A Consellería de Cultura e Educación inviste 4,1 millóns nos contratos-programa para a mellora da calidade educativa que se desenvolverán en 334 centros públicos de Galicia, dos que 65 serán na área coruñesa [1]
Xesús Vázquez Abad lembrou hoxe no acto de sinatura con estes colexios que o programa suporá a incorporación de 107 docentes en toda Galicia que se dedicarán de forma específica ao desenvolvemento destas actuación
Preto de 15.500 alumnas e alumnos da provincia da Coruña beneficiaranse desta iniciativa grazas á implicación de máis de 1.579 profesores

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 65 centros educativos da cidade da Coruña e a súa área de influencia, o que supón un incremento de 14 centros respecto do curso pasado e dicir, un 27,4% máis. Para o desenvolvemento destas actuacións en toda Galicia o investimento ascende a 4,1 millóns de euros – un 28% máis que no curso pasado-, e implicará a incorporación ao sistema de 107 docentes contratados a maiores para este fin. Para a provincia da Coruña o orzamento será de máis de 1,3 millóns de euros, un 34% máis ca no curso anterior.
Nun acto desenvolvido na delegación da Xunta na cidade herculina, o titular do departamento educativo autonómico agradeceu a implicación dos centros de ensino, os equipos directivos e os docentes nesta iniciativa, que ten como obxectivo a mellora da calidade en base ás particularidades de cada comunidade educativa.
Neste sentido salientou o esforzo realizado por centros como o IES de Pastoriza (Arteixo) e o IES Afonso X O Sabio (Cambre), que desenvolven 5 das liñas da convocatoria, incluída a nova, para a mellora da xestións dos colexios e institutos. Así mesmo, os IES Alfredo Brañas (Carballo) e o Agra de Orzán (A Coruña) asinan 4 liñas de actuación no seu contrato-programa. Ademais, outros centros desenvolven ata 3 liñas, como son os CEIPs Manuel Masdías e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol), e os IES A Sardiñeira (A Coruña), Urbano Lugrís (Malpica), de Ponteceso e o CPI de San Sadurniño.
Preto de 15.500 alumnas e alumnos da provincia (dos que 9.106 serán da cidade da Coruña e área de influencia) beneficiaranse este curso dos contratos-programa, o que supón un 33% nesta provincia ca os do curso anterior. O incremento é posible grazas á implicación de máis de 1.500 docentes da provincia, un 65,5% máis ca no 2012/2013, dos que 738 se corresponden con profesorado de Coruña e a súa área. No caso dos docentes externos contratados de forma específica para este fin, 12 prestarán o seu apoio nos centros que hoxe asinaron os seus contratos-programa.
Os colexios asinantes desenvolverán un total de 110 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 39,2% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 55 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 45-; 22 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 15 do 12/13-; 14 para a mellora da convivencia (no ano académico anterior foron 9); 4 para a redución do abandono, 1 máis que o ano anterior; 11 para favorecer a excelencia educativa –o ano anterior foron 7-; e 4 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.
A relación de centros implicados coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/11424 [2] .
Ademais dos representantes dos centros asinantes, no acto participaron a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.
Éxito da terceira convocatoria
A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.
Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite ademais visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.
Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.