Encontre a súa información...

Mobilidade sostible e segura
Ven, 07/08/2015 - 09:59
[actualizado o 19/04/2017]
 

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Ministerio do Interior
    • Dirección Xeral de Tráfico

Ámbito: mobilidade
Definición: promoción da mobilidade segura e sostible entre o alumnado
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: infantil, primaria e ESO
Límite de centros participantes: sen límite

Criterios de selección: solicitudes en regra

Persoas responsables:

A CORUÑA
Nomes
: Rosa Mahía Neira
Departamento: Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña
Teléfono: 981 288 377 ext. 113
Correo electrónico: educacionvial.jptc@dgt.es

LUGO
Nome
: Sara Fuenteseca Teijeiro
Departamento: Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo
Teléfono: 982 223 027 ext. 3
Correo electrónico: sfuenteseca@dgt.es

OURENSE
Nome
: Dosinda Aguiar Rodríguez
Departamento: Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense
Teléfono: 988 234 311 ext. 126
Correo electrónico: educacionvial.jptou@dgt.es

PONTEVEDRA
Nome
: Helena Rodríguez García
Departamento: Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra
Teléfono: 986 851 597 ext. 22
Correo electrónico: educacionvial.jptpo@dgt.es

 

Xustificación

O contorno dos centros escolares é o ámbito de maior perigo viario para o alumnado: é nos desprazamentos dos menores aos centros de ensino onde suceden a maior parte dos accidentes de tráfico que sofren os pequenos. Os adultos, causantes e responsables desta accidentalidade, incorren en hábitos viarios que prexudican os colectivos máis vulnerables no uso do espazo público. Ademais de transitaren con frecuencia nun medio pouco seguro, o alumnado constitúe por razón de idade un destes colectivos vulnerables sobre o que cómpre exercer medidas de protección especiais que favorezan o seu desenvolvemento en espazos que se construíron sen pensar neles.

Para contribuír a combater os perigos que sofre o alumnado na vía pública por razóns do tráfico, o programa busca ofrecer pautas para o tratamento de elementos curriculares que contribúan a garantir a súa seguridade no contexto viario en que se move. Con esta finalidade, procurarase que os centros ofrezan propostas de traballo que lle permitan ao alumnado:

  • observar con espírito crítico os espazos en que se move
  • analizar os desequilibrios detectados no exercicio dos dereitos de uso do espazo público
  • promover intervencións e accións de participación social lideradas polo eles co fin de concienciar a toda a comunidade da necesidade de garantir espazos públicos seguros para toda a cidadanía.

Obxectivo xeral

O obxectivo do programa é promover modos de mobilidade sostibles e seguros para toda a sociedade adaptados ao contexto viario en que vive o alumnado. Partindo desta base quérese reintroducir a educación viaria na escola non como a aprendizaxe de normas e sinais para futuros condutores, senón cunha finalidade transformadora que cuestione os modos de mobilidade imperantes e que favoreza a participación do alumnado na elaboración de propostas de mellora que garantan a súa seguridade nos seus desprazamentos e, sobre todo, que promovan modos de mobilidade máis saudables para toda a comunidade.

Para conseguir que estas aprendizaxes sexan transformadoras, os contidos e demais elementos curriculares deberán desenvolverse a través de metodoloxías activas, participativas e funcionais que favorezan a mobilidade segura como peóns, usuarios dos diferentes medios de transporte ou condutores de bicicletas. Neste sentido, enténdese a educación en valores desde a responsabilidade cara a propia seguridade e a dos outros e o respecto cara a todas as demais persoas que ocupan o espazo público co fin de que todos (sen exclusións) poidan gozar del sen risco, co fin de previr os accidentes de tráfico e de poñer en práctica actividades lúdicas e deportivas que contribúan á humanización do medio en que vivimos. Nesta liña, enténdese que a promoción das medidas de seguridade debe estar integrada na realidade cotiá do alumnado, e non se entenderá como unha finalidade en si mesma.

Estas mesmas metodoloxías e valores deben estar implicados na procura dunha mobilidade sostible para toda a cidadanía. A análise dos conflitos viarios próximos ao alumnado pode servir como foco de atención para observar, analizar e cuestionar o uso do espazo público e propoñer estratexias de transformación que incorporen progresivamente modos de mobilidade alternativos ao coche, principal causante da accidentalidade viaria e causa destacada da contaminación do aire, do cambio climático, do aumento do gasto enerxético e do sedentarismo.

Para conseguir os obxectivos transformadores deste programa faise necesaria a participación da comunidade educativa a través da inclusión da educación viaria de maneira decidida no Proxecto Educativo de Centro atendendo as diferentes etapas educativas. Suxírese como recomendación a inclusión da "Mobilidade" como materia de libre configuración no Proxecto Educativo do Centro co fin de dotar de maior entidade as aprendizaxes desenvolvidas neste ámbito. Cómpre indicar tamén que existen iniciativas educativas de promoción da análise crítica do uso do espazo público ao abeiro dalgúns dos outros programas do Plan Proxecta (nomeadamente os desenvolvidos pola Fundación Deporte Galego, Proxecto Terra ou Paisaxe e Sustentabilidade e, antigamente, pola Axenda 21).

Así pois, o desenvolvemento das actividades xeradas neste programa deben contar coa participación activa e exemplar do profesorado e coa implicación dos principais educadores sociais (as familias), sen esquecer en ningún momento os axentes sociais que poden contribuír ao cambio de modelo actual cara a outro máis respectuoso (responsables municipais, policías locais, monitores ambientais, colectivo ciclista, voluntariado…).

Palabras clave

Arquitectura participativa. Camiño escolar. Consello dos nenos. Educación viaria. Mobilidade segura. Mobilidade sostible. Participación cidadá.

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • Mellorar as condutas e comportamentos viarios nos seus desprazamentos rutineiros co fin de previr os accidentes de tráfico. En canto á seguridade, procurarase que adquiran hábitos viarios seguros como peóns, ciclistas e viaxeiros en distintos medios de transporte facendo fincapé na percepción do perigo e na análise do risco.
  • Adquirir hábitos viarios ambientalmente recomendables (camiñando, indo en bici, usando o transporte público...) nos seus desprazamentos escolares e de lecer.
  • Analizar de xeito crítico o ámbito en que se move, ben sexa rural ou urbano, para recoñecer a través da observación directa os problemas derivados, por unha banda, da mobilidade motorizada (accidentalidade, contaminación, cambio climático, sedentarismo, gasto enerxético...) e, por outra, do urbanismo que antepón as necesidades derivadas da mobilidade motorizada sobre outros usos e aproveitamentos do espazo público.
  • Propoñer accións concienciadoras para favorecer a convivencia entre os distintos usuarios do espazo público (segundo o tipo de usuario, o nivel de vulnerabilidade, o sexo, a idade, o nivel de mobilidade...) e para promover o cambio de hábitos cara a unha sociedade que saiba ver os beneficios da mobilidade sostible e que promova a convivencia cos modos non motorizados.

PARA O PROFESORADO

  • Incentivar a acción directa e a participación social do alumnado a través de intervencións cidadás creativas e orixinais que sirvan para abordar unha análise crítica do modelo urbanístico e da seguridade viaria (analizando os conflitos viarios e a súa natureza, a implicación ambiental, social e cultural do uso do espazo público...) co fin de realizar propostas de mellora que favorezan a resolución dos conflitos detectados e a democratización do uso do espazo público.

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • Involucrarse na cooperación en accións encamiñadas á mellora da seguridade viaria do alumnado e do contorno dos centros de ensino e á promoción de modos alternativos á mobilidade en coche.
  • Implicar os distintos axentes sociais (familias, técnicos municipais, policía local, asociacionismo, colectivos de usuarios...) na promoción do cambio transformador no medio en que vive o alumnado.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar. Cómpre ter en conta os prazos de finalización dos concursos da DXT.

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Apoio ao profesorado: telefónico ou presencial para favorecer a sensibilización e información inicial ao profesorado cando se precise, para inicio de traballo na aula.
  • Colaboración coas policías locais especializadas en materia de educación viaria: actividades de información e sensibilización.
  • Material didáctico: o programa pon ao dispor do alumnado e mais do profesorado material didáctico diverso a través da web de referencia e tamén en formato papel.
  • Visitas guiadas: ofrecerase a posibilidade de recibir acompañamento técnico da policía local ou doutros colectivos para o recoñecemento e a análise do contorno escolar.
  • Concursos: a participación nos concursos promovidos pola DXT é opcional. Cada curso escolar ofrecerase a posibilidade de que o alumnado participe nun concurso de debuxo (infantil) e de contos (primaria). Tamén se ofrece a posibilidade de participar no concurso de "Proyectos de Educación Vial en el ámbito escolar" ás boas prácticas detectadas. Incluiremos aquí as bases destas convocatorias.
  • Web de referencia: http://www.dgt.es/es/seguridad-vial/educacion-vial/
  • Outras webs de interese:
    Eucirculo: /portal/eucirculo
    Ceneam: http://www.magrama.gob.es/es/ceneam/grupos-de-trabajo-y-seminarios/movilidad-infantil/
    Red de Ciudades que caminan: http://www.ciudadesquecaminan.org/
    La città dei bambini: http://www.lacittadeibambini.org/
  • Twitters de referencia:
    • arte urbana: Derrubando Muros con Pintura @MurosDerrubando, Cestola na cachola @Con_Cachola, Desordes creativas @DesOrdes, Boa Mistura @BOAMISTURA,
    • bicicletas: @bike2schoolroma, @altrabajoenbici, @asbicicletas, @revibicicleta, @MelillaConbici, @Auladelabici, @enbicipormadrid, @LaCicleria, @bicicoles, @salamancaenbici, @composcleta, @ConBici, @esmejorenbici, @Bici_Solidaria, @biciSnAccidents, @Viabici, @ciclosfera, @RedCiudadesBici, @Bicicleto_ZGZ, @ondepedalar, @bicivilizados, @SalvaiciclistiR, @biciclot, @noesunaescuela, @amaseme_net, @valenciaenbici, @euvoudebike, @CicloVivo, 
    • camiñar, coletivos peonís, camiño escolar: @Caminante105, @movilidadmalaga, @banquetalibre, @STARSMadrid,  @caminabilidad, @paseandoalcole, @LigaPeatonal, @juegoserpiente, @caminoescolar, @peatonesandando, @CiudadesCaminan, @AceraPeatonal
    • cidades sostibles e urbanismo: @laciudadviva, @fadbarcelona, @CivitasInnova, @ponteduca, @Derive_Lab, @_iUrbana, @ecointeligencia, @Natureduca, @NacionRotonda, @CoCiutat, @Arquitectives, @RDCIDADES_INOVA, @rediniciativas, @AvellanedaPau, @IngenieriaReal, @HabitsaludAgbar, @BID_Idear
    • dereitos da infancia: @platdeinfancia, @infanciacomm, @iambiente
    • saúde: @xenteconvida, @cineysalud, @EscaleraEsSalud
    • seguridade viaria: @pons_SVial, @NoSomosDummies, @seguridad_vital, @policia, @culturasviales, @actualidadvial, @DGTes@foroDGT
    • outros: @profesysegvial, @FMSeguridadVial, @DMSC_SP, @BID_Ciudades, @fietsprofessor,  @educatrafic, @mfc_oficial,  @CruceroSeguro

Contribución á adquisición das competencias clave

  • competencia en comunicación lingüística, a través da expresión dos problemas detectados, do razoamento argumentado das suxestións e das propostas de mellora, da lectura e análise crítica da información a través de distintas fontes.
  • competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, a través da análise da incidencia da accidentalidade, do impacto do sedentarismo sobre a saúde e das repercusións da contaminación do aire, etc.
  • competencia dixital, a través do tratamento da información e da análise crítica dos datos.
  • competencia en aprender a aprender, a través das metodoloxías activas empregadas para que o alumnado sexa protagonista na elaboración de argumentarios e propostas.
  • competencias sociais e cívicas, a través da análise dos modos de mobilidade e do recoñecemento do impacto social derivado dos conflitos viarios, ecolóxicos, sociais... producidos polo uso dos modos motorizados.
  • competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor, a través da elaboración de propostas de mellora e da realización de iniciativas de participación social que favorezan a expresión do punto de vista do alumnado en asuntos do seu interese.
  • competencia en conciencia e expresións culturais, a través da elaboración creativa de propostas de intervención social (arquitectónica, urbanística, artística, literaria, política...).

Produto final

  • base de datos de recursos (literarios, electrónicos, web...) para o estudo da mobilidade.
  • campaña para definir o logo e o slogan do programa no vindeiro curso escolar.
  • consello da mocidade como órgano consultivo en materias de interese para o colectivo escolar.
  • diagnóstico do modelo viario e urbanístico do concello.
  • diagnóstico dos usos viarios da comunidade educativa.
  • emocionario para a alfabetización dos valores implicados na mobilidade segura e mais na mobilidade sostible.
  • estudo do impacto medioambiental do abuso dos modos motorizados e dos seus efectos sobre a saúde pública.
  • intervención sobre o cambio de hábitos no desprazamento da comunidade educativa (camiño escolar, pedibús, obradoiro da bici...).
  • manual de boas prácticas viarias con recomendacións para toda a comunidade educativa.
  • metrominuto para o concello
  • produto audiovisual (lipdub, curtametraxe, anuncio...) con obxectivo concienciador (boas e malas prácticas, propostas de mellora, denuncia, publicidade...).
  • proposta de intervención urbanística que promova unha acción no espazo público (ex. deseño de espazos, do mobiliario urbano...).
  • proposta de participación cidadá (intervención, campaña, consello dos nenos).
  • proxecto educativo coas necesidades de mellora do centro en materia de educación viaria e cunha proposta de participación social.
  • proxecto de recuperación de espazos deteriorados ou abandonados.
  • proposta didáctica para abordar os contidos curriculares das materias máis relacionadas coa mobilidade.