Os estudantes galegos poderán obter o diploma de estudos en lingua francesa grazas a un acordo entre a Consellería de Educación e a embaixada do país veciño

O conselleiro Román Rodríguez e mailo representante do Servizo de Cooperación e Acción Cultural do ente diplomático galo asinaron o convenio que permite a obtención do DELF Escolar

Poderá presentarse ás probas o alumnado de centros públicos matriculado nunha sección bilingüe de francés, que cursa o programa BachiBac de dobre homologación de diplomas, ou que teña o francés como primeira ou segunda lingua estranxeira

Mér, 29/06/2016 - 18:14
Os estudantes galegos poderán obter o diploma de estudos en lingua francesa grazas a un acordo entre a Consellería de Educación e a embaixada do país veciño

O alumnado galego que curse estudos en centros de ensino secundario públicos da Comunidade Autónoma poderá obter o Diploma de Estudos en Lingua Francesa (DELF Escolar) grazas a un acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación e o Servizo de Cooperación e de Acción Cultural da Embaixada de Francia en España.

O convenio foi ratificado hoxe mesmo entre o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o representante da Embaixada e agregado cultural do Instituto Francés de España en Bilbao, M. Jean-André Viala, quen coincidiron en subliñar que este é un paso adiante cara unha ensinanza de calidade onde o coñecemento de idiomas é un requisito imprescindible no actual contexto de globalización.

Ao abeiro deste acordo, poderán presentarse aos exames do DELF Escolar nos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCRL) todos aqueles alumnos de centros públicos que estean matriculados nunha sección bilingüe de francés, que cursen o programa BachiBac de dobre homologación de diplomas, e os que teñan a materia de francés como primeira ou segunda lingua estranxeira.

Centros acreditados

Os centros acreditados para a obtención do Diploma que colaborarán coa Consellería son a Alianza Francesa da Coruña, de Santiago e de Vigo. Estes centros homologados serán os encargados de entregar as probas colectivas aos centros escolares, desprazar aos seus examinadores habilitados para a realización das probas no caso de que os institutos non dispoñan de profesores propios habilitados como examinador oficial, recoller e xestionar os resultados e entregar os diplomas editados polo CIEP (Centre international d´études pédagogiques), que é organismo público do Ministerio de Educación Nacional de Francia administrador oficial das certificacións DELF-DALF.

A fin de poder atender á demanda tanto dos centros como das familias, neste primeiro ano de implantación a Consellería designará seis centros de realización de probas en toda a Comunidade a razón de 2 na provincia da Coruña, outros 2 na de Pontevedra, 1 en Lugo e outro en Ourense. A efectos de realización das probas, cada un deles estará vinculado ao centro da Alianza Francesa acreditado que lle corresponda e, ademais deberá contar cun grupo de profesores con habilitación oficial como examinadores e correctores do DELF, que recibirán unha formación pedagóxica específica pola entidade francesa.

A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición de xeito gratuíto os locais dos centros escolares para a realización das probas. Pola súa banda, a remuneración dos examinadores, dos correctores e dos vixiantes que interveñan no proceso será asumido polo centro de exame acreditado (é dicir, as tres Alianzas Francesas mencionadas).

Aposta polo ensino plurilingüe

Este acordo representa un exemplo de colaboración entre Administracións ao tempo que se dota ao alumnado dunha ferramenta máis para avanzar no coñecemento dunha lingua estranxeira, neste caso a lingua francesa.

Cómpre salientar que a Consellería, consciente da importancia da aprendizaxe das linguas, e na súa aposta polo ensino plurilingüe, puxo en marcha o Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras, dentro do cal se inclúen unha serie de actividades formativas tanto para o profesorado como para o alumnado co fin de que melloren as súas competencias en linguas alleas ás oficiais. De feito, arredor de 90.000 alumnos se beneficiaron neste curso que vén de rematar dalgún programa ao abeiro do citado Plan.

Ademais, cada ano sigue incorporando seccións bilingües nos centros sostidos con fondos públicos; e a día de hoxe existen 3.630 en toda Galicia, á espera de resolver as que se engadirán o vindeiro curso.