Román Rodríguez dá a benvida a máis de 400 auxiliares de conversa que prestarán servizo este curso no sistema educativo galego

O conselleiro de Cultura e Educación salientou a importancia do papel dos auxiliares para que o alumnado poida acceder a un ensino de idiomas de calidade, con independencia da súa capacidade económica

Ven, 02/10/2015 - 16:56
Román Rodríguez dá a benvida a máis de 400 auxiliares de conversa que prestarán servizo este curso no sistema educativo galego
Román Rodríguez dá a benvida a máis de 400 auxiliares de conversa que prestarán servizo este curso no sistema educativo galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida a máis de 400 dos auxiliares de conversa de 14 nacionalidades que prestarán servizo este curso no sistema educativo galego, un programa enmarcado no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras que conta cun investimento de máis de 2 millóns de euros. O acto de recibimento, no que tamén participaron as persoas coordinadoras do plan en cada centro, celebrouse no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou a importancia do papel dos auxiliares para que o alumnado do sistema educativo sostido con fondos públicos poida acceder a un ensino de idiomas de calidade, independentemente de cal sexa a capacidade económica das súas familias. Así mesmo, salientou o enriquecemento que estas persoas supoñen tanto para o coñecemento oral de linguas como o inglés, portugués, francés, alemán e chinés; como desde o punto de vista cultural da propia vida cotiá da comunidade escolar.

Román Rodríguez agradeceu, así mesmo, o labor dos coordinadores nos centros do plan, así como dos asesores e a Rede de Formación do Profesorado que fan posible o desenvolvemento deste programa.

Experiencias e boas prácticas

Ao longo da mañá os auxiliares recibirán información sobre o Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras e sobre as funcións que terán que desempeñar durante o curso escolar. Así mesmo amosaranse algunhas das experiencias e boas prácticas das persoas auxiliares que participaron no programa en cursos pasados.

Os centros sostidos con fondos públicos de Galicia contarán este ano con 454 auxiliares de conversa, tanto ao abeiro do convenio asinado co Ministerio de Cultura, Educación y Deporte como dos acordos subscritos con Hanban (entidade académica chinesa) e o Instituto Camões de Portugal, e os procedentes da liña de axudas aos centros concertados.

Plan de Potenciación

Preto de 90.000 alumnas e alumnos galegos terán este curso 2015/2016 un ensino plurilingüe en centros sostidos con fondos públicos ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras posto en marcha polo actual Goberno da Xunta; o que supón un incremento do 6,2% respecto do 2014/2015. En total este curso haberá 257 centros adheridos á Rede de Plurilingües, 36 de nova incorporación. Ademais, outros 5 centros de que tiñan este modelo educativo (combinando galego, castelán e unha lingua estranxeira, ata chegar cada unha delas a un terzo do horario lectivo) en Primaria pasan a incorporalo á etapa de ESO; e 4 centros ampliarán o plurilingüismo a Bacharelato. Todos os centros plurilingües contarán con cadanseu auxiliar de conversa.

Así mesmo, o sistema educativo galego contará este curso con 407 novas seccións bilingües para o curso 2015/2016, ata chegar a un total de 3.630 en toda a Comunidade.