Skip to Content

Probas para a obtención do título de bacharelato para persoas maiores de 20 anos

Introdución

Segundo a RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, convócase a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de 20 anos correspondente ao ano 2022 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento administrativo ED534A).

A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais. Non obstante o anterior, poderanse inscribir na proba, e titularen pola modalidade de Artes, as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme o establecido na segunda parte do anexo III da citada resolución.

Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes

Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou facer esa idade no ano 2022.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2021/22.

Prazo de presentación das solicitudes de inscrición

O período de inscrición na proba estará comprendido entre o 7 e o 16 de marzo de 2022.

Forma de presentación

As persoas aspirantes poderán inscribirse nos dous exercicios que integran a proba ou nun deles.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse presencialmente nos centros educativos sinalados no seguinte apartado e en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado, que se poderá obter premendo no anterior enlace, na sede electrónica da Xunta de Galicia, na páxina web da Consellería de Educación e na Secretaría do IES Xermán Ancochea Quevedo.

Lugar de presentación

a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3, 2º andar, 15003 A Coruña.

b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.

c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.

d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.

e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.

f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8, 1º, 36202 Vigo. 5.

Documentación complementaria a entregar coa solicitude

Cando proceda, xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación complementaria.

a) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

b) Certificado de residencia no caso de solicitar a exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II por proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro, nos termos establecidos polo artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio.

c) Certificacións académicas ou copia do libro de escolaridade e/ou historial académico onde se acredite ter superado materias para validar algún exercicio. 

Listaxes de persoas admitidas e prazos de reclamacións

O día 18 de marzo de 2022 publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.

Xunto coa listaxe de persoas admitidas e excluídas sinalaranse para cada persoa aspirante os exercicios en que figura inscrita, con indicación, se é o caso, da nota correspondente aos exercicios validados e a concesión ou denegación da exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II.

Unha vez publicadas as listaxes, as persoas interesadas disporán de 10 días para presentar, mediante escrito motivado e dirixido á dirección do centro no cal se presentase a solicitude de inscrición na proba, as alegacións que consideren convenientes ou emendar as deficiencias detectadas na documentación achegada, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O día 5 de abril de 2022 publicarase a listaxe definitiva do alumnado admitido e excluído no portal educativo https://www.edu.xunta.gal.

Data e lugar de realización da proba 

A proba realizarase en Santiago de Compostela o día 29 de abril de 2022 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.

Entre as 8.15 e as 8.30 horas realizarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.

A sesión de mañá desenvolverase entre as 8.30 e as 14.30 horas e dedicarase á realización do primeiro exercicio.

A sesión de tarde desenvolverase entre as 16.30 e as 20.30 horas e dedicarase á realización do segundo exercicio

Para a realización da proba as persoas candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Cualificacións provisionais e reclamacións

O día 11 de maio de 2022 farase pública a listaxe provisional das persoas avaliadas coas cualificacións positivas, por exercicios, no portal educativo https://www.edu.xunta.gal 

Contra estas cualificacións poderase presentar reclamación por escrito dirixida á presidencia do tribunal nos 3 días hábiles posteriores á publicación das cualificacións

Resolución

Resoltas as reclamacións, o día 19 de maio de 2022 publicarase a listaxe coas cualificacións definitivas no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

Contra estas cualificacións poderase interpoñer no prazo de 1 mes recurso de alzada ante a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, que esgotará a vía administrativa.

Superación da proba

A proba considérase superada cando se obteña unha cualificación global igual ou superior a 5 puntos en cada un dos dous exercicios que a compoñen.

Conservación da cualificación dun exercicio superado

As persoas que non superen a proba na súa totalidade poderán manter a cualificación obtida no exercicio superado para sucesivas convocatorias.

Propostas para a obtención do título de bacharel

As persoas aspirantes que superen a proba recibirán, logo de solicitude, o título de bacharel na modalidade correspondente.

Máis información

Na Secretaría e no Departamento de Orientación do IES Xermán Ancochea Quevedo

Na páxina web da Consellería de Educación

Na sede electrónica da Xunta de Galicia

Resolución do 17 de febreiro de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización.

 



page | by Dr. Radut