Convocadas axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo

Ven, 20/05/2016 - 09:00

Xúntase a Orde do 28 de abril de 2016 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo.

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
1. O primeiro prazo: trinta e un (31) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2015-marzo 2016, e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2016. Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2016.

O alumnado ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2016 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2016 para o alumnado de ciclos formativos ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2016. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2016. O alumnado que teña horario flexible con autorización da Dirección Xeral e remate despois do 31 de decembro de 2016 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.