Os instrumentos do Pórtico da Gloria

Un mural 3.0
Un proxecto de alfabetización mediática e informacional que aproveita os innumerables recursos e iniciativas que a biblioteca pon á disposición de alumnado e profesorado (Biblioteca Creativa, Radio na Biblio, PDI...) e que procura a adquisición das distintas competencias de xeito interdisciplinar e transversal.

Rafael Sánchez-Agustino Rodríguez, mestre especialista en Educación Musical
sanchezagustino@edu.xunta.es
Cristina Campos Pérez, mestra especialista en Educación Infantil.
cristinacampos@edu.xunta.es
CEIP A Lama (Pontevedra)

 

Leva con nós máis de 800 anos. Todos coinciden en que se trata da obra cume do Románico. O Mestre Mateo recibiu o encargo do rei Fernando II de León. Tardou 20 anos en rematar a obra...


É con estas catro frases coas que as nosas narradoras dan comezo á peza audiovisual que resume todo o aprendido durante a investigación realizada polo alumnado de sexto e quinto de primaria sobre os instrumentos do Pórtico da Gloria. Culmínase esta coa realización dun traballo mural e interactivo que trataremos de describir nas seguintes liñas.

No CEIP A Lama, desenvolvemos anualmente un proxecto documental integrado (PDI), encamiñado á procura das competencias ALFIN-AMI.
Estes proxectos, que promove o equipo de biblioteca, adoitan ter unha temática común, que despois se concreta en cada un dos ciclos ou niveis e que, por aquilo de darlle un enfoque interdisciplinar, tamén contan coa participación do alumnado dende as distintas áreas.

Esa temática común escollémola segundo a proposta anual de Proxecto Voz Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e que durante o curso 2020/21 nos animaba, baixo o lema «Coidar a nosa contorna é o bo camiño», á defensa dos espazos naturais e o patrimonio do Camiño de Santiago.

Parecíanos que era indispensable darlle o protagonismo ao Pórtico da Gloria, logo da súa formidable restauración e a relación que podiamos atopar entre a área de Educación Artística e a temática condutora do noso PDI.

Xa decididos, acabamos por concretar que o motivo principal da investigación para o alumnado de quinto e sexto de primaria serían os instrumentos do Pórtico da Gloria e que produciriamos distintos tipos de materiais para comunicar o aprendido durante a fase de procura e tratamento da información.
Un destes produtos sería o mural 3.0 que pasamos a describir neste artigo e que nos levou a integrar nel distintos programas dependentes da biblioteca escolar como Radio na Biblio e Biblioteca Creativa.


 

Que obxectivos perseguiamos?

O principal obxectivo que nos tería que mover cara ao desenvolvemento de proxectos documentais integrados debería de ser a adquisición das competencias relacionadas co tratamento da información, a competencia dixital e a comunicación lingüística.

Despois destes 15 anos de experiencias dinamizadoras neste sentido desde a biblioteca da escola, podemos afirmar que, ademais disto, que en si xa é bastante, poderiamos abarcar o resto das competencias e unha gran cantidade de contidos presentes no currículo.

Os obxectivos concretos que motivaron a elaboración deste mural 3.0 foron:

  • Coñecer e defender o noso patrimonio histórico e cultural.
  • Desenvolver habilidades comunicativas con distintas ferramentas: audiovisuais e radiofónicas.
  • Procurar e tratar a información atopada nas distintas fontes documentais (en distintos soportes e formatos: dixitais, analóxicos, textuais, audiovisuais, gráficos, orais...).
  • Aprender a organizar a información, contextualizar, situar cronoloxicamente, ampliar a información e adaptala aos distintos formatos escollidos para a súa difusión.
  • Integrar as habilidades STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) implícitas no programa Biblioteca Creativa, dentro do produto final do PDI.

 

Que recursos empregamos para a elaboración deste mural 3.0?

Para o desenvolvemento da investigación, os principais recursos empregados foron os fondos documentais cos que contamos na escola, así como os dispositivos electrónicos que permitiron a procura na rede e na aplicación que a Fundación Barrié creou para amosar o antes e o despois da restauración do Pórtico da Gloria.

Ademais disto, a nosa biblioteca achegou todos os recursos tecnolóxicos e de espazos para o desenvolvemento de creacións audiovisuais e sonoras, a través dos laboratorios da comunicación e creativo e de radio.

Os participantes puideron contar con distintos equipamentos: iluminación, microfonía, telepromter, tabletas dixitais, ordenadores, mesa de son... que lles permitiron complementar a parte máis analóxica, como puido ser o mural en soporte cartón.

A todo isto hai que engadir a formación, que a través do programa Biblioteca Creativa e os obradoiros que organizamos, nos trouxo Paola Guimeráns e a súa proposta de circuítos en papel e E-téxtil.

Completamos a formación do profesorado cunhas sesións dentro do noso PFPP de centro vencelladas aos Contratos-Programa nas modalidades de mellora das competencias lingüística, matemática e en ciencia e tecnoloxía, coa mesma relatora.

É a partir desa oportunidade formativa cando se produce a cuadratura do círculo, levando ao tradicional mural informativo a interacción e ampliación da información que nos poden proporcionar os circuítos en papel, as placas condutivas, a programación e os códigos QR.

 

Que actividades se desenvolveron?

Para a creación deste traballo sobre os instrumentos do Pórtico da Gloria desenvolvéronse as seguintes:

  • Investigación e recollida de datos sobre o Pórtico: o seu contexto, a restauración, a figura do Mestre Mateo, o significado da obra, os instrumentos medievais e a súa recreación, procura de recursos gráficos e sonoros...

  • Elaboración de guións: confórmanse catro equipos que se encargan da redacción dos distintos textos que se precisaron para a última fase do noso traballo.
  • Programa de radio
  • Peza audiovisual
  • Son interactivo do mural
  • Presentación do aprendido á comunidade educativa
  • Creación da parte analóxica do mural: empregando distintos materiais como o cartón e as impresións en papel adhesivo, confeccionamos a parte que nos dará a visión infográfica.

  • Gravación das pezas sonoras do mural: os arquivos sonoros que amplían e completan a información textual e gráfica e que se poden «lanzar» desde os botóns interactivos son gravados no laboratorio da comunicación e no laboratorio de radio, recursos ambos os dous da biblioteca escolar.
  • Gravación do programa de radio sobre os instrumentos do Pórtico da Gloria: unha das creacións finais foi un programa de radio que fai un pequeno percorrido polos principais datos do Pórtico e os instrumentos (acceso ao audio ao final do artigo)

  • Gravación dun vídeo informativo e de como se desenvolveu o traballo, como colofón e resumo do desenvolvemento da investigación.
  • Dixitalización do mural: co deseño e elaboración de circuítos en papel e botóns interactivos que lanzarán os sons recollidos na tarxeta condutiva instalada.

  • Visitas ao mural interactivo por parte dos demais membros da comunidade educativa: o alumnado que non participou directamente na investigación foi visitándoo en distintas sesións para empaparse do traballo dos seus compañeiros, e mesmo preparar a visita ao Pórtico da Gloria que tiveron a sorte de realizar no mes de xuño. Aprenderon tamén como era a tecnoloxía empregada para converter un anaco de cartón nun soporte condutor que podería interaccionar cunha placa electrónica.

 

Como avaliamos a experiencia?

Algunhas das reflexións que realizamos sobre o traballo lévannos a asegurar que durante o proceso foron traballadas todas e cada unha das competencias presentes no currículo.

O alumnado achegouse á súa adquisición a través dun traballo innovador e multidisciplinar, que incluía todos os ingredientes precisos para acadar algo tan necesario para a motivación pola aprendizaxe: a emoción.

Poder relacionar tantos ámbitos de aprendizaxe nun proxecto con claro enfoque competencial era un gran reto, mais pensamos que se superou sobradamente durante o desenvolvemento da experiencia.

A biblioteca deu resposta a todas e cada unha das necesidades que presentaban as distintas actividades: fondos documentais, formación, espazos, organización, tecnoloxía, metodoloxía... e foi unha vez máis o principal centro de recursos para a aprendizaxe co que contamos na escola.

Unha vez máis volvemos á reflexión sobre a importancia que ten o traballo co noso alumnado desde os proxectos interdisciplinares no desenvolvemento de habilidades comunicativas (competencia lingüística), de tratamento da información (aprender a aprender, competencia dixital), de respecto á autoría e ao seu recoñecemento (conciencia social e cívica), de coñecemento da contorna (conciencia e expresións culturais), da creatividade á hora de desenvolver os proxectos (sentido da iniciativa e espírito emprendedor) e de utilización de recursos tecnolóxicos innovadores (competencia matemática e en ciencia e tecnoloxía).

Pensamos que outro logro importante puido ser a integración nun mesmo proxecto de distintos programas que beben todos da mesma fonte: o Plan de mellora das bibliotecas escolares (PLAMBE) e que no noso caso se amplía coa participación ademais en Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e E-LBE.
O aproveitamento que lle puidemos sacar a todos e cada un deles é incuestionable.

 

E para concluír...

Con todo este abano de posibilidades, recursos e motivacións, a biblioteca volve emerxer como un faro que marca o rumbo que cómpre seguir.
Nela atopamos os ingredientes precisos para exercer como motor de aprendizaxe.

Formar lectores críticos, analíticos, experimentados en distintos tipos de linguaxes, creadores, preocupados pola sustentabilidade, con conciencia cívica e social... revélase como unha das tarefas máis apaixonantes que nos pode tocar realizar desde a escola.

Todas e cada unha das accións realizadas deberían perseguir estes obxectivos, independentemente do grao de desenvolvemento en que se poida atopar o noso proxecto educativo.

A biblioteca escolar vólvese revelar como ese gran laboratorio de aprendizaxes onde pór en práctica iniciativas encamiñadas ao fomento da lectura, á alfabetización mediática e informacional, ao fomento da creación, á formación de usuarios, á comunicación, á transmisión do coñecemento...
E como mostra o vídeo que poderás visualizar a continuación, onde se amosa o proceso creativo, investigador, divulgativo, tecnolóxico... do noso alumnado a través deste proxecto de investigación documental.


 

 

 

 

 
00:00
Sección: