A Consellería de Cultura e Educación inviste 4,1 millóns nos contratos-programa para a mellora da calidade educativa que se desenvolverán en 334 centros públicos de Galicia, dos que 65 serán na área coruñesa

Xesús Vázquez Abad lembrou hoxe no acto de sinatura con estes colexios que o programa suporá a incorporación de 107 docentes en toda Galicia que se dedicarán de forma específica ao desenvolvemento destas actuación

Preto de 15.500 alumnas e alumnos da provincia da Coruña beneficiaranse desta iniciativa grazas á implicación de máis de 1.579 profesores

Mar, 28/01/2014 - 12:27
A Consellería de Cultura e Educación inviste 4,1 millóns nos contratos-programa
A Consellería de Cultura e Educación inviste 4,1 millóns nos contratos-programa para a mellora da calidade educativa que se desenvolverán en 334 centros públicos de Galicia, dos que 65 serán na área coruñesa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 65 centros educativos da cidade da Coruña e a súa área de influencia, o que supón un incremento de 14 centros respecto do curso pasado e dicir, un 27,4% máis. Para o desenvolvemento destas actuacións en toda Galicia o investimento ascende a 4,1 millóns de euros – un 28% máis que no curso pasado-, e implicará a incorporación ao sistema de 107 docentes contratados a maiores para este fin. Para a provincia da Coruña o orzamento será de máis de 1,3 millóns de euros, un 34% máis ca no curso anterior.

Nun acto desenvolvido na delegación da Xunta na cidade herculina, o titular do departamento educativo autonómico agradeceu a implicación dos centros de ensino, os equipos directivos e os docentes nesta iniciativa, que ten como obxectivo a mellora da calidade en base ás particularidades de cada comunidade educativa.

Neste sentido salientou o esforzo realizado por centros como o IES de Pastoriza (Arteixo) e o IES Afonso X O Sabio (Cambre), que desenvolven 5 das liñas da convocatoria, incluída  a nova, para a mellora da xestións dos colexios e institutos. Así mesmo, os IES Alfredo Brañas (Carballo) e o Agra de Orzán (A Coruña) asinan 4 liñas de actuación no seu contrato-programa. Ademais, outros centros desenvolven ata 3 liñas, como son os CEIPs Manuel Masdías e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol), e os IES A Sardiñeira (A Coruña), Urbano Lugrís (Malpica), de Ponteceso e o CPI de San Sadurniño.

Preto de 15.500 alumnas e alumnos da provincia (dos que 9.106 serán da cidade da Coruña e área de influencia) beneficiaranse este curso dos contratos-programa, o que supón un 33% nesta provincia ca os do curso anterior. O incremento é posible grazas á implicación de máis de 1.500 docentes da provincia, un 65,5% máis ca no 2012/2013, dos que 738 se corresponden con profesorado de Coruña e a súa área. No caso dos docentes externos contratados de forma específica para este fin, 12 prestarán o seu apoio nos centros que hoxe asinaron os seus contratos-programa.

Os colexios asinantes desenvolverán un total de 110 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 39,2% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 55 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 45-; 22 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 15 do 12/13-; 14 para a mellora da convivencia (no ano académico anterior foron 9); 4 para a redución do abandono, 1 máis que o ano anterior; 11 para favorecer a excelencia educativa –o ano anterior foron 7-; e 4 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.

A relación de centros implicados coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/11424 .

Ademais dos representantes dos centros asinantes, no acto participaron a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.

Éxito da terceira convocatoria

A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.

Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite ademais visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso  un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.