Skip to Content

ANIVERSARIO DO ESPERANTO

O doutor Ludwik Lejzer Zamenhof (1859-1917) foi o creador da lingua internacional esperanto. A súa intención era crear unha lingua moi fácil para calquera persoa.


O esperanto é unha lingua auxiliar artificial destinada para servir como unha segunda lingua universal para toda a poboación mundial e non, coma moitos supoñen, para substituír todas as linguas existentes. O esperanto é, a día de hoxe, a lingua artificial máis falada.


En Galiza, a principios do século XX había asociacións esperantistas nas cidades de A Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Vilalba, Foz, Lugo e Vigo. A única obra da literatura galega traducida integramente ao esperanto é “Retrincos” de Castelao.

Zamenhof criouse na cidade de Bialystok (que naquela época formaba parte do Imperio Ruso mais na actualidade pertence a Polonia). Nela falábanse moitas linguas, polo que había dificultades para a comprensión entre as diversas culturas. Isto motivouno para buscar unha solución ao problema, e co paso dos anos foi desenvolvendo o esperanto nun proceso longo e laborioso.


Finalmente, no ano 1887 e coa axuda económica de seu cuñado, logrou publicar un libriño no que espuña os principios da "Lingua Internacional", co pseudónimo de Doutor Esperanto, palabra que acabou por converterse no nome da sua creación.


Zamenhof morreu en Varsovia en 1917. Os seus tres fillos foron asasinados polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial (os Zamenhof eran unha familla xudea).



page | by Dr. Radut