Skip to Content

2º bacharelato

Demo da proba da proba de acreditación dixital - Nivel Intermedio

Recórdase que o alumnado de 2º de Bacharelato que se inscribiu na proba de acreditación da competencia dixital pode acceder á demo da mesma premendo nesta ligazón. Recoméndase ao alumnado acceda a esta demo para familiarizarse coa configuración antes de facer a proba.

Lista definitiva de alumnado admitido 2º Bacharelato - Admisión 2024-2025

Comunícase que todo o alumnado que presentou solicitude de admisión no período de admisión ordinario (do 1 ao 20 de marzo de 2024) para o curso 2º Bacharelato resultou admitido e deberá formalizar a matrícula no período que vai do 24 de xuño ao 8 de xullo de 2024. A lista de alumnado admitido para o curso 2º Bacharelato pode consultarse no taboleiro de anuncios do centro.

A lista provisional de admitidos do alumnado que presentou solicitude de admisión no período de admisión ordinario (do 1 ao 20 de marzo de 2024) para os restantes cursos da ESO e 1º Bacharelato publicarase o día 25 de abril de 2024 no taboleiro de anuncios do centro.

Bolsas Eurolingua

Infórmase da apertura da 11ª Convocatoria das Bolsas Eurolingua para a realización de Cursos de Inglés en Irlanda de dúas semanas de duración durante o verán nun programa de inmersión todo incluído dirixido a estudantes de Secundaria, Ciclos e Universidade.

Poden consultar toda a información da convocatoria picando nesta ligazón: Becas Eurolingua

  • O programa está becado ao 100% e inclúe:
  • Programa de 20 clases de inglés semanais.
  • Material didáctico.
  • Aloxamento en familias seleccionadas e residencia.
  • Programa de actividades culturais, visitas e excursións.
  • Certificado de aproveitamento  do curso expedido polo colegio.
  • Teléfono de emerxencia 24 horas.
  • Non incluído, pero xestionable gratuitamente, o billete de avión.

Os requisitos para solicitar a bolsa son:

  • Idade mínima 14 anos.
  • Media académica de polo menos 6 puntos.
  • Estar matriculado neste curso nalgún destes estudos: ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos ou Universidade (masters e doctorados incluídos).
  • Ter nacionalidade de calquera país da UE.

O prazo de solicitude para esta bolsa finaliza o 21 de abril. Se teñen calquera dúbida  pódena consultar no noso apartado de preguntas frecuentes, respondendo a este e-mail ou no noso chat en liña.

"Falemos ABAU" - UDC

Adxúntanse uns videos curtos "Falemos da ABAU" da Universidade de A Coruña que poden ser de utilidade para o alumnado de 2º Bacharelato sobre as probas ABAU e o proceso de admisión para o curso académico 2024/2025.

Parte I: Contexto da ABAU

Parte II: Proba de acceso

Parte III: Proceso de admisión

Encontros virtuais virtuais da Universidade de Santiago de Compostela

Este curso os Encontros Virtuais na Zona USC terán lugar os días 21, 22, 25 e 26 de marzo. Os mesmos teñen como obxectivo dar a coñecer as titulacións e servizos que oferta a USC, están dirixidos moi especialmente ao estudantado de 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior.

A páxina de acceso ós encontros é https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais (actualizaranse os contidos da mesma a principios da próxima semana).

CALENDARIO DE EXAMES DA AVALIACIÓN FINAL ORDINARIA E EXTRAORDINARIA DE 2º BACHARELATO (adultos)

Publicamos o calendario de exames da Avaliación final ordinaria e extraordinaria de 2º de BACHARELATO Adultos correspondente ao presente curso 2023/24. Podedes consultar toda a información no documento adxunto.

Acreditación da competencia dixital do alumnado

A Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades ven de publicar as instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa as etapas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023-2024.

Os niveis de competencias dixitais que se acreditarán no curso 2023-2024 son os seguintes:

  • ComDix Iniciación (Equivalente a nivel A2)
  • ComDix Intermedio (Equivalente a nivel B2)

O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación. O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.

A obtención do título de bacharel acredita que a alumna ou o alumno ten os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio 1, 2, 3 e 5 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais. O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais. No caso de que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharel e ademais supere a proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio, recibirá a certificación ComDix que acredita o nivel intermedio.

As acreditacións do alumnado terán unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.

O alumnado que desexe participar nas probas específicas deberá cumprir os seguintes requisitos:

  • Estar matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria para presentarse á proba específica que acredita as competencias dixitais de nivel intermedio.
  • Estar matriculado en 2º de bacharelato para presentarse á proba específica que acredita a área de dominio 4 de competencias dixitais de nivel intermedio.

O alumnado de 4º de educación secundaria obrigatoria e o alumnado de 2º de bacharelato que desexe realizar a proba específica solicitará a súa inscrición entregando o impreso adxunto na secretaría do centro ata o día 15 de marzo de 2024, incluído. Os impresos serán entregados a todo o alumnado en formato físico, polo que non é necesario que o alumnado o imprima.

As convocatorias de probas específicas, no curso 2023-2024, realizaranse consonte ao seguinte calendario:

  • A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase no centro durante o mes de abril. Terá unha duración de 20 minutos e realizarase en horario lectivo.
  • A proba específica que acredita o nivel intermedio realizarase no centro durante o mes de maio. Terá unha duración de 90 minutos e realizarase en horario lectivo.

Informarase do día e da hora das probas coa antelación suficiente para a organización das mesmas.

Aínda que a inscrición nas probas é voluntaria recoméndase a todo o alumnado de 2º de Bacharelato presentarse ás mesmas.

As probas son gratuítas para todo o alumnado.

Normativa completa premendo AQUÍ

Máis información premendo AQUÍ

Proceso de admisión de alumnado externo para o curso 2024-2025

O día 1 de marzo de 2024 comeza o prazo para a presentación de solicitudes de admisión para o próximo curso. O prazo ordinario remata o día 20 do mesmo mes

Nos documentos adxuntos pódese atopar toda a información e documentación relativa ao proceso (lexislación, calendario, impresos...)

Normativa

Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C)

O sistema educativo galego

PREME O BOTÓN DE AMPLIACIÓN QUE SE ATOPA ABAIXO A DEREITA E ELIXE O TEU CAMIÑO.

 

Instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU)

Xúntase a Resolución do 20 de febreiro de 2024, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2024/25.

Acceso á Resolución premendo AQUÍ

Distribuir contido


by Dr. Radut