Naturézate
Mér, 12/08/2015 - 14:26

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
    • Dirección Xeral de Conservación da Natureza

Ámbito: medio ambiente
Definición: difusión e promoción dos espazos protexidos de Galicia e fomento da concienciación e actitudes do alumnado cara á conservación da natureza
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: primaria, ESO e bacharelato
Límite de centros participantes: 15
Criterios de selección:

  • Seleccionaranse 5 centros de primaria e 10 de secundaria.
  • Representatividade territorial das provincias galegas e/ou parques naturais.
  • Calidade da breve descrición do proxecto presentado na solicitude de participación.
  • Innovación da proposta presentada, visibilidade e interacción co contorno do centro.

Responsable do programa:

Nome: Ana Quiroga Rodríguez
Departamento: Dirección Xeral de Conservación da Natureza
Teléfono: 981 547 209
Correo electrónico: ana.quiroga.rodriguez@xunta.es

Xustificación

Este programa é unha iniciativa de educación ambiental que pretende introducir a infancia nos conceptos básicos da conservación da natureza a través da figura dos parques naturais; os recursos naturais (avifauna) e fomentar a súa sensibilización cara a natureza, conectar ao neno/a co seu contorno e as perspectivas de negocio dentro dun desenvolvemento sustentable.
Preténdese traballar nos aspectos da reflexión individual e en grupo sobre a relación dos seres coa natureza e o seu equilibrio, iniciarse na participación e xestión sobre intereses colectivos e desenvolver o sentido de responsabilidade ante as actitudes e accións cotiás cara á conservación dos recursos naturais.

Obxectivo xeral

O programa busca mellorar o coñecemento sobre o medio natural galego , incrementar a concienciación ambiental, promover unha actitude crítica e sensible cara á conservación do medio e mellorar as competencias do alumnado nos conceptos de desenvolvemento sostible desde a utilización dos recursos ambientais dun espazo protexido, a avifauna como elemento constitutivo  de calidade da biodiversidade, sensibilizándoo sobre a diversificación das posibilidades ocupacionais así como a creación de novas alternativas de  negocio dentro dos espazos naturais de Galicia. Todo isto, no marco do desenvolvemento dunha actitude responsable no marco da sustentabilidade.

Palabras clave

Medio ambiente

Obxectivos específicos

  • Introducir os nenos nos conceptos básicos da conservación da natureza a través da figura dos parques naturais.
  • Fomentar a súa sensibilización cara á natureza e conectar o alumnado con ela e mais co aire libre.
  • Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e  responsabilidade na conservación da natureza. Crear actitudes de curiosidade, interese e creatividade nos elementos e protección da natureza.
  • Adquirir habilidades emocionais e intelectuais para a prevención e resolucións de problemas de forma creativa.
  • Coñecer e valorar o seu contorno natural, social e cultural, así como as posibilidades de acción e coidado tanto desde a escola, como desde o propio contorno.
  • Potenciar a visión dos recursos naturais desde unha perspectiva de negocio responsable co medio ambiente e respectuoso coa vida das poboacións que habitan dentro do marco dun desenvolvemento sostible, e fomentar as actitudes vocacionais empresariais positivas cara á protección do medio natural.

Metodoloxía recomendada

O programa desenvólvese a través de varias actividades, o profesorado poderá escollelas para traballar co seu alumnado:

  • Actividade 1. Internatura (3º- 6º primaria)

    Alumnado e profesorado compartirán e deseñarán conxuntamente un documento WORD ou presentación PPT sinxela (máx. 8 páx./diapos.) en rede con outros escolares que vivan nun parque natural, empregando aplicacións do tipo Google Drive. O/as neno/as aprenderán a traballar en equipo conectándose e compartindo documentos en liña. Todas e todos coñecerán mellor o medio natural galego a través dos seus protagonistas e mellorarán as competencias no emprego de novas tecnoloxías.
    Trataranse os temas dos recursos naturais, o seu estado, valor, interdependencia etc.
    Os usuarios realizarán as accións preparatorias e conectarán con outros centros escolares para a constitución dos equipos. Valorarase os equipos interterritoriais.
    Os documentos e traballos realizados colgaranse da web da Consellería.

  • Actividade 2. Maxia Natural (primaria, ESO, bacharelato). Concurso.

    Os centros escolares animarán os alumnos a elaborar en equipos composicións audiovisuais (vídeos, composicións fotográficas etc.), que reflicten a Maxia da Natureza Galega.
    Con todo o material recollido elaborarase unha pequena montaxe que se subirá ás redes sociais e páxinas WEB institucionais.
    Estas composicións serán votadas nas redes sociais e o gañador obterá unha viaxe a un parque natural.

  • Actividade 3. Voando no inverno (primaria, ESO e bacharelato). Concurso. Visita a un observatorio ornitolóxico.

    Trátase de iniciar o alumnado no mundo da ornitoloxía galega, realizando unha aproximación aos conceptos de ave e hábitat, incidindo sobre todo nas aves invernantes. Nestas actividade preténdese traballar tanto en habilidades e talentos intelectuais como a observación científica, recoñecemento auditivo, estudar unha comunidade de seres vivos nas súas condicións naturais, como emocionais como a paciencia e a perseveranza.
    Incluirase a realización de, polo menos, unha visita a un observatorio ornitolóxico que será  atendida por axentes ou técnicos da Consellería.
    Como tarefa avaliativa realizarase un traballo (texto, audiovisual, musical, ou en calquera soporte) sobre as aves de Galicia.
    O traballo pódese realizar individual ou en grupo.
    Entre todos os traballos escollerase un gañador. O premio consistirá  nunha viaxe a un humidal protexido de Galicia.

  • Actividade 4. Natureza activa (ESO e bacharelato) Concurso.

    Trátase de iniciar o alumnado nos conceptos de desenvolvemento sostible, promoción e valoración económica dos recursos naturais, sociais e culturais  nun espazo protexido, traballando as habilidades de emprendemento empresarial sostible e as actividades denominadas “verdes”.

O obxectivo é a creación de proxectos de posibles empresas en espazos protexidos de Galicia, desde unha perspectiva sustentable, tomando desde as potencialidades que ofrece estes espazos como oportunidades de actividade, negocio e emprego.
Preténdese xerar desde a infancia o interese por un compromiso coa natureza, sensibilizando con fórmulas de conseguir un progreso económico que empregue de forma eficaz os recursos, que sexa máis verde e respectuosamente competitiva e solidaria

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar.

Actividades e recursos

  • Premio:  realizaranse concursos no marco das actividades 2, 3 e 4. O premio será unha viaxe a un parque natural ou humidal protexido e mais material didáctico.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e crea entre todos unha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

Criterios específicos

4. Motivación e sensibilización acadado polo alumnado.

5. Implicación social na realización de accións de mellora da conservación da natureza e biodiversidade na súa propia contorna.

6. Difusión do traballo realizado polo alumnado, empregando diferentes medios.