Con moitas mans faremos un mundo de cor

Unha experiencia de educación para a paz na escola infantil Carricanta da Coruña
Temos un espírito inconformista e cada ano temos a necesidade de embarcarnos en proxectos novos, en experiencias que nos fagan poñer a traballar a nosa creatividade e nos obriguen a pensar educativamente no noso labor no día a día da escola. Sempre resulta moi gratificante compartir as experiencias que realizamos porque dalgunha maneira serve de valoración e de reflexión sobre a nosa propia práctica educativa.

Mercedes López Díaz
Directora da Escola Infantil Municipal Carricanta (A Coruña)
eicarricanta@edu.coruna.es

Introdución

Imos compartir unha experiencia de educación para a paz que levamos desenvolvendo na nosa escola desde setembro de 2010, un proxecto que se foi facendo día a día e o que empezou sendo unhas pequenas ideas converteuse nunha maneira de ver e facer escola. Situamos o proxecto en Carricanta, unha escola que pertence á Rede de Escolas Infantís Municipais do Concello da Coruña, unha escola con 115 nenos e nenas de 0 a 3 anos que fabriu as súas portas en setembro de 2000. Carricanta destaca por ser unha escola chea de luz e cor, un centro con 1000 metros de interior e outros tantos exteriores, con oito aulas e diferentes zonas comúns. Somos 18 persoas as que formamos o persoal da escola, un equipo que levamos moitos anos xuntos compartindo diferentes proxectos e experiencias.
Facendo un pouco de historia, remóntome aos inicios de Carricanta cando deseñamos con moita ilusión un proxecto para unha nova escola. Xa nese momento tiñamos moi claro que o noso traballo ía encamiñarse cara á educación en valores, eses valores que nos van facendo persoas e que nos permiten vivir en sociedade e apostar sempre por un futuro mellor.

Aos poucos fomos abordando diferentes aspectos dos chamados temas transversais. O tema concreto de educación para a paz estivo connosco xa desde ese primeiro ano e desde entón apostamos por proxectos comprometidos e próximos ás idades que nos ocupan e que nos permitan achegarnos a eses grandes obxectivos que en materia de educación para a paz podemos propoñernos.

É así como van xurdindo pequenos proxectos e experiencias relacionadas coas normas de convivencia dentro da escola, o traballo dos dereitos e deberes dos nenos, as experiencias con outras escolas de contornas máis desfavorecidas… e, en pouco tempo, démonos de conta de que era necesario marcarnos uns obxectivos claros. Sintetizamos o noso proxecto en oito palabras clave: afecto, harmonía, gratitude, igualdade, amizade, respecto, tolerancia e solidariedade, palabras que resumen os valores que perseguimos e que se interrelacionan unhas con outras dándolle o sentido de globalidade.
Sobre estas oito palabras créase o proxecto que presentamos.

O proxecto en si: Con moitas mans faremos un mundo de cor

Xa o propio título expresa a nosa inquietude por buscar relacións harmoniosas, por ambientes cordiais e por uns primeiros anos de vida que orienten os nenos e nenas á convivencia, a igualdade, a solidariedade…

Con moitas mans faremos un mundo de cor é un proxecto deseñado para os nenos e nenas de 0 a 3 anos que se basea no achegamento ao concepto de paz a través de algo tan sinxelo como poden ser as mans, que adquiren todo o protagonismo e pasan a ser o fío condutor dunha proposta que cada ano se vai abrindo e enriquecendo con novos campos de traballo. Trátase dunha proposta aberta a toda a comunidade educativa onde teñen cabida todos os nenos e nenas da escola, o equipo Carricanta e as familias; unha proposta que traspasa os muros da escola e se abre á súa contorna: o barrio, outros centros, ONG…

O que empezaron sendo unhas pequenas pinceladas converteuse nun gran proxecto cunha traxectoria clara, intentando que cada ano o proxecto teña unha boa dose de novidade e asente no que traballamos con anterioridade. É un proxecto moi documentado, está escrito e nel quedan recollidas as bases, os obxectivos, os contidos, a metodoloxía, as competencias, os recursos, os materiais…, así como múltiples experiencias.

Obxectivos

  • Desenvolver un proxecto de escola onde se aglutinen todos os ámbitos de traballo de educación para a paz.
  • Integrar o devandito proxecto no día a día da escola e que traspase as súas paredes para abrirse á nosa contorna e recoller dela as oportunidades de traballo que nos brinda.
  • Levar a cabo un proxecto que nos entusiasme e nos motive, unha experiencia da que todos aprendamos e que nos sirva de reflexión.

En canto aos obxectivos específicos que nos marcamos, podemos sinalar:

  • Fomentar e integrar actitudes e valores positivos relacionados cos distintos aspectos das mans.
  • Propoñer experiencias encamiñadas ao desenvolvemento da autoestima baseadas no afecto e a confianza.
  • Valorar a importancia das nosas mans á hora de relacionarnos cos demais e coa nosa contorna.
  • Vivir a escola como un lugar para compartir, valorando a importancia dos outros, e achegarnos ao concepto de amizade.
  • Descubrir a solidariedade a partir de pequenas responsabilidades.
  • Promover, animar e facilitar a implicación das familias en todos os aspectos do proxecto, deseñando experiencias onde as familias se impliquen de maneira activa.

 

Metodoloxía

Apostamos por unha metodoloxía activa, lúdica e globalizadora onde o neno é o protagonista de todo o proceso de aprendizaxe e o traballo sensorial, a observación, experimentación e manipulación son as fontes básicas de toma de informacións. Nestas idades, as aprendizaxes prodúcense pola experiencia, polo contacto directo coa contorna, cos materiais, os elementos... aprendizaxes que van do máis próximo, do cotián, ao máis afastado ou xeral, apostando por unha aprendizaxe significativa. En todo momento se fomenta a autonomía e a autoestima e se crea un ambiente onde o neno se sinta a gusto e seguro e sexa capaz de expresar sentimentos e emocións, proporcionando situacións de interacción cos compañeiros da aula e co grupo-escola.

Os contidos: os diferentes tipos de mans

O proxecto estrutúrase arredor do decálogo de "Arco iris de mans" onde aparecen reflectidos oito tipos de mans que responden aos obxectivos iniciais que nos propuxemos, cada un deles fai referencia a un ámbito de traballo, todos eles relacionados entre si e dándolle globalidade á nosa proposta.

Os tipos de mans que traballamos son:

Mans que saúdan: a súa cor é o amarelo. O saúdo é un dos primeiros xestos con significado que o neno aprende e as mans xogan un papel moi importante e significativo. Ese primeiro momento de encontro, contacto, coñecemento… marca decisivamente a interacción coas outras persoas, do mesmo xeito que o momento da despedida senta as bases de futuros encontros. Traballamos todo o relacionado coa importancia do saúdo, a comunicación, a cortesía, a linguaxe de signos…

Mans que acariñan: representadas pola cor vermella. As mans énchense de importancia á hora de demostrar ou recibir afecto. Esas caricias que dan seguridade, confianza, tenrura… e nos convidan a xogar co sentido do tacto, a compartir, a expresar. O traballo céntrase no afecto, a seguridade, a autoestima, o traballo sensorial…

Mans divertidas: son as mans de cor azul. As mans teñen un gran compoñente de diversión, esas mans que case sen pretendelo son capaces de arrincarnos un sorriso, un aplauso, un baile, unha canción... pequenos xestos que poida que non cambien a realidade, pero si que fan que a vexamos de maneira diferente e nos achegan enerxía e ganas para arranxar aquilo que non nos gusta.

 

 

 

Mans para compartir: a súa cor é o verde. A escola como espazo para compartir; xa desde os primeiros momentos de escola temos que asumir que os outros están aí, que hai  que telos en conta, que teñen os seus dereitos…Traballamos todo o relacionado coa solidariedade, a gratitude, os dereitos e deberes…

Mans amigas: as mans de cor rosa. Partimos do máis próximo, “os meus amigos de Carricanta”, os meus compañeiros de aula, de escola, con eles compartimos momentos de xogo, de sesta, de actividade, momentos alegres e outros que non o son tanto… A través das mans amigas establecemos relacións cos nosos compañeiros e imos construíndo o noso concepto de amizade.

Mans que coidan: a súa cor é o laranxa. Esas mans que sempre están aí para ocuparse de nós, mans expertas, mans cariñosas, mans familiares… esas mans que tan importantes son e que necesitan que as coidemos, esas mans coas que nos coidamos, coas que coidamos os demais e a nosa contorna.

Mans que axudan: as mans de cor lila. Pareceunos básico que nos deamos de conta de que para camiñar por esta vida necesitamos axuda e propoñemos experiencias que nos axuden a interiorizar isto; pero tamén é importante que sexamos conscientes de que nós, así mesmo,  podemos prestar axuda en moitos momentos. As nosas mans axudan e iso fainos sentir ben.

Mans para descubrir e crear: a súa cor é o marrón. Este tipo de mans vai penetrar na relación que mantemos coa nosa contorna, un espazo que convida a ser explorado, experimentado, manipulado, analizado e modificado ou cambiado. A través das nosas mans imos ir dando resposta a moitos interrogantes, pero tamén necesitamos darlle renda solta á nosa creatividade que vai parella coa imaxinación e a fantasía e nos permite, mediante multitude de linguaxes, comunicar os nosos sentimentos e emocións.

 

Actividades e experiencias

Ao redor destes tipos de mans propoñemos experiencias moi diversas adaptadas a cada unha das idades que nos ocupan, pero todas responden a uns criterios básicos que nos marcamos:

  • Que sexan experiencias que respondan aos obxectivos marcados.
  • Que a metodoloxía empregada sexa eminentemente lúdica e responda aos criterios metodolóxicos establecidos no proxecto.
  • Que sexan experiencias que estimulan a curiosidade e conviden á investigación
  • Que sexan experiencias enriquecedoras para todos, grandes e pequenos.
  • Que se presenten materiais diferentes e que cativen desde o primeiro momento.

 

Recursos e materiais

En toda esta proposta teñen moitísima importancia os recursos empregados e creouse gran cantidade de materiais específicos, materiais vistosos e atractivos que convidan a esculcar, diferentes aos que habitualmente usamos na escola. Todo o material se atopa perfectamente clasificado e situado nun alto de fácil acceso para todos, e catalogado nun informe específico. A modo de exemplo facemos unha clasificación dos materiais:

  • Material para o traballo xeral das mans: luvas, memoris, cartóns, marionetas, materiais de creación propia, polivalentes…
  • Materiais para traballar cada tipo de mans: diferentes caixas para cada tipo de mans con materiais de diferente índole e procedencia.
  • A música e as cancións: recompilacións específicas.
  • Os contos: creáronse contos específicos con materiais de traballo para cada tipo de mans e temos unha selección de contos para cada tipo de mans. Algúns destes contos foron a base de sesións de contacontos.
  • Materiais decorativos e plásticos que fan que toda a escola se empape do proxecto, ao entrar en Carricanta as mans e as cores xa atrapan o visitante.
  • Material específico para traballar a multiculturalidade a través das mans: marionetas de oito nenos de diferentes países, un enorme mundo no que podemos entrar, os elementos de diferentes países…
  • Material das emocións, as palabras de paz, o decálogo.
  • Material dos personaxes.
  • Material gráfico e escrito que recolle diferentes ámbitos da experiencia.

Ámbitos de traballo

Partimos do achegamento a cada tipo de mans e abarcamos diferentes ámbitos de traballo que nos xeran múltiples experiencias:

As palabras de paz: descubrimos como están detrás de cada tipo de mans a través de materiais específicos.

Os personaxes: son os encargados de presentarnos experiencias novas e acompañarnos en moitos momentos. Foron entrando na escola aos poucos e cada un deles ten unha personalidade moi definida. Eles son:

- Pouquiño: o primeiro en chegar a Carricanta e o que foi traendo os novos amigos. Nunca deixa de sorprendernos coa súa maleta, os seus amigos, as súas músicas, as súas bromas, as súas ocorrencias, os seus xogos de mans…, pero sobre todo a súa canción que nos abriu unha infinidade de posibilidades de traballo a partir dun conto moi orixinal.
- Faustina: a nosa fascinante amiga que sempre nos vai facer ver o lado máis positivo das cousas e vai intentar, coa súa variña máxica, darlle cor a aquilo que se nos aparece escuro.
- O Capitán Tan: o noso entrañable amigo que viaxa por todo o longo e ancho deste mundo e recolle aquilo que cre que nos vai interesar, destacando o seu carácter soñador e imaxinativo.
- Pippi: esa nena inxenua e imaxinativa que enche de cor cada un dos momentos que compartamos con ela e que coa súa fantasía e imaxinación fainos chegar moi lonxe.
- Don Sorriso: foi o último en chegar a Carricanta e fíxoo da man do proxecto Apúntome a un sorriso, pero xa ocupa un papel moi destacado dentro do proxecto de paz.

 

 

O decálogo: unha sinxela canción que recolle cada un dos tipos de mans, que asociamos cunha cor e cun logo.

  • As emocións: propostas ao redor da educación emocional que tan importante é nestas idades temperás. Hai unha proposta específica do traballo das emocións nas rutinas de aula e son moitos os materiais que deste tema se crearon.
  • As músicas e as cancións: adquiren un papel moi importante dentro deste proxecto, xa que nos axudan a completar todo o que estamos a traballar e a establecer relacións entre unhas partes e outras.
  • A solidariedade: é outro dos grandes apartados do noso proxecto. Enfocámolo desde varias vertentes:

- Os dereitos e deberes: desde xa hai moitos anos, en Carricanta temos a nosa adaptación dos dereitos e deberes dos nenos e, ao iniciar o proxecto Con moitas mans faremos un mundo de cor, identificamos cada dereito cun tipo de mans e desde as aulas faise un traballo moi específico cada 20 de novembro, cunha celebración especial na que as familias están implicadas.
- O mercado do Nadal: unha aposta por celebrar o Nadal de maneira solidaria conxugada coa cooperación, o entusiasmo e o ambiente festivo e familiar.
- O traballo con Tierra de Hombres con propostas de colaboración moi específicas. Hai xa varios anos que iniciamos unha colaboración con esta ONG, concretamente no seu proxecto Viaxe á vida, que está a darnos a oportunidade de vivir experiencias moi gratificantes onde as nosas mans están moi presentes.

  • As semanas de paz: desde os inicios de Carricanta sempre vivimos dunha maneira moi especial o día Mundial da Paz con celebracións no ámbito da escola e familias. Unhas semanas nas que todo o equipo de Carricanta e os nenos e nenas nos entregamos nunha experiencia que non deixa de ser máis ca a expresión dos nosos desexos interiores e transmitímoslles o noso entusiasmo e as nosas experiencias ás familias.
  • As mans viaxeiras: unha experiencia que nace o segundo ano do proxecto co fin de que as maletas saísen á contorna máis próxima: as familias. En anos sucesivos amplíanse as contornas e as maletas viaxan a outros centros, tanto infantís como de formación de educadores. Unha experiencia de participación que cada ano se vai enriquecendo.
  • A multiculturalidade: a través do noso afillado da India Venkatesh e doutros oito amigos de diferentes países, desenvolvemos unha experiencia que ten como obxectivo recoñecer nos diferentes países as nosas mans de cores: O mundo nas miñas mans.
  • As mans noutras contornas: algunhas experiencias que estamos a realizar son a colaboración coa biblioteca municipal do barrio, o teatro e as mans, as mans de cores toman o barrio, da man dos artistas…
  • O traballo específico coas familias: para que o proxecto adquira todo o seu significado, a participación activa das familias é moi importante. Son moitas as formas de participación, como exemplo sinalamos: as festas e celebracións, os talleres específicos, os paseos, a arte nas mans, os maratóns de contos, as presentacións...

 

Unha experiencia concreta: Mans viaxeiras

Mans viaxeiras é unha experiencia que permite que as nosas queridas mans saian de Carricanta e viaxen ás casas dos nosos nenos co fin de lle dar continuidade ao que na escola estamos a traballar e que as familias, das mans dos seus pequenos, descubran moitos dos segredos que nós xa descubrimos na escola pero tamén o traballo de casa nos pode abrir novos campos, perspectivas e posibilidades de traballo. Cada ano facemos esta experiencia que se enche de novidades e se vai ampliando. O inicio desta experiencia coincide coa Semana de Paz (xaneiro) e previamente infórmanse as familias desta parte do proxecto que está pensada para eles.

Creáronse unhas maletas, bolsas ou caixas correspondentes a cada un dos oito tipos de mans que traballamos e en cada unha delas incluímos un libro informativo do tipo de mans concreto, o noso CD de música, un conto e un material básico. Ademais contamos cunha maleta específica para os nenos e nenas de 0 a 1 ano e unha maleta da arte.

Eliximos os materiais adaptados a cada tipo de mans, intentamos que fosen materiais divertidos, distintos dos utilizados normalmente e que desen diferentes posibilidades de xogo e exploración.

É importante sinalar que os nenos non coñecen estas maletas. É un material creado co obxectivo de que sexa novo para toda a familia, polo que non se traballa con el na escola. A cada familia que solicita levar unha maleta entrégaselle un díptico en forma de maleta con información básica sobre a experiencia. Non se dan nin pautas nin pistas de traballo: a misión das familias é, en compañía do seu fillo, deixar voar a imaxinación e descubrir, esculcar, xogar, asociar… todo aquilo que se lles ocorra. Tamén se lle entrega a cada familia un arco iris e, cada vez que levan unha maleta para a casa e traen as súas achegas, fáiselle entrega da man da cor correspondente. O obxectivo é lograr unha man de cada cor.

Para conseguir cada man pídeselles algo sinxelo, como presentar un resumo da experiencia: pode ser unha foto, un texto contando o que se fixo, algo plástico, unha canción, un conto, unha poesía… todo aquilo que se lles ocorra e que nos axude a completar o noso proxecto.

É unha actividade moi gratificante para todos como o demostra o feito de que as maletas están a viaxar desde xaneiro ata final de curso e moi poucas veces dormen na escola. A experiencia superou con fartura as nosas expectativas e as achegas das familias son moi traballadas e creativas, en consonancia coas bases do proxecto.

Xa ao segundo ano de iniciar Mans viaxeiras cremos que o proxecto se enriquecería se as nosas maletas viaxaban a outros centros, polo que nos abrimos á participación de centros de formación e escolas, confeccionando unha maleta específica para cada un deles e outra para viaxar a diferentes escolas ou centros, con moito material explicativo do proxecto e unha bolsa para o traballo con cada tipo de mans. Bríndaselles o noso apoio, a nosa orientación e todos os materiais que hai na escola.

Esta experiencia está resultando moi positiva, xa que nos achega novos puntos de vista e isto enriquece o noso proxecto.

Valoración

Somos conscientes de que nos atopamos ante un proxecto innovador, serio e comprometido coa infancia, a paz e a educación e un referente desta escola, un proxecto conectado coa realidade e profundamente documentado que se foi perfilando aos poucos e, agora, temos moi clara a nosa meta. Con moitas mans faremos un mundo de cor foi galardoado cunha Mención de Honra na oitava edición dos Premios Acción Maxistral.

Como equipo implicámonos noutra maneira de levar a cabo o noso día a día nas aulas, un proxecto global de escola onde se recollen as achegas de todos, e cada un asume as súas responsabilidades. Son numerosas e notables as satisfaccións que este proxecto nos aportou a todos e a oportunidade que diariamente nos dá de desenvolver a nosa creatividade e de propoñernos retos tanto profesionais como persoais.

Nenos e familias están a ter a oportunidade de participar de maneira activa nunha proposta que non os deixa indiferentes. Os pequeno gozan compartindo, aprendendo e adquirindo hábitos e valores que perdurarán no tempo.

A nivel persoal, está a ser un proxecto que vivo con moita intensidade, intentando estimular e contaxiar aos que me rodean; deume moitas satisfaccións no ámbito persoal e, como profesional da educación, fun capaz de levar á miña escola e facer realidade moitas ideas que levaban tempo roldando pola miña cabeza sen adquirir forma. Trátase dun proxecto aberto e flexible que, malia ser deseñado para o primeiro ciclo de educación infantil, resulta moi sinxelo extrapolar os seus contidos e competencias ao segundo ciclo e aos primeiros anos de primaria.

Para finalizar, quero brindarlles a todos a oportunidade de achegarse a coñecer esta experiencia e compartir connosco algunha proposta específica. Quedamos abertos aos comentarios e suxestións.

 

 

 

Sección: