Skip to Content

Novas da Xunta

Distribuir contido
Actualizado: fai 22 horas 54 min

Convocadas prazas para persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2024/25 (código de procedemento ED308A)

Xov, 20/06/2024 - 11:58
Idioma Gallego

Orde do 23 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia para persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2024/25 (código de procedemento ED308A) (DOG do 20 de xuño de 2024).

Prazo para presentar solicitudes:

  • Período ordinario: do 21 de xuño ao 7 de agosto de 2024, ambos incluídos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.vía electrónica (procedemento ED308A).

 

File: 

Orde do 23 de maio de 2024 (DOG) Anexo I Anexo II

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Centros

Colectivo: 

Alumnado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Convocadas prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (código de procedemento ED306A)

Xov, 20/06/2024 - 11:49
Idioma Gallego

Orde do 23 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (código de procedemento ED306A) (DOG do 20 de xuño).

Prazo para presentar solicitudes:

1. Para o alumnado matriculado en bacharelato: do 21 de xuño ao 19 de xullo de 2024.

2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos: do 21 de xuño ao 2 de agosto de 2024.

As solicitudes deberán dirixirse ao respectivo centro residencial docente.

File: 

Orde do 23 de maio de 2024 (DOG) Extracto da Orde do 23 de maio de 2024 (DOG) Anexo I Anexo II

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Centros

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Os premios Innovagal recoñecen o labor dos centros de Outes, Cerceda, Vilanova, Zas, Tui, Monfero, Vigo e Celanova a prol da innovación educativa

Mér, 19/06/2024 - 19:36

Summary: 

O obxectivo é poñer en valor os centros que desenvolven enfoques didácticos para dar reposta ás necesidades particulares do seu alumnado

“Os premios son mostra de que en Galicia hai un sistema equitativo que xera igualdade de oportunidades entre os centros, sen importar na zona na que se atopen”, destaca o conselleiro

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, presidiu hoxe a entrega de premios Innovagal que distinguen as boas iniciativas no ámbito da innovación Educativa. 

O titular do departamento educativo galego puxo en valor a importancia do galardón no fomento da creatividade como unha poderosa ferramenta para afrontar os retos futuros. Os premios teñen como obxectivo mellorar e perfeccionar o progreso do alumnado galego. De esta maneira, tamén se consegue o avance da sociedade no seu conxunto.

No acto, entregáronse os galardóns nas dúas categorías de participación: premios para os centros que imparten Educación Infantil e para os de Secundaria e de adultos. Durante a xornada, o titular do departamento educativo galego quixo destacar a variedade xeográfica dos centros, que é “mostra de que en Galicia hai un sistema equitativo que xera igualdade de oportunidades entre os centros, sen importar na zona na que se atopen”, destaca o conselleiro.

Na primeira modalidade, o gañador é o Colexio CEIP Plurilingüe de Outes, segundo o Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa), terceiro o Colexio CEIP Plurilingüe nº1  (Tui) e a mención de honra para o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira (Vigo).

No caso da segunda categoría, para centros de Secundaria e de adultos, o primeiro premio é para o Colexio O Cruce (Cerceda), o segundo para o Instituto IES Maximino Romero de Lema (Zas), o terceiro para o Colexio CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e a mención de honra para o Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova).

Premio

Categoría A

Categoría B

CEIP Plurilingüe de Outes

CPI Plurilingüe O Cruce

CEIP de Viñagrande-Deiro

IES Maximino Romero de Lema

CEIP Plurilingüe de Nº1

CPI Plurilingüe Virxe de Cela

Mención de honra

CEIP Plurilingüe de Carrasqueira

IES Celanova Celso Emilio Ferreiro

 

Os primeiros premios están dotados con 10.000€, os segundos con 6.000€, os terceiros con 3.000€ e as mencións de honra con 1.000€. Ademais da dotación económica do galardón, os centros vencedores reciben o distintivo de Centro educativo Innovagal, cunha vixencia de catro cursos escolares.

Aposta polo medioambiente, o benestar e os proxectos STEM

O primeiro premio da modalidade A é para o Colexio CEIP Plurilingüe de Outes. O centro aposta por fomentar o benestar emocional do alumnado e a sostibilidade. Tendo isto en conta, emprega unha metodoloxía de aprendizaxe activa e dinámica, centrada no respecto ao medio ambiente de forma transversal.

Pola súa banda, o gañador da segunda categoría é o Colexio CPI Plurilingüe O Cruce. O centro desenvolveu un proxecto de innovación cunha forte aposta polas accións STEM relacionadas coa defensa do medio ambiente. As actividades fomentan o coñecemento da contorna e a conservación da natureza.

Os centros Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro e o Instituto Maximino Romero reciben o segundo galardón das dúas modalidades. A escola creou espazos e dinámicas que respectan a infancia, potenciando a autonomía, a intelixencia emocional, a comunicación asertiva e o pensamento diverxente. Pola súa parte, o instituto centrou o seu proxecto innovador na posta en marcha de proxectos STEM a través do Club de Ciencia e dos Polos Creativos. Ambas institucións melloran o rendemento académico e a motivación dos estudantes.

O Colexio CEIP Plurilingüe nº1 recibe o terceiro premio por fomentar a creatividade e a tecnoloxía para conseguir o cambio metodolóxico, que inclúe melloras como a docencia compartida, as parellas pedagóxicas e o traballo por ámbitos que redundan en beneficio de todo o alumnado. Pola súa banda, o CPI Plurilingüe Virxe de Cela tamén é galardoado con este premio polo proxecto MonferoSolidario, que ten como obxectivo mellorar a calidade educativa e dar respostas ás necesidades identificadas polo claustro. 

As mencións de honras son para o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira e o Instituto IES Celanova Celso. A escola de Vigo fomenta unha metodoloxía de ensinanza inclusiva, a través do traballo en equipo e a formación do profesorado neste ámbito. Este centro, durante os últimos cursos, puxo en marcha pedagoxías activas (consello de nen@s, comisión de patios) e manipulativas que favorecen unha aprendizaxe por competencias. 

O Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro parte da súa localización para desenvolver o proxecto Arredor do Mosteiro, que xira en torno a posta en valor do patrimonio e a optimización dos espazos. A iniciativa abre o centro á contorna a través de diferentes actividades como charlas, concertos ou obradoiros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez reúnese coas organizacións sindicais para abordar o desenvolvemento da lexislatura en materia educativa

Mér, 19/06/2024 - 19:35

Summary: 

O conselleiro mantén ao longo deste mércores reunións de traballo con representantes de CIG Ensino, CCOO Ensino, Anpe e UGT Ensino

Idioma Gallego

Con motivo do inicio da lexislatura, a Xunta de Galicia aborda con todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial Docente distintas cuestións e retos de futuro a abordar en materia educativa neste período. Neste contexto, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo ao longo do día de hoxe encontros con representantes de cada unha das organizacións, CIG Ensino, CCOO Ensino, Anpe e UGT Ensino, para analizar o panorama escolar galego ao longo dos vindeiros anos en xeral e o inicio do vindeiro curso 24-25 en particular.

Neste senso, o conselleiro explicoulles que o seu departamento está traballando para continuar avanzando nun sistema educativo de calidade e innovador, avalado polo resultados, que siga sendo un referente en materia de inclusión e convivencia, con accións para o conxunto do sistema, tanto para o alumnado como para o profesorado.

Entre elas atópase o acordo de melloras estruturais asinado o pasado mes de outubro para blindar a estrutura do sistema e sentar as bases do ensino da vindeira década. Neste acordo inclúense numerosas medidas de calado como a baixada de rateos, de implantación progresiva e que se materializará, xa desde setembro, a partir de 4º de Educación Infantil, e outras como a mellora das condicións salariais, en marcha desde xaneiro pasado, ou a simplificación da carga administrativa nos centros escolares.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta felicita polo seu esforzo ao alumnado que se presenta ás probas para os Premios Extraordinarios de Bacharelato

Mér, 19/06/2024 - 15:45
Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o o Centro Integrado FP CIFP Politécnico de Santiago co motivo da celebración das probas para a obtención dos Premios Extraordinarios de Bacharelato. Durante esta xornada, os aspirantes deben realizar unha proba que consiste nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico, científico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia común.

Os centros que acollen a realización deste exercicio son o CIFP Universidade Laboral de Culleredo, CIFP Politécnico de Santiago, CIFP As Mercedes de Lugo, CIFP A Farixa de Ourense, CIFP A Xunqueira de Pontevedra e o IES Politécnico de Vigo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Listaxe provisional de solicitudes admitidas e excluídas no Programa Retorna Talento FP 2024/2025

Mér, 19/06/2024 - 15:22
Idioma Gallego

Publicada a listaxe provisional de solicitudes admitidas e excluídas no Programa Retorna Talento FP 2024/2025.

O prazo para emendar documentación estará aberto do día 20 ao 26 de xuño, ambos os dous incluídos.

Máis información.

Tema: 

Axudas e premios Bolsas

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta abre o prazo para que novos centros educativos se incorporen ao programa STEMbach que estrea novidades no vindeiro curso

Mér, 19/06/2024 - 12:28

Summary: 

Por primeira vez, o alumnado que o supere verá recoñecido o mérito con créditos universitarios

Os centros interesados teñen ata o 1 de xullo para solicitar a súa adhesión

Idioma Gallego

A Xunta vén de abrir o prazo para que os centros que o desexan poidan incorporarse ou continuar o vindeiro curso 2024/2025 no Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. Os interesados deberán solicitar a súa adhesión a este programa ata o día 1 de xullo. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, coincidindo coa nova convocatoria, visitou este martes o instituto IES As Lagoas.

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030. O programa busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria. Con este fin, asinaranse convenios coas tres universidades públicas para reforzar a súa implicación no STEMbach.

O STEMbach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os estudantes cursan, a maiores do currículo da modalidade na que estean matriculados, unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM extracurricular de dúas ou tres horas semanais. Ademais, deben realizar un proxecto de investigación e actividades complementarias de formación en colaboración coas universidades públicas de Galicia, entidades, organismos e persoas investigadoras de recoñecida competencia.

Ata seis créditos de libre configuración gratuítos

A convocatoria deste ano inclúe novas medidas como o recoñecemento de créditos ECTS universitarios para o alumnado que participe neste programa educativo. Grazas a iso, os estudantes que superen o STEMbach e se matriculen posteriormente nalgunha das universidades públicas verá recoñecidos con créditos de libre configuración este mérito. En total, poderán obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario e, ata un máximo de 6 créditos ECTS. Este feito será aplicable tanto para os estudantes desta convocatoria, como para o alumnado que titulou por primeira vez o programa no curso 2019/2020.

Recursos e difusión de boas prácticas

O alumnado, para obter 1,5 créditos ECTS, debe participar no Programa Mentoring STEMbach de cada universidade. Esta novidade forma parte da estratexia do Goberno galego para reforzar o programa educativo, e inclúe accións como o recoñecemento aos mellores traballos de investigación realizados por estes estudantes en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa de Vigo (UVigo) e coa da Coruña (UDC).

A maiores, crearase a Rede STEMbach para impulsar o programa. Trátase dunha estrutura de apoio e reforzo aos axentes implicados na iniciativa con propostas que fomenten a colaboración. No que atinxe ao alumnado, terá preferencia para participar en determinadas accións específicas das universidades, ademais de obter os devanditos créditos de libre configuración de xeito gratuíto. Tamén se promocionará o seu traballo en feiras e publicacións científicas recoñecidas.

No caso dos docentes deste Bacharelato de excelencia, facilitaráselles o acceso ás instalacións e equipamentos do Centro de Innovación Educativa e Dixital para a investigación e creación de proxectos e poderán optar para iso a licenzas de formación. Tamén terán acceso a contidos específicos para o ensino das materias STEM e a un repositorio común de charlas relacionadas con estas disciplinas e difundirase o seu labor en publicacións científicas recoñecidas.

Ademais, organizaranse encontros que poñan en contacto ao profesorado e alumnado do programa para compartir experiencias, dificultades, vantaxes e procedementos de organización e desenvolvemento e farase un acompañamento do profesorado e alumnado desde a Consellería a través dun espazo virtual común con recursos STEM.

Compré lembrar que a Xunta de Galicia implantou o programa STEMbach por primeira vez no curso 2018/2019 e foise consolidando ata chegar a 45 centros e 741 alumnos matriculados no curso 2023/2024. Ao longo das distintas edicións máis de 1.000 estudantes xa titularon no programa. Ademais, teñen participado docentes tan prestixiosos como o xenetista e catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Resolución provisional de centros candidatos para participar na Fase 2 do programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2023/24 e 2024/25

Mér, 19/06/2024 - 12:20
Idioma Gallego

Resolución provisional de centros candidatos para participar na Fase 2  do programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2023/24 e 2024/25, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional.

 

Anuncio principal: 

Programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2023/24 e 2024/25, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional

Tema: 

Formación OBSERVA_ACCIÓN Plans e actuacións en innovación educativa

Ensinanza: 

Educación infantil Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Servizo de Programas de Formación

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Innovación
Categorías: Novas da Xunta

Resolución provisional de centros candidatos para participar na Fase 4 do programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2022/23 e 2023/24

Mér, 19/06/2024 - 12:13
Idioma Gallego

Resolución provisional de centros candidatos para participar na Fase 4  do programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2022/23 e 2023/24, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional.

 

Anuncio principal: 

Programa de formación “Observa_Acción: Desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2022/23 e 2023/24, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional

Tema: 

Formación OBSERVA_ACCIÓN Plans e actuacións en innovación educativa

Ensinanza: 

Educación infantil Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Servizo de Programas de Formación

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Innovación
Categorías: Novas da Xunta

Centros de FP de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte e Ourense proclámanse vencedores dos retos da primeira edición de Innovatech FP

Mar, 18/06/2024 - 18:25

Summary: 

Os participantes tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade

Resultaron gañadores os centros integrados de FP Valentín Paz Andrade, Imaxe e Son, Ferrolterra, Portovello e Politécnico de Lugo, así como os institutos Politécnico de Vigo, A Sardiñeira, Perdouro e A Pinguela

Deron resposta aos retos propostos por Viaqua, Pérez Rumbao, Diesemm, Finsa, Aceites Abril, L’Oreal, elPulpo, Roberto Verino, Fundación San Rosendo e Naturgy

“As propostas premiadas neste acto son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destaca o conselleiro

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, presidiu hoxe a entrega de premios da primeira edición do certame InnovaTech FP a centros de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte de Lemos e Ourense, un programa que sinalou como “revolucionario para o apoio da formación tecnolóxica e dixital dos futuros profesionais, ao tempo que redunda positivamente no tecido produtivo”.

O titular do departamento educativo galego explicou que o programa naceu este curso para poñer de manifesto a importancia de responder ás necesidades reais do tecido produtivo apoiándose na innovación tecnolóxica e no emprendemento, retando aos estudantes a resolver as propostas das empresas. “As propostas premiadas son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destacou.

Román Rodríguez puxo tamén en valor a importancia do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros como polo tractor das iniciativas xurdidas ao abeiro do programa. De feito, poranse a disposición do alumnado as instalacións e medios materiais humanos do centro para facilitar o desenvolvemento destes proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.

Mellores proxectos

InnovaTech FP dirixiuse a centros públicos de FP con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento. Os participantes, organizados en equipos multidisciplinares e cunha distribución equitativa de xénero, tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade, e cuxas solucións deberán ter un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural así como no fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000€ para o desenvolvemento do proxecto, son os que se reflicten na táboa. Entre os 10 centros premiados, seleccionouse a maiores ao CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo en resposta ao reto plantexado por Viaqua, como premio especial.

 

Empresa

Reto

Centro gañador

Viaqua

Deseño dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais

CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)

Pérez Rumbao

Desenvolvemento de robots para o reparto de recambios en talleres de automoción

IES Politécnico de Vigo (Vigo)

Diesemm

Solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos

CIFP Imaxe e Son (A Coruña)

Finsa

Creación dun sistema de control de crecemento de especies forestais que permita a monitorización das condicións ambientais

CIFP Ferrolterra (Ferrol)

Aceites Abril

Sistema de medición rápida de graxas en pastas de refinado

IES A Sardiñeira (A Coruña)

L'Oreal

Solucións para a transformación de envases plásticos de produtos cosméticos en produtos duradeiros para salóns de peiteado

IES Perdouro (Burela)

elPulpo

Creación dunha colección téxtil reciclada

IES A Pinguela (Monforte)

Roberto Verino

Deseño dun sistema de análise para unha empresa téxtil que axude a optimizar propostas de colección e a medir a satisfacción do cliente

CIFP Portovello (Ourense)

Fundación San Rosendo

Desenvolvemento dun sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

Naturgy

Deseño de ferramentas para a detección de perdas de enerxía eléctrica para contribuír á súa redución

CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)

 

 

InnovaTech FP enmárcase na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia e desenvolverase entre o presente curso 2023-24 e o próximo 2024-25, ao longo dos cales mobilizaranse máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP, o que suporá un investimento de 1,5M€ neste período. Nesta primeira edición participaron 85 centros e arredor de  800 alumnos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

O Informe PISA sitúa ao alumnado galego como o terceiro de España con máis pensamento creativo, por riba tanto da media estatal como dos países da OCDE

Mar, 18/06/2024 - 15:49

Summary: 

Galicia é unha das catro comunidades españolas que superan os 34 puntos e que acceden ao nivel 4, no que están os países do mundo con mellores puntuacións

Esta competencia, avaliada en 4º de ESO, determina o grao de preparación do ensino para que os estudantes pensen de forma creativa en distintos contextos

Idioma Gallego

O alumnado galego volve destacar en PISA e sitúase no grupo de cabeza de España con mellores resultados en pensamento creativo, segundo se desprende dos datos do informe español dado a coñecer hoxe.  

Galicia obtén unha puntuación media de 34,3 puntos, 1,5 por riba da medida de España (32,8 puntos), 1,6 dos países da OCDE (32,7 puntos) e 2,2, da Unión Europea (32,1). No panorama español, a nosa Comunidade sitúase entre as tres onde se rexistraron mellores resultados, a tan só cinco décimas de Madrid, que encabeza o ránking con 34,8 puntos, e tres décimas de Castela e León, que ocupa a segunda posición con 34,6. Son, xunto a Asturias, as catro únicas autonomías que superan os 34 puntos, o que as sitúa no nivel 4, o mesmo no que se atopan os países con mellores puntuacións de todo o mundo. 

Ademais, Galicia, xunto con Madrid e Castela e León, destaca tamén en dúas variables especialmente significativas cando se analizan os resultados con maior detalle. Por unha banda, son as tres comunidades con maior porcentaxe de alumnado en niveis altos de rendemento en pensamento creativo. E, por outra, son as que presentan menor porcentaxe de alumnado no nivel baixo, é dicir, os que non acadan o nivel básico. 

Así pois, Galicia volve destacar unha vez máis nos resultados PISA, desta vez nunha nova variable que avalía a competencia en pensamento creativo dos estudantes de 15 anos de idade (4º de ESO) co obxectivo de determinar o grao de preparación dos sistemas educativos para que os estudantes pensen de forma creativa en distintos contextos.

Analizar ideas e obter bos resultados

A proba, que forma parte do conxunto das realizadas ao abeiro do Informe PISA 2022, explora ata que punto os alumnos poden xerar ideas diversas e creativas e avaliar e mellorar as ideas de outros para acadar resultados creativos. Para isto, os alumnos tiveron que desenvolver tarefas en catro áreas específicas que foron expresión escrita, expresión visual, resolución de problemas sociais e resolución de problemas científicos.

Tendo en conta a variable xénero, as diferenzas de rendemento de pensamento creativo é en todos os casos favorable ás mulleres, un comportamento que tamén se dá en Galicia, onde as mozas obteñen 2,2 puntos máis que os mozos, exactamente na mesma liña da media de España, e unha diferenza algo inferior aos 2,7 puntos da media da OCDE. 

O mesmo acontece atendendo ao nivel socioeconómico, onde os estudantes de contextos favorables presentan un rendemento superior que os seus compañeiros de contextos desfavorecidos, aínda que está diferenza é máis atenuada en Galicia que no conxunto de España e da OCDE, dado que o galego é un dos sistemas educativos máis equitativos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta inviste 115.000 € no proxecto de metaverso ‘Universo Uvigo’

Mar, 18/06/2024 - 15:46

Summary: 

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o reitor, Manuel Reigosa, comproban o funcionamento do sistema, que afonda nas posibilidades do metaverso

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, comprobaron hoxe o funcionamento de UNIverso UVigo, o proxecto de metaverso impulsado pola universidade viguesa e que se presentou hoxe na Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra. A Xunta inviste 115.000€ nesta iniciativa.

En concreto, hoxe presentouse Simulacro, unha aplicación de realidade virtual inserida neste proxecto para a simulación de procesos de creación audiovisual. A través duns lentes de realidade virtual, permite o alumnado realizar labores de realización, dirección de fotografía e manexo de cámaras nun plató virtual.

O obxectivo de UniversoUVigo é afondar nas posibilidades do metaverso a través dun prototipo que albergará espazos de encontro, ensinanza e aprendizaxe. O plan piloto inclúe a virtualización de laboratorios para que poidan ser empregados por distintas titulacións para diferentes tarefas, o que evitaría ter que duplicar laboratorios idénticos, cun alto custo, dado que a virtualización permitiría o seu uso desde diferentes centros. Grazas ás ferramentas de software xeradas a través da iniciativa facilítase o traballo remoto a este entorno virtual desde terminais con prestacións limitadas.

54M€ desde 2019

Tal e como explicou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, o proxecto está cofinanciado polo Goberno galego a través dos convenios para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i, “que constitúen unha das principais aposta da Xunta de Galicia para o fortalecemento do ecosistema de investigación nas universidades públicas”, afirmou. “Desde 2019, cando se creou esta liña de financiamento para accións estratéxicas de I+D+i, levamos investidos 54M€ nestes convenios”, salientou.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria para a selección de centros públicos de ensino non universitario de Galicia para participar no programa EduFrance no curso 2024/25

Mar, 18/06/2024 - 10:14
Idioma Gallego

Resolución do 14 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula a convocatoria para a selección de centros públicos de ensino non universitario da comunidade autónoma de Galicia para participar no programa EduFrance de intercambio de alumnado con centros educativos dependentes das Régions Académiques Hauts-de-France e Bretagne durante o curso escolar 2024/2025.

  • O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación desta Resolución no Portal Educativo http://www.edu.xunta.gal.

 

Acceso á aplicación

 

File: 

Resolución do 14 de xuño de 2024 Pasos para cubrir a solicitude

Tema: 

Lingua estranxeira Programas e plans

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín Linguas estranxeiras
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria do programa Clubs de Lectura en centros públicos titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional para o curso 2024/25

Lun, 17/06/2024 - 17:57
Idioma Gallego

Publícase a Resolución do 12 do xuño de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, dentro das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se incentiva  o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que acollan ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, tanto en réxime ordinario como de Aprendizaxe Permanente, ou Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, durante o curso 2024/25.

  • O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no portal educativo e rematará o  día 4 de outubro de 2024.

Todo o procedemento de solicitude realizarase a través da aplicación informática programas bibliotecas (https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas/).

 

File: 

Resolución do 12 do xuño de 2024

Tema: 

Programas e plans Plan LÍA Bibliotecas escolares

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria Bacharelato Formación Profesional inicial Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Rueda anuncia para o vindeiro curso a posta en marcha do plan FPGal360, dotado con 24 M€ ata 2028, co obxectivo de reducir o abandono escolar e orientar profesionalmente á mocidade

Lun, 17/06/2024 - 17:30

Summary: 

Destaca que a idea é “conseguir que o 100 % dos rapaces galegos sigan formándose ata, polo menos, cumprir os 18 anos”, así como “atraer de novo ao sistema educativo a persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen”

O plan inclúe máis de 60 medidas de actuacións dirixidas a alumnado e profesorado, así como para a poboación sen cualificación de entre 24 e 34 anos

Trabállase para reducir a cero a taxa de abandono temperá e que o 100 % dos rapaces sigan formándose ata, polo menos, cumprir a maioría de idade

Tamén se busca atraer de novo ao sistema educativo aquelas persoas con baixa cualificación co fin de enriquecer a súa formación e xerar oportunidades profesionais

Idioma Gallego

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia porá en marcha o vindeiro curso o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, dotado con 24 M€ ata 2028. Unha medida que, tal e como apuntou, conta cun dobre obxectivo: “conseguir que o 100 % dos rapaces galegos sigan formándose ata, polo menos, cumprir os 18 anos e atraer de novo ao sistema educativo a persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen”, sinalou.

Trátase por tanto, de reducir o abandono escolar na comunidade, a pesar de que Galicia está en “mínimos históricos” na taxa de abandono temperá (8,8%) - adiantándose sete anos ao obxectivo do 9 % fixado pola UE para 2030- fronte ao 13,6% do conxunto de España. “Queremos seguir avanzando e o ideal sería chegar á taxa de abandono escolar cero”, apuntou.

Neste sentido, o Consello da Xunta celebrado esta mañá aprobou o plan da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, consistente en 60 accións específicas, co fin de establecer un sistema integral de orientación profesional que guíe e acompañe á cidadanía na súa toma de decisións educativas e profesionais desde idades temperás e ao longo de toda a vida.

Así pois, mediante o FPGal360, a Xunta de Galicia ofrecerá unha orientación profesional integral que lles ensine ás persoas a planificar e tomar decisións sobre a súa vida laboral e a formación que implica.

Isto suporá implantar un conxunto de servizos dirixidos a axudar ás persoas de calquera idade -especialmente para os máis novos e persoas con baixa cualificación- e en calquera momento das súas vidas a tomar decisións axeitadas a nivel educativo, formativo e laboral, a xestionar a súa traxectoria profesional creando o seu itinerario formativo; a reflexionar sobre as súas ambicións e intereses e a súa cualificación e capacidade, e a comprender o funcionamento do mercado laboral.

Alfonso Rueda apuntou que as actuacións previstas no plan artéllanse en “tres eixos” que inclúen “o alumnado que está actualmente dentro do sistema educativo, uns 230.000; a mocidade que abandonou este sistema e que cómpre recuperar, uns 80.000 mozos de 24 a 34 anos con baixa cualificación; e a poboación en xeral que queira ampliar a súa formación para mellorar a súa inserción laboral”, sinalou.

Fomentar a continuidade na formación

O primeiro dos eixos abrangue iniciativas concretas dirixidas a “fomentar a continuidade dos rapaces no ensino” e, deste xeito, reducir a mínimos o abandono escolar temperá. Isto é, que o alumnado perciba que continuar a súa formación dentro do sistema sexa unha oportunidade para unha mellor cualificación.

Para iso establécense catro liñas e 15 medidas entre as que destacan a elaboración de novos programas de orientación profesional e vocacional e de materiais de apoio á labor orientadora; o reforzo da FP básica coa actualización da oferta e a mellora de recursos;  actuacións para reducir o abandono escolar nos colectivos máis desfavorecidos; impulso da formación especializada en orientación profesional, incidindo nas potencialidades da FP básica, e enquisas para alumnado e familias como ferramenta para a mellora da toma de decisións.

O segundo céntrase en “potenciar un sistema de orientación vocacional e profesional que conduza á inserción laboral efectiva”, a través de cinco liñas de actuación e 30 medidas específicas recollidas no plan. Entre elas destaca a creación do Espazo e da Rede FPOrienta, a difusión e promoción das novas tecnoloxías, innovación aplicada á orientación profesional e formación especializada en orientación profesional e vocacional, entre outros.

Itinerarios formativos atractivos

O terceiro eixe do plan diríxese a “facilitar a cualificación e titulación da mocidade galega” desde o sistema educativo, con itinerarios atractivos e que supoñan unha porta profesional e persoal de futuro.

A través de catro liñas e 15 medidas impulsaranse a coordinación e colaboración entre os distintos axentes para a cualificación da poboación. Ademais, reforzarase a capacitación profesional a través do procedemento de acreditación de competencias profesionais, a orientación profesional nos centros de educación permanente de alumnos e o desenvolvemento de accións formativas especializadas que respondan ás demandas específicas do tecido produtivo.

Estes tres eixes desenvolveranse a través da colaboración público-privada, coa participación doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como de asociacións e outras entidades implicadas na orientación profesional. 

Entre as liñas de actuación globais, ao abeiro deste plan, a Consellería de Educación reforzará a información e formación dirixidas ao persoal orientador dos centros educativos e aos equipos directivos e docentes.

No caso do alumnado, incidirase en facilitar información e orientación ao alumnado desde idades temperás e deseñaranse actuacións específicas dirixidas ao alumnado vulnerable, con especiais necesidades de aprendizaxe ou en risco de abandono.

Recuperar a persoas que abandonaron o sistema

Tamén se atenderá especificamente ao alumnado que abandonara o sistema educativo sen acadar unha titulación, co fin de recuperalos e darlle unha nova oportunidade de formación e, deste xeito, que melloren as súas oportunidades e expectativas laborais.

Outras liñas de traballo irán dirixidas a actuacións sobre a poboación que non conta con formación acreditada, con propostas específicas, sobre todo con especial atención á mocidade que se atope nesta situación.

O Plan FPGal360 recollerá tamén unha epígrafe de asesoramento personalizado e orientación profesional para colectivos de persoas desempregadas que participen en procesos de acreditación de competencias adquiridas por experiencia laboral.

No período de vixencia do plan, entre este ano e o 2028, o conxunto de medidas que se van poñer en marcha suporán un investimento global de 24 M€, nove dos cales se farán efectivos durante o presente exercicio 2024. 

A posta en marcha deste plan enmárcase na Estratexia de formación profesional Galicia 2030, que ten entre os seus eixes a orientación profesional á cidadanía na creación dun itinerario personalizado de formación para o emprego e a difusión das oportunidades da formación, adquisición de competencias e recoñecemento delas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta recoñece o traballo de centros de Abegondo, Santiago, Poio e Vigo en prol da igualdade co selo biblioteca escolar solidaria

Lun, 17/06/2024 - 17:28

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández entrega o recoñecemento ao Colexio CEIP Plurilingüe Seis do Nadal, de Vigo

Tamén se premian as experiencias de voluntariado de lectura de 10 centros de Carballo, Muros, Outes, Sober, O Irixo, Bueu, A Estrada, Ponteareas e Vilagarcía 

A Consellería de Educación convoca o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e os Clubs de Lectura para o vindeiro curso

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo) para facerlle entrega do Selo Biblioteca Escolar Solidaria, un galardón concedido pola Xunta para recoñecer a centros  cuxas bibliotecas traballan de forma salientable a igualdade de oportunidades e fomentan o voluntariado cultural e social entre os seus integrantes.

Ademais do da cidade da oliveira, obteñen este recoñecemento os colexios CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio) e CEIP Plurilingüe Frián-Teis (Vigo), así como o Centro Integrado de FP Compostela (Santiago). Os cinco realizaron unha planificación da biblioteca solidaria sobre problemas reais que afectan á comunidade educativa, e que se poidan orientar arredor dos obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable. 

Cada un deles recibirá unha asignación de 1.500€, que deberá destinarse a actividades da biblioteca escolar no ámbito da atención da diversidade para facilitar avances na configuración dunha biblioteca inclusiva ou en relacións aos obxectivo da Axenda 2030 e con implicación das familias.

Voluntariado de lectura

Por outra banda, ao abeiro desta convocatoria recoñecéronse outras 10 experiencias na modalidade de Voluntariado na biblioteca escolar entre as bibliotecas dos centros de Educación Primaria, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Trátase dos colexios CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Plurilingüe de Louro (Muros), CEIP Plurilingüe de Outes (Outes), CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo), CEIP Plurilingüe Montemogos (Bueu), CEIP do Foxo (A Estrada), CEIP Fermín Bouza Brey (Ponteareas), CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa) e CEIP O Piñeiriño (Vilagarcía de Arousa).

Neste caso os centros recoñecidos recibirán unha asignación de 600€ para o desenvolvemento dun obradoiro especializado sobre lectura expresiva, narración oral, escrita creativa, a radio como medio de comunicación, a elaboración de booktrailers (pezas audiovisuais de presentación dun libro), os xogos cooperativos ou a música e danza tradicionais.

O obxectivo destes recoñecementos é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria, a través de actividades como as lecturas compartidas dentro e fóra do centro (na vila, con outros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do concello, por exemplo), así como as accións de acompañamento na lectura a outros compañeiros do propio colexio, denominados como apadriñamentos e amadriñamentos lectores.

Incremento da participación

O número de centros que participan no programa de Bibliotecas Escolares Solidarias incrementouse de xeito significativo este curso e son 89 os centros que o desenvolven na modalidade de voluntariado escolar para 5º e 6º de Primaria, un 20% máis ca no 2022/23. Nesta categoría o alumnado forma parte do equipo de colaboradores que, xunto co profesorado, contribúen ao bo funcionamento biblioteca e ao desenvolvemento das súas iniciativas, organizando ademais lecturas compartidas dentro ou fóra do centro, con persoas maiores, entre outros.

Na modalidade de Secundaria e outras ensinanzas hai 132 centros integrados no programa, un 15% máis ca no curso anterior. A súa participación materialízase en actividades de colaboración relacionadas coa biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida ou de traballo coa información, organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro.

Novas convocatorias 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar tamén as convocatorias do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e dos Clubs de Lectura para o vindeiro curso. 

No caso do PLAMBE, poderanse incorporar 25 centros novos a este programa, que este curso chega aos 842 centros educativos de toda Galicia. O orzamento total da convocatoria, que contempla tanto os colexios e institutos de nova incorporación como os que continúan participando na iniciativa, é de 1,5M€. Ademais da achega económica, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería. 

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 18 de xullo e, como é habitual, a convocatoria incide na adquisición de fondos nas librarías de proximidade e dá prioridade aos centros do rural, de tal forma que, en igualdade de puntuación, terán preferencia os situados en concellos de menor poboación.

Por outra banda, o departamento educativo da Xunta pretende superar os 450 centros no programa de Clubs de Lectura o vindeiro curso. Como novidade, este curso haberá unha modalidade de nova incorporación e outra de continuidade, aínda que os centros que xa participaron noutros cursos non terán que achegar un novo proxecto para este ano. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de outubro.

Poderán participar os centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar en tempos de lecer ou horario extraescolar. A dotación total do programa ascende a 400.000€ e con estas axudas os centros poderán adquirir libros para as actividades do club.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta


by Dr. Radut