Skip to Content

Unha análise científica para Sofía Casanova


Mércores 7 de Xullo de 2010

O Consello Superior de Investigacións Científicas presentou o libro Vida e tempo de Sofía Casanova, unha obra colectiva coordinada polo doutor Antón Pazos que analiza, en clave “científica”, a figura “pouco coñecida” da primeira correspondente de guerra galega. Pazos sinalou que Sofía Casanova é unha autora “menos coñecida do que merece”, ao tempo que lembrou o seu destacado papel como cronista da Revolución Rusa, da Primeira e da Segunda Guerra Mundial e da Guerra Civil Española.

“Non é un libro compracente, é analítico e científico”, admitiu Antón Pazos mentres lembraba as seis colaboracións que o compoñen e antes de indicar que “o máis importante” da figura de Casanova é “a súa liberdade de espírito”.

No volume presentado este martes, Antón Pazos realiza unha aproximación á antropoloxía de Sofía Casanova e os temas presentes nos seus artigos, mentres que o 
doutor Grzegork Bak analiza os principais acontecementos que a escritora viviu en Polonia.Kristy Hooper reflexiona na súa achega sobre a situación institucional das intelectuais como Casanova a principios do século XX; ao tempo que Olga Osorio achega unha visión do papel de Casanova como xornalista e cronista de guerra.

A poetisa e escritora Carmen Blanco realiza unha análise de paralelismos entre Casanova e Emma Goldman e, finalmente, María del Carmen Martínez achega ao libro unha visión “íntima e intelectual” da autora a través da súa correspondencia.



page | by Dr. Radut