A Consellería de Cultura e Educación pecha o desenvolvemento da lei para a convivencia e a participación da comunidade educativa

O conselleiro presentou esta mañá o decreto polo que se desenvolve a Lei 4/20011, despois da publicación no pasado mes de maio do Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar
O decreto aposta pola autonomía dos centros en materia de convivencia escolar, aos que facilitará as actuacións que desenvolvan neste sentido, que se reflectirán no Plan de convivencia de cada centro, primando os compromisos educativos, a mediación e procedemento conciliados
Mér, 18/09/2013 - 13:02
A Consellería de Cultura e Educación pecha o desenvolvemento da lei para a convi
A Consellería de Cultura e Educación pecha o desenvolvemento da lei para a convivencia e a participación da comunidade educativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá o Decreto polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa; que complementa ao Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, presentado o pasado mes de maio. “Pechamos polo tanto o desenvolvemento da Lei de Convivencia, e facémolo satisfeitos de ter dotado ao sistema educativo galego de ferramentas para que os centros escolares podan desenvolver a súa actividade nun clima de convivencia axeitado. E, sobre todo, de levalo a cabo insistindo nas medidas de detección, prevención e reeducación”, sinalou o conselleiro.

Novidades

Na súa intervención, diante de inspectores, orientadores e docentes, o conselleiro explicou que o decreto ten como obxectivo “contribuír a un bo clima de aula e mesmo de centro, coa correspondente repercusión nunha educación de calidade e que leve á comunidade educativa á consecución do éxito escolar”, e ofrecendo un enfoque axustado á realidade que se vive nos centros educativos, favorecendo a súa autonomía na xestión da convivencia. Para iso establécese o Plan de Convivencia de cada centro - que contará co acordo dos diferentes axentes da comunidade educativa- como documento chave, no que se concretarán as responsabilidades de cada un nas diferentes actuacións que se propoñan, así como o seu seguimento e avaliación e propostas de mellora. Así, o decreto busca facilitar aos centros educativos o procedemento corrector das condutas contrarias a convivencia primando os compromisos educativos, a mediación e o procedemento conciliado sobre outros.

Ademais, sinalou tamén entre os aspectos máis salientables e novidosos do decreto que nel se identifican os axentes responsables da convivencia escolar -comunidade educativa, Consello Escolar, comisión de convivencia, claustro de profesores, equipo directivo, órganos de coordinación docente e Consello para a convivencia escolar da Comunidade Autónoma de Galicia-, “que queda definida como unha responsabilidade compartida por toda a comunidade educativa”.

Deste xeito, e tamén como novidade, o decreto establece a obrigatoriedade de que as nais e pais participen nos procedementos relacionados con condutas contrarias á convivencia cada vez que sexan convocados legalmente a facelo. Ademais, créase o Consello para a convivencia escolar da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa

Plan de convivencia

Segundo establece o decreto presentado hoxe, cada centro concretará no seu Plan de Convivencia as actuacións e programas que se desenvolverán. Nel recolleranse as normas de convivencia do centro, identificaranse a as condutas contrarias á convivencia e as  medidas para a súa corrección, e os diferentes protocolos e programas específicos para acoso escolar e ciberacoso, mediación e procedementos conciliados, entre outros.

Neste sentido Xesús Vázquez salientou que, entre outros aspectos, no Plan de Convivencia poderanse incluír previsións sobre a vestimenta do alumnado ou normas de uso para a correcta utilización de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos en todo o recinto escolar.

Ademais, contémplase a posibilidade de crear e potencias as Escolas de nais e pais para propoñer iniciativas tendentes a previr e resolver conflitos de convivencia, mellorar a convivencia e fomentar o respecto mutuo e a tolerancia no centro educativo. Ademais, o Plan de Convivencia conterá instrucións para a creación e funcionamento da Aula de convivencia inclusiva, cuxa vocación é substituír o tempo de expulsión do alumnado, que como consecuencia da imposición de medidas correctoras, estivera temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro, para os efectos de mellorar o seu reingreso no menor tempo posible.

Diálogo e conciliación

Neste mesmo sentido, o decreto recolle unha serie de actuacións, programas e medidas complementarias para a mellora da convivencia nos centros educativos, tales como actividades de sensibilización fronte aos casos de acoso, para a non discriminación, e en prol da igualdade entre homes e mulleres, entre outras. Así mesmo, introdúcese o termo de corrección ou medida correctora “para subliñar que os procesos de corrección forman parte do proxecto educativo do alumnado. É dicir, que non constitúen, unicamente, a consecuencia do exercicio da potestade sancionadora da Administración”, sinalou o conselleiro, facendo fincapé en que “o diálogo e a conciliación serán as estratexias habituais e preferentes para a resolución dos conflitos no ámbito escolar”. “Ademais correccións que se apliquen polo incumprimento das normas de convivencia terán un carácter educativo e recuperador, garantirán o respecto dos dereitos do resto do alumnado e procurarán a mellora da convivencia no centro educativo.”, engadiu

“Cómpre lembrar ademais que esta normativa complétase con outras actuacións favorecedoras da mellora da convivencia escolar como son os contratos-programa, o Plan Proxecta e numerosas actuacións formativas recollidas nos plans de formación do profesorado”, sinalou Xesús Vázquez.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou ademais que o decreto volve incidir na necesidade de axilizar o procedemento de corrección de condutas contrarias á convivencia, garantindo ademais no proceso a protección de datos para velar pola protección dos menores e da súa intimidade.

Agradecementos aos docentes

O conselleiro quixo agradecer  aos inspectores, orientadores e docentes a súa implicación e esforzo para a aplicación e posta en funcionamento da Lei de Convivencia e do Protocolo de Acoso Escolar nos centros educativos. “Vós sodes quen día a día velades por que o alumnado adquira as competencias e coñecementos necesarios para un futuro exitoso, vós sodes quen formades aos cidadáns do mañá. Pero non só o facedes impartindo unha determinada materia, senón que revestides o currículo escolar dunha completa formación en valores: respecto, igualdade e non discriminación”. “Estou seguro de que o voso compromiso coa aplicación desta norma é firme. Pola nosa parte imos continuar desenvolvendo ferramentas e recursos para facilitar a elaboración dos Plans de Convivencia”, dixo.

Así mesmo Vázquez Abad agradeceu a colaboración dos distintos departamentos da administración implicados en convivencia escolar, ademais da de Cultura e Educación, a consellería de  Traballo e Benestar -a través da Área de Infancia e Menores-, a Secretaría Xeral de Igualdade e o Valedor do Pobo. Moitas grazas a todos eles pola colaboración e pola implicación no desenvolvemento da Lei.