A Consellería de Cultura e Educación consolida neste curso 2014/2015 a participación dos centros no Plan Proxecta e incrementa a participación de tres novos programas

Están incluídos nesta iniciativa 420 centros, que desenvolverán 755 proxectos coa participación de 4.359 docentes

Lun, 01/12/2014 - 19:15
Plan Proxecta
Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará este curso a 420 centros de ensino co Plan Proxecta, deseñado como un plan de fomento da innovación educativa posto en marcha pola Consellería durante o curso 2012/2013 co obxectivo esencial de promover dinámicas metodolóxicas innovadoras nas aulas que desenvolvan a educación en valores e as competencias básicas mediante proxectos interdisciplinarios.

Así mesmo, nesta terceira edición implicaranse un total de 4.359 docentes e 420 centros galegos o que supón a consolidación do Plan Proxecta como unha iniciativa de fomento da innovación educativa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece á comunidade educativa galega. Nesta convocatoria ao redor de 71.966 alumnas e alumnos están a participar nos distintos programas educativos que recolle este curso o Plan Proxecta.

Colaboración coas consellerías

O Plan Proxecta crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos de innovación que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 28 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan acadar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do plan Proxecta no portal educativo, /portal/planproxecta .

Este curso 2014-15 incorporáronse tres novos programas: “Rapazas emprendedoras nas TIC”, desenvolvido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia coa colaboración do CESGA; “Móvete+”, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Presidencia da Xunta de Galicia; e “Protexe o teu medio”, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Premios de ámbito estatal

A calidade dos traballos elaborados ao abeiro do Plan Proxecta veu recoñecido o seu mérito co galardón recibido a través de convocatorias de ámbito estatal e autonómico. Catro dos centros participantes foron premiados en distintas categorías dos Premios Nacionais: CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos), CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu), IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal). Ademais, o CEIP A Rúa (Cangas) recibiu o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación.

Tanto o Plan Proxecta coma estes premios buscan a mellora nas dinámicas educativas nos centros co fin de favorecer un avance na modernización dos procesos educativos a través de metodoloxías innovadoras no plano tecnolóxico, participativas na construción do proceso educativo e transferibles para chegar a toda a comunidade educativa.