Skip to Content

Marzo 2010

MARZO


MARZO de frescura, o voo prateado da sombra.
Exhalación dun astro brillando detrás da sede,
detrás dos ollos que penetran a luz dentro dos ollos,
no íntimo asombro, nesa queimadura de auga
que bebe o ceo.

Marzo de frescura, fulgor verde, labio de fonte arborecida,
ancha saúde do ar. Como un río de espellos
ferve o perfil do día, a raíz invisíbel do tempo.

Marzo, ¡sabor a seiva, sabor a estrela fría!

Nas aldeas do norte o vento é de sal e de arxila.
Aí a primeira febre da claridade morde o pan da mañá,
a carne da árbore, ese aroma novo no sangue
cando entra o sol no froito e treme o corazón.

Marzo delgado e duro, por dentro un eco de brancura e de chuvia,
un mar que vén polos campos: lámina constelada
de flor e néboa. Marzo de albas xeadas
antes da luz que cega o centro da auga.

Entre o incendio frío e a seda azul do vento,
Marzo de ardente gume onde a sombra do inverno
morre extasiada, vencida polo fogo dos días.

Miguel Anxo Fernán Vello (1958- )
 
fernán vello


page | by Dr. Radut