolven os argumentos que os seus representantes van empregar nos debates. Dado que ao equipo pódelle tocar defender unha postura ou a contraria, deben considerar e desenvolver argumentos para ambas.

Este documento será interno ata que exista un gañador da liga, momento no que se enviará ao Servizo de montes veciñais en man común e estruturas forestais.

Ao termo desta primeira fase tamén deben elixir o equipo que participará nos debates, que estará composto por:

  • Un/ha representante do equipo, función asumida por un/ha profesor/a.
  • Dous oradores, que será alumnado encargado de expoñer os argumentos e defender a postura respondendo as preguntas do equipo contrario.
  • Dous encuestadores, alumnado que se ocupará de formular preguntas aos oradores do equipo rival para rebater os seus argumentos.
  • Dous xornalistas, alumnado que redactará tras cada encontro unha noticia sobre o desenvolvemento do debate.
  • Os suplentes que se considere necesario.

A composición do equipo comunicarase nos prazos e enderezos publicados na páxina web do Plan Proxecta. Na comunicación indicaranse os seguintes datos:

  • Datos do centro:  Nome do Centro Enderezo Provincia  Concello mail
  • Nivel Educativo ( ESO/Bacharelato/ FP ) e curso no que se encontran matriculados
  • Coordinador do equipo: nome e apelidos e mail de contacto (conxuntamente cos datos deste formulario de inscrición, terá que entregar una fotocopia do DNI.)
  • Resto de compoñentes: nome e apelidos de Orador 1, Orador 2, Encuestador 1, Encuestador 2 , Xornalista 1, Xornalista 2  e Suplentes ( se se considera necesario ).

Ademais, deberá mandar as autorizacións paterna/materna/titor legal para participar no programa e para facerlle fotografías e gravar a imaxe dos/as menores participantes que se atopan na páxina web do plan proxecta.

2º. Fase de debate provincial:

Os equipos de cada provincia enfrontaranse en varios encontros hasta seleccionar un gañador.

O procedemento de desenvolvemento desta fase e o número de debates que se disputen nela dependerán do número de equipos inscritos. A distribución e temporización de emparellamentos publicarase na páxina web do plan proxecta unha vez se coñeza o número exacto de participantes. O número de equipos participantes tamén pode provocar cambios nas datas e lugar de celebración previstos. Os dous equipos que se enfrontarán en cada encontro defenderán posturas opostas: un asumindo a postura A FAVOR e o outro a postura EN CONTRA, que se decidirá por sorteo minutos antes do comezo do debate.

O equipo de debate componse por catro membros e a persoa representante pertencentes ao centro educativo ao que representan.

Ao  final de cada debate, cada equipo participante redactará unha noticia sobre o encontro, que será remitida ao Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais para a súa publicación na web da Consellería do Medio Rural.

3º. Fase de debate autonómico:

Os equipos gañadores de cada provincia enfrontaranse en semifinais e os vencedores pasarán a unha final, da que saíra o gañador da liga.

Ao  final de cada debate, cada equipo participante redactará unha noticia sobre o encontro, que será remitida ao Servizo de Montes Veciñais en man común e estruturas forestais para a súa publicación na web da Consellería do Medio Rural.

4º. Fase de conclusións:

O conxunto da clase do equipo gañador redactará unha memoria na que recollerán os argumentos a favor e en contra que utilizaron nos seus debates, así como os argumentos que empregaron os equipos aos que se enfrontaron.

A modo de conclusións, exporán motivadamente cal é a postura que consideran máis acertada en cada tema.

Esta memoria remitirase para a súa publicación na web da Consellería do Medio Rural.

As demais clases  participantes elaborarán e remitirán unha análise da súa actuación na liga, identificando os acertos e fallos que tiveron.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar. As datas que cómpre ter en conta son as seguintes:

  • 1 de outubro. Publicación do tema para poder empezar a traballar (o Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais, xunto con centros participantes determinarán os dous temas a traballar na liga). Inicio da fase 1 de investigación.
  • 18 de xaneiro. Comunicación da composición de cada equipo participante.
  • 31 de xaneiro. Publicación de datas e centros nos que se desenvolverán os enfrontamentos. En función do número de equipos de cada provincia e a súa distribución xeográfica, acordaranse os procedementos, lugares e datas cos centros.
  • Mes de febreiro. Desenvolvemento dos debates provinciais da fase 2 e publicación das noticias que redacten os xornalistas sobre os seus encontros.
  • Mes de marzo. Desenvolvemento dos debates autonómicos da fase 3 e publicación das noticias que redacten os xornalistas sobre os seus encontros.
  • 31 de maio. Data límite para a presentación da memoria da fase 4 polo equipo vencedor.

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Apoio ao profesorado: telefónico ou presencial para favorecer a sensibilización e información inicial ao profesorado cando se precise, para inicio de traballo na aula.
  • Webs de referencia:
  • Fundación actívate: ligazón

Ence: ligazón.

Medio Rural (normativa): ligazón.

GNhabitat: ligazón.

Medio Rural (subastas): ligazón.

Enxeñeiros Forestais Galicia: ligazón.

Ingenieros de Montes: ligazón.

Inventario Forestal Nacional: ligazón.

Contribución á adquisición das competencias clave

  • competencia en comunicación lingüística, a través da expresión dos problemas detectados, do razoamento argumentado das suxestións e das propostas de mellora, da lectura e análise crítica da información a través de distintas fontes.
  • competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, a través da análise da incidencia da accidentalidade, do impacto do sedentarismo sobre a saúde e das repercusións da contaminación do aire etc.
  • competencia dixital, a través do tratamento da información e da análise crítica dos datos.
  • competencia en aprender a aprender, a través das metodoloxías activas empregadas para que o alumnado sexa protagonista na elaboración de argumentarios e propostas.
  • competencias sociais e cívicas, a través da análise dos modos de mobilidade e do recoñecemento do impacto social derivado dos conflitos viarios, ecolóxicos, sociais... producidos polo uso dos modos motorizados.
  • competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor, a través da elaboración de propostas de mellora e da realización de iniciativas de participación social que favorezan a expresión do punto de vista do alumnado en asuntos do seu interese.
  • competencia en conciencia e expresións culturais, a través da elaboración creativa de propostas de intervención social (arquitectónica, urbanística, artística, literaria, política...).

Produto final

  • Ao final da liga obteranse dous tipos de produtos:

    • A memoria elaborada polo conxunto da clase do equipo gañador, que será publicada na web da Consellería do Medio Rural.

    • As análises das actuacións do resto de clases participantes.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e creación entre todos dunha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

4. Estratexias de adaptación do proxecto á situación do confinamento debido ao estado de alarma pola Covid-19.

Criterios específicos

5. Puntuación obtida na fase de debate provincial.

6. Puntuación obtida na fase de debate autonómico.

7. Puntuación da memoria do equipo vencedor e das memorias de autoanálises do resto de equipos.