Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innovación educativa nunhas xornadas organizadas pola Consellería de Cultura e Educación

Máis de 300 docentes participan neste encontro, que remata este sábado en Santiago

Ven, 22/11/2013 - 18:28
 Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innov
Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innovación educativa nunhas xornadas organizadas pola Consellería de Cultura e Educación

Máis de 300 docentes participan este venres e sábado nas Xornadas de Innovación Educativa organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos que os centros de ensino de Galicia expoñen as súas boas prácticas nesta materia. Non en balde, cómpre lembrar que algún dos centros participantes neste encontro foron avaladas polos premios recibidos a nivel nacional.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; representou á Consellería este venres na inauguración das xornadas, que  arrincaron coa conferencia do director do Instituto Nacional de Avaliación Educativa, Ismael Sanz Labrador, ‘Factores que poden contribuír a mellorar a educación’.

Durante a súa intervención o director xeral que subliñou a “importancia de organizar un espazo de encontro que sexa capaz de favorecer a reflexión e o debate en torno á innovación educativa e á mellora da calidade do ensino”. Ademais, engadiu que unha actividade formativa como esta convértese “nun espazo “para e por” os docentes, recoñecendo o seu traballo e dándolle visibilidade a prácticas educativas innovadoras que se están a desenvolver nos centros da nosa Comunidade Autónoma”.

O programa de hoxe pecharase cun panel de expertos no que se debaterá sobre a influencia da autonomía dos centros na mellora da calidade do ensino. Esta liña de actuación, que a Consellería de Cultura e Educación está a impulsar a través de iniciativas como os contratos-programa, os plans de formación en centros ou o Proxecto COMBAS; volverá ser abordada na clausura do encontro o sábado, coa participación de diferentes axentes da comunidade educativa, desde membros da inspeccións ata responsables de centros de formación –do profesorado- e recursos, entre outros.

Prácticas de aula innovadoras

Nesta mesma xornada presentaranse as devanditas boas prácticas de centros educativos, como é o caso do proxecto ‘San Xoán de película: unha escola inclusiva a través do cine’, que lle valeu ao CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) o premio especial á Acción Maxistral; ou o do musical ‘O Eslavón do IES Plurilingües de Ames’, finalista destes mesmos galardóns outorgados pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa la UNESCO e BBVA. ‘Aturuxo Films’, proxecto de creación audiovisual do IES de Cacheiras (Teo) mención nos Premios de Alfabetización do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, será outro dos expostos no encontro.

Así mesmo presentaranse as iniciativas desenvolvidas polo IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada) no marco do proxecto COMBAS e do Plan Proxecta; e ‘Impruxiño, construción dunha impresora 3D’, traballo do CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco).

A finalidade destas Xornadas é crear un espazo de encontro que favoreza a reflexión e o debate sobre a innovación educativa, recoñecendo e difundindo experiencias innovadoras que se están a desenvolver nos nosos centros educativos co fin de que sexan un exemplo de boas prácticas, susceptibles de ser experimentadas de forma contextualizada por outros profesores e profesoras.

Menús News node R