A igualdade está nas nosas mans

Un proxecto de igualdade nunha escola infantil de 0 a 3 anos
Presentamos unha proposta de traballo de educación para a igualdade que se está desenvolvendo nunha escola infantil, deseñada atendendo ás características e peculiaridades dos nenos e nenas destas idades. Unha proposta responsable que recolle o que a nosa sociedade está a demandar.

Mercedes López Díaz, directora da Escola Infantil Municipal Carricanta
eicarricanta@gmail.com

A Escola Infantil Municipal Carricanta é unha escola do concello da Coruña á que asisten 115 nenos e nenas de 0 a 3 anos, a cal empezou a funcionar no ano 2000.

O persoal está formado por 20 persoas e a maior parte leva entre 10 e 21 anos na escola, polo que podemos dicir que formamos un equipo (persoal docente e non docente) estable, un equipo que xunto puxo en marcha moitos proxectos e sentou os sinais de identidade de Carricanta e a maneira de facer escola.

O proxecto educativo de Carricanta asenta na educación en valores como base de todo un proxecto comprometido coa infancia e coa sociedade e inmerso na realidade que nos toca vivir. A educación en valores marca a vida da escola e ábrenos a posibilidade de ir desenvolvendo diferentes proxectos.

Temos a gran sorte de traballar con nenos e nenas de 0 a 3 anos e iso permítenos vivir o día a día dunha maneira intensa, lúdica e creativa, ademais de ir investigando e aprendendo cada día. Cada ano embarcámonos ou continuamos con proxectos que nos permiten conectar a escola coa nosa contorna e poñer o noso graíño de area para un futuro mellor.

Neste artigo imos compartir o noso proxecto A igualdade está nas nosas mans, un proxecto de igualdade que tan presente está no noso día a día e que nace de recoller e trasladar á escola todo o que na nosa contorna está a suceder.

Este traballo forma parte de Con moitas mans faremos un mundo de cor, un proxecto global transversal da escola deseñado de maneira específica para os nenos e nenas de 0 a 3 anos e que nace co obxectivo de achegar toda a comunidade educativa ao abstracto concepto de paz baseándonos en oito palabras clave: afecto, harmonía, gratitude, igualdade, amizade, respecto, tolerancia e solidariedade; palabras que resumen os valores que queremos transmitir e os obxectivos nos que baseamos as propostas. É un proxecto vivo, que non se detén, que crece, que se abre, que busca, que experimenta… e esta inquietude por abrirnos a experiencias novas lévanos a asumir o tema da igualdade como parte importante e básica do devandito proxecto.

Con moitas mans faremos un mundo de cor converteuse na guía da nosa proposta pedagóxica e axudounos a asumir outra forma de enfrontarnos ao día a día da escola, a traballar en grupo con todos os altibaixos que isto supón, a sentir e defender o importante que é a globalidade, o importante que todos camiñemos na mesma dirección.

 

Xustificación

A preocupación e o traballo pola igualdade e a coeducación dentro de Carricanta está presente desde sempre, está recollida tanto no noso proxecto educativo como no Regulamento de réxime interno da escola polo que, hai xa uns cursos, decidimos abordala como alicerce fundamental do proxecto de paz.

Atopámonos nun momento social onde o tema da desigualdade, a discriminación e a violencia de xénero están máis presentes do que quixésemos, pero tamén temos que recoñecer que nos atopamos nun momento no que todos e todas tivemos que pararnos a reflexionar sobre estes temas e manifestar posturas asumindo responsabilidades e compromisos.      

Entendemos que a escola ten que ofrecer resposta a eses cambios e inquietudes que se están dando na sociedade e como equipo, asumir un compromiso no tocante á igualdade e violencia de xénero para poder plasmalo e levalo a cabo no proxecto educativo e en todos os ámbitos da escola, non como un proxecto illado afastado do día a día.

Hai tres cursos, por mor de todo o traballo que estabamos a facer nas aulas sobre igualdade, sentimos a necesidade de facer un plan de igualdade porque fomos conscientes de que, como empresa, debemos mellorar, modificar e potenciar a igualdade entre homes e mulleres.

 

A igualdade está nas nosas mans

Somos conscientes de que nesta etapa específica da infancia (de 0 a 3 anos) é onde se sentan as bases da personalidade, os valores… e a igualdade, a non discriminación e a condena da violencia de xénero teñen que entrar na escola e formar parte dos obxectivos do centro.

O levar a cabo esta iniciativa supón un reto en si mesmo e a loita principal está en conseguir que as aprendizaxes adquiridas na escola se consoliden nas idades posteriores e poidan contribuír a previr situacións discriminatorias futuras.

Este tema levounos a debates dentro do equipo e empapámonos do que no noso barrio estaba a ocorrer, onde (hai xa 4 anos), por iniciativa da asociación de veciños do barrio, se creou a Plataforma pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero Castrillón Urbanización Soto (PICUS), á que Carricanta pertence desde que se iniciou esta proposta. Desde a propia plataforma tivemos a oportunidade de levar a cabo diferentes iniciativas nas que puidemos dar a coñecer o que sobre este tema estaba a traballarse dentro da escola e serviunos para reflexionar, detectar malas praxes, asumir un compromiso coa infancia e a sociedade e deixar constancia diso no noso traballo diario.

A experiencia que temos no traballo con estas idades lévanos a poder afirmar que as nenas e os nenos de 0 a 3 anos non teñen integrado o concepto de desigualdade, polo que o proxecto que estamos a levar a cabo se basea en traballar esa igualdade innata e poñer os cimentos básicos para que non rompa e loitar contra os estereotipos que esta sociedade nos marca de maneira directa e indirecta e que só reflexionando, valorando e analizando situacións cotiás do día a día nos damos conta da presenza que teñen.

 

Obxectivos

Como obxectivo xeral propoñémonos conseguir que a igualdade sexa unha realidade e desde a escola presentar iniciativas e experiencias que nos leven a iso involucrando a toda a comunidade educativa, educando os nenos e nenas sen os roles e estereotipos que impón a sociedade fomentando a igualdade de oportunidades de ambos os sexos.

Como obxectivos específicos marcámonos:

  • Asumir o respecto e a tolerancia como elementos imprescindibles para a igualdade.
  • Facer que cada neno e nena se sinta único, especial, orixinal.
  • Velar por que os nenos e as nenas teñan os mesmos dereitos, oportunidades e obrigacións.
  • Propoñer experiencias encamiñadas a que cada neno e nena aprenda a aceptarse tal cal é. Experiencias baseadas no afecto e na confianza que favorezan a autoestima.
  • Propoñer situacións de aprendizaxe ricas e variadas para que todo o grupo chegue aos obxectivos propostos, atendendo á diversidade e valorando a devandita diversidade como riqueza educativa e persoal.
  • Traballar con todo o equipo a importancia que ten a igualdade e a educación non sexista, establecendo pautas conxuntas de actuación e sendo modelos para seguir, garantindo a formación de todo o equipo en materia de igualdade.
  • Traballar conxuntamente coas familias para transmitirlles o importante que é o educar en igualdade dándolles a coñecer o proxecto que estamos a levar a cabo e abrirnos ás súas propostas e suxestións.
  • Promover, animar e facilitar a implicación das familias en todos os aspectos do proxecto, deseñando experiencias onde as familias se impliquen de maneira activa.
  • Mellorar o uso non sexista da linguaxe, non discriminatorio e si inclusivo, así como a non asimilación de roles segundo o sexo.
  • Potenciar e promover propostas encamiñadas a «ser e aprender xuntos», onde os valores de convivencia, as condutas e aptitudes nos permitan  asumir hábitos de igualdade que perduren para sempre.
  • Vivenciar a escola como un espazo de igualdade.
  • Difundir o proxecto que estamos a levar a cabo entre a nosa contorna máis próxima, compartindo experiencias con entidades do barrio e outros centros educativos.

 

Os contidos

Os contidos que temos marcados están en consonancia co proxecto de paz e, a través dos diferentes tipos de mans, abarcamos un amplo campo de traballo:

  • A igualdade en todos os momentos de escola: a igualdade e as rutinas
  • A igualdade e o afecto
  • A igualdade e as emocións
  • A igualdade e a autoestima: o neno e a nena como ser único e espacial. Características, similitudes, diferenzas
  • A igualdade e a vida en grupo
  • Os dereitos e deberes e a igualdade
  • A multiculturalidade e a igualdade
  • A igualdade e a arte e a creatividade

 

Metodoloxía

Apostamos por unha metodoloxía activa, lúdica e globalizadora onde o alumnado é o protagonista de todo o proceso de aprendizaxe e o traballo sensorial, a observación, experimentación e manipulación son as fontes básicas de toma de informacións e primeiras ferramentas de traballo.

A aprendizaxe significativa adquire especial relevancia, así como o ambiente da aprendizaxe e o fomento da autonomía e a autoestima, ofrecéndolle ao neno e á nena a oportunidade de expresar de maneira libre os seus sentimentos e emocións.

 

Os recursos e os materiais

Os materiais

Apostamos por materiais vistosos e atractivos que convidan a esculcar, a investigar, a descubrir e crear materiais polivalentes, materiais diferentes aos que habitualmente usamos na escola, material catalogado e de fácil uso. Predomina o material creado e seleccionado especificamente para esta proposta, material exento de contido sexista.

Recursos motivacionais

En todo o traballo de paz que estamos a levar a cabo, temos cinco personaxes de animación que nos fan gozar de momentos máxicos e cheos de fantasía. Eles son Pouquiño, O Capitán Tan, Faustina, Pippi e Don Sorriso. Estes personaxes van servir tamén como recurso nesta parte do proxecto sobre a igualdade. Son personaxes moi coidados, cunha personalidade moi marcada, que defenden a igualdade e escapan de estereotipos sociais.

Cada un deles encheranos de novas propostas de traballo e coas súas creativas ideas achegarémonos aos obxectivos que nos marcamos.

A música e as cancións

A música e as cancións sempre ocupan un lugar moi destacado nas nosas propostas e proxectos porque elas axúdannos a achegarnos aos obxectivos que nos formulamos dunha maneira lúdica e cativadora. No tema da igualdade, a música tamén está moi presente con propostas claras e cheas de contido.

- A canción do proxecto: «Os mozos coas mozas»

- A canción das rutinas: sinxela canción con letra inventada que está presente todos os días.

Os contos

Son xa moitos os contos que sobre este tema traballamos, contos que na súa maioría contan cun material complementario e con propostas de actividades adaptadas a cada un dos grupos de idade.

Outro traballo que iniciamos é reescribir algún conto tradicional descargándoos de toda carga sexista.

 

Propostas e experiencias

Todas as experiencias e propostas de traballo teñen que estar conectadas entre si e perseguir o mesmo fin: achegar os nenos e nenas de Carricanta ao concepto de igualdade.

Ao longo destes anos son moitas as experiencias que ao redor da igualdade se levaron a cabo e as que aínda se están levando. A modo de resumo destacamos:

Os encontros entre o equipo Carricanta: son varios os que fixemos e os que aínda temos programados: debates sobre o tema, traballo sobre materiais concretos, animacións.

- O traballo coas familias: dando a coñecer o proxecto e abrindo campos de participación.

- O traballo continuado dentro da plataforma PICUS. Participación e propostas.

- A presentación do proxecto: cada ano faise unha presentación específica en todas as aulas onde se entrega material para o traballo específico dese curso.

- O decálogo da igualdade: un decálogo que se fixo na plataforma PICUS e que en Carricanta adaptamos ás idades que nos ocupan, difundíndoo e dándoo a coñecer a toda a comunidade educativa e creando materiais para a súa integración.

- Celebración do Día da Igualdade: unha proposta que algunhas veces orientamos no ámbito de aula e outras a asumimos como proposta de escola onde se implicou as familias.

- Talleres de igualdade: diferentes talleres coa participación das familias onde, a través dun contacontos, se ofrece unha proposta de actividades para conseguir os obxectivos propostos.

- Os contos de igualdade e as cancións: diferentes propostas no ámbito de aula ou grupo onde a base é o traballo dunha canción ou conto determinado.

- A biblioteca da igualdade: é un tema que temos deseñado, pero aínda non o levamos á práctica. Trataríase dunha selección de contos que saen da escola para as familias cunhas orientacións de traballo.

- Celebración do Día do Libro ao redor dos contos de igualdade.

- O libro viaxeiro: unha experiencia que poñeremos en práctica nalgunhas aulas ou ben entre as aulas da escola.

- A maleta da igualdade: en Carricanta o tema das maletas viaxeiras que van da escola para a casa xa é un clásico e a maleta da igualdade forma parte deste conxunto de maletas.

- A semana da igualdade: algún curso decantámonos por esta proposta onde a igualdade toma posesión de todos os tempos e espazos da escola. EU SON ÚNICO................ Ti TAMÉN, EU SON IMPORTANTE...... TI TAMÉN

- O concurso de fotos de igualdade para realizar coas familias.

 

O equipo e a igualdade

Nosoutras e nosoutros somos o modelo para imitar polo alumnado, así que temos que ser moi conscientes do que os nosos comportamentos e actuacións significan e asumir compromisos que nos teñen que acompañar no día a día na escola para o fomento da igualdade, comportamentos que como persoas adultas temos que ter en conta e a maioría deles xa os temos moi asumidos, pero non por iso imos deixar de lembralos, valorando o peso que a igualdade ten no proxecto de Carricanta onde se respecta todo tipo de diversidade.

Temos que ser reflexivos sobre a necesidade de romper con dinámicas de desigualdade e facer propostas claras fuxindo dos estereotipos sexista e asumindo a utilización da linguaxe inclusiva. Reflexionar e valorar sobre a nosa actuación educativa aprendendo dos erros do día a día e compartir coas familias a nosa inquietude por convivir nun ambiente baseado nas relacións de igualdade no que os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades a todos os niveis.

 

As familias e o proxecto

En Carricanta, o traballo conxunto de familia-escola está moi presente e somos conscientes de que, para que calquera proxecto ou experiencia que levemos a cabo dentro da escola sexa completa, temos que ter moi presente a implicación das familias e prever as canles de participación adecuadas. O traballo conxunto entre familia e escola dá globalidade, sentido e continuidade ao que estamos a traballar.

Temos a sorte de poder estar moi preto das familias polo que podemos contar con elas desde o principio e darlles numerosas canles de participación para que se impliquen neste proxecto e que nos abran as portas a novas experiencias, así como informalas puntualmente do que estamos a facer e que as propostas que levamos a cabo están abertas ás suxestións e achegas que nos queiran facer.

Normalmente as familias adoitan acoller de bo grao as propostas que se fan e a súa participación é moi activa e comprometida.

 

Conclusión

A igualdade está nas nosas mans é un proxecto que é necesario na escola, que o equipo valoramos de maneira moi positiva. Un proxecto vivo e comprometido que nos está servindo de reflexión e que implica cambios e compromisos na nosa práctica educativa e que nos permitiu darlle á coeducación o lugar que lle corresponde, sendo testemuñas de como está a crecer este proxecto e como complementa o resto de iniciativas levadas a cabo na escola.

Como ensinantes «aprendemos» a saber cal é o noso papel, como formular as situacións de aprendizaxe, a reflexionar sobre nosa propia intervención, a crear ese clima de seguridade e confianza que convide os nenos e nenas a participar, a explorar, a descubrir, a expresarse… pero tamén como persoas e cidadáns e cidadás afianzamos e integramos diferentes valores e adquirimos  compromisos coa infancia e coa sociedade.

 

 

 

Palabras clave: 
Sección: